Antiga imaxe da Virxe da Candelaria, traída de América polos fundadores da primitiva capela de Copacabana, en Landrove. Na actualidade preside o altar maior da nova capela.


 

NOSA SEÑORA DE COPACABANA EN LANDROVE UNHA DEVOCIÓN ANDINA.

 

 

P Ó R T I C O.

 

Entre as moitas advocacións marianas existentes na Terra de Viveiro, destaca, pola súa popularidade, veneración e particular aceptación, a Virxe de Copacabana. Da súa orixe e fundación a penas nos teñen chegado novas, nen da man dos vellos cronistas, nen doutros estudosos como Jorge Castelo Briz, autor do opúsculo “Santuarios Gallegos”(Viveiro, 1954). Tan só o párroco de Magazos, Virgilio Barro Casabella, publicou na Voz de Galicia(16-2-1988), un artículo, intitulado: “Nuestra Señora de Copacabana una Virgen que vino del Lago Titicaca”, no que falaba, principalmente, da orixe da lenda en América. Mais recentemente, Francisco J. Janeiro, no libro “Romerías e Santuarios da Comarca de Viveiro”, editado no ano 2000, adicoulle á capela unha pequena referencia, pero tampouco aporta ningún dato que sirva para explicar ou fixar a data da súa fundación. Por todos istes motivos eliximos o presente artigo, para a revista Pregón.

 

UNHA VIRXE DE ORIXE INCAICA.

 

O Santuario orixinario de Copacabana está situado na península do mesmo nome, a 4.800 mts. de altitude, no chamado macizo andino da Cordillera Real, a beira do lago Tititaca, perto das illas do Sol e da Lua, antigos lugares sagrados dos incas. Aínda que durante os tempos da conquista  española formaba parte do Alto Perú, na actualidade pertence territorialmente a Bolivia, país do que rematou por convertirse en patrona a popularísima Virxe de Copacabana ou da Candelaria, tamén denominada garimosamente “A Coyeta” polos indios quechua e aimara.

 

Unha lenda encol do incaico Francisco Tito Yupanqui.

 

No pequeño poboado de Copacabana, emplazado á beira do lago Tititaca, os indíxenas vivían divididos en dous grupos étnicos, permanentemente enfrontados, os Anansaias e os Urinsaias. Aínda que os misioneiros españois levaran a cabo unha importante labor evanxelizadora, a pervivencia de antigos cultos animistas seguía manténdose con moita forza. Mais, as malas colleitas e outras desventuras de carácter natural fixeron que os indios pensaran en poñerse baixo a tutela dalgún santo cristiano. Así, os anansaias decidiron erixir unha confradía baixo a advocación da Virxe da Candelaria. Os uninsaias opuxéronse aclamando ao mártir San Sebastián. Sen embargo, todo ficou en proxectos, ante a falla de imaxes sagradas. Até que un indio chamado Francisco Tito Yupanqui, descendente do inca Huayna Capac, retomou a idea labrando unha imaxe en barro tan tosca que rematou por ser retirada do culto. Logo do fracaso, Yupanqui, dirixiuse ao Potosí, entrando como aprendiz no taller do artista Diego Ortiz e trasladándose seguidamente á Paz, onde tamén recibiu leccións do mestre escultor español Vargas, quen lle axudou a perfeccionar a imaxe. Mentres remataba a súa obra, a base de fe e perseverancia, Tito Yupanqui, enterouse da concesión definitiva de licencia para fundar a confraría da Virxe da Candelaria, en Copacabana. Ese feito motivouno grandemente para rematar a súa obra. Sen embargo, agora,  que os indios urinsaias accederon por fin,  á fundación da Confraría, non aceptaron, en troques, o ofrecimento da imaxe esculpida por Yupanqui, motivo polo que o artista decidiu vendela. Tempo despois, na cidade da Paz, a talla rematou en máns do crego de Copacabana quen se decidiu a trasladala para ao humilde santuario, onde sería entronizada, o día 2 de febreiro do ano 1583, coincidindo coa Purificación da María. A chegada da Virxe aos cerros de Guacuio supuxo numerosos milagres[1], entre eles a reconciliación definitiva dos urinsaias e os anansaias, enfrontados en permanentes loitas fraticidas.

 

O Santuario mariano de Copacabana  é un dos máis antigos de América, aínda que foi reformado primeiro, polos agustinos e posteriormente, en 1668, polo Virrey de Lima, o Conde de Lemos,  polo que o templo actual data do ano 1805. A imaxe da Virxe da Candelaria, que foi coroada solemnemente polo Pontífice Pío XI, está feita orixinariamente en xeso e pasta de maguei,  cunha  policromación moi rica.

 

 

FUNDACIÓN DA PRIMITIVA CAPELA DE COPACABANA, EN TOXEIRAS (LANDROVE).

 

 A capela primitiva estaba ubicada no lugar de Toxeiras(Landrove), á beira do antigo camiño real que ía pola Redoada cara a Vilares(Ourol). Fundárase en virtude de documento notarial, asinado o día 9 de xuño de 1688, en plena Contrarreforma, ante o escribano Andrés Galea y Peña, por vontade do matrimonio formado polo Capitán Francisco Fernández Vitorio e a súa dona Inés Fernández da Bouza, quen previamente recabaran o beneplácito do Bispo de Mondoñedo, co obxecto de:

 

“(...) erigir, dotar y fundar una Ermita en esta feligresia junto ála Casa de morada de los otorgantes donde llaman Tojeiras dela advocación de Nuestra Señora de Copacabana y Guia en propiedad, y sitio suio propio libre de Tributo salvo Diezmo á Dios, por ser en parte y camino publico, y decente por donde de Ordinario pasa mucha gente y causará mucha deboción asi por esto como por que en esta feligresia no hay otra Ermita alguna de esta advocación, ni de otra donde se pueda ir por discurso del año con rogación, excepto otra que está arriba en el Monte disierto entre peñascos donde llaman San Martín Castelo sola y desviada dela Vecindad cuesta arriba: Y ANSI desde luego fundaban y fundaron erigían y erigieron dha. Ermita devajo del beneplácito de su Señoria Ilustrísima dela dha advocación de Nuestra Señora de Copacabana, y Guia y a su honra y alabanza y para la perpetuidad de ella y que esté decente erecta cubierta y reparada delo necesario permanentemente que en ella se pueda celebrar y decir Misa y que haya persona fija que cuide de sus reparos”.

 

Na elección da advocación á Virxe de Copacabana tería moito que ver o pasado militar da familia do capitán Francisco Fernández Vitorio, en terras americanas do Alto Perú. Ao voltar a súa terra orixinaria, no Val do Landrove, os Vitorio-Fernández da Bouza, trouxeron unha pequena imaxe da Virxe, coa que se iniciou o culto á Virxe da Candelaria. Ademáis da devoción e vontade dos fundadores, non debemos esquecer a posible influencia exercida na expansión das devocións marianas por parte dos predicadores dominicos, franciscanos, agustinos ou xesuitas, que tanto labor de proselitismo realizaron, sobre todo nuns tempos de grandes controversias relixiosas, durante a Contrarreforma. Unha proba do que estamos manifestando teríamola na implantación de novas devocións marianas, de ascendencia colonial,  como o culto a Nosa Señora de Guadalupe ou de México, que, dende 1706 terá unha  Capelanía colativa na igrexa parroquial de Santiago de Viveiro.

 

A fundación da nova ermida de Copacabana realizábase baixo as rendas que producían dous Soutos de castiñeiros, sitos en Piñeiroo e no chamado Campo do Bispo, en terras de Landrove, ademáis de dous xornais de viñas, nunha peza, situada na feligresía de San Pedro de Viveiro, no lugar do Ameneiral, perto do Río Grande. O mantimento da capela realizaríase coa venda dos froitos, da que se encarregarían, inicialmente, os fundadores, actuando como patronos até a súa morte. Logo do seu pasamento, nomearíase como novo patrono o seu único fillo Juan Antonio Fernández Vitorio, e, despois del, aos seus descendentes:

 

“(...) y á falta de hijo, hija mayor y a falta de ellos, y de no tenerlos el que eligiere, y nombrare de su linaje prefiriendo siempre el Varon ala hembra, y el mayor al menor andando dhos. Vienes en una sola caveza y esto como Vienes y Patronato Real de Legos sin que se entienda Ermita Colativa ni que á titulo della ni de dhos. Vienes se pueda Atitular ni Ordenar de Orden sacro persona alguna ni recaer en perjuicio del Derecho parroquial”.

 

O patrono, ademáis, estaría obrigado a cumplir con toda unha serie de mandas, impostas por vontade dos fundadores, como eran:

 

“(...) decir una Misa rezada dia de Nuestra Señora á Ocho de Septiembre y por razon de ella pagar al Cura que fuere desta feligresia de Landrobe de limosna Tres Res. Y reparar delo necesario de paredes y Techo y Altar dha. Ermita para que este con la decencia devida á que há de ser obligado sin que dichos Vienes se puedan partir ni devidir vender ni enagenar en tiempo alguno sino estar en pie bien reparados como se debe y lo que en contrario se hiciere no valga en manera alguna”.

 
                                             
          Imaxe moderna da Virxe da Candelaria (Landrove), que sale en procesión o día 2 de febreiro.

 A CAPELA ACTUAL DE COPACABANA E A FAMILIA VILLAR PONTE.

 

A ermida actual de Copacabana está situada na marxe esquerda da estrada comarcal 642 de Viveiro a Lugo, no lugar do Cristo de Toxeiras, pertencente á parroquia de Landrove. O motivo do traslado dende o seu emplazamento primitivo, no camiño real de Toxeiras, como xa vimos, obedeceu á vontade expresada polo herdeiro do Patronato da Capela, o crego párroco de Santa María do Burgo(Muras), Manuel Bermúdez Maseda. Achándose gravemente enfermo, en Landrove, na casa da súa irmán viuva, María do Carme, institueu como únicos e universais herdeiros de todos os seus bens aos fillos desta, José e Ponciano Villar Bermúdez, emigrantes na Habana. Ademáis, nomeaba tamén como albacea a Daniel Aguirre, crego párroco de Santa María de Suegos, avecindado en Galdo, impoñéndolles aos herdeiros José e Ponciano, entre outras mandas, a obrigación de:

 

“(...) trasladar la Capilla de Nuestra Señora de la Copa-cavana, propia del testador á otro sitio más ventilado y decente, á su juicio, tenerla bien perfectada y aseada y descargar en ella todos los años una misa de estipendio de seis reales, equivalentes á una peseta cincuenta centimos el dia de la Candelaria, ó al siguiente, en lugar de la misa de tres reales que según antigua fundación debia descargarse en dicho local, prohibiendo el testador que pueda ser redimida” [2].

 

Uns anos máis tarde, en concreto o día 13 de febreiro de 1878, María Bermúdez Maseda, avoa paterna dos irmáns Villar Ponte, dirixíase ao alcalde constitucional de Viveiro solicitando permiso para construir unha capela sobre “terreno propio”, á beira da estrada Viveiro-Cabreiros e contigua ao burgo do Cristo de Toxeiras. O Alcalde Víctor Ávila, concedeulle a correspondente licencia, catro días despois, sendo aprobada a obra, definitivamente, o día 11 de marzo de 1878 polo Colexio de Inxenieiros de Lugo, baixo as seguintes condicións:

 

“1ª  La fachada de la Capilla se ha de construir según representa el plano que visado por mi y sellado con el de esta oficina se acompaña, paralela al eje de la carretera y á la distancia de cuatro metros y medio contados desde la arista exterior del paseo.

 

2ª  Ha de empedrar el paseo de la carretera en el frente de la capilla, en la longitud cuando menos de siete metros, ó sean tres y medio por cada lado del eje de la ermita, cubriendo la ermita en la misma extensión con piedras de granito de dimensiones convenientes sentadas sobre muretes de mampostería que formen caño cubierto en la dirección de la misma con una luz de cincuenta centímetros, siendo obligación de los dueños de la Capilla tenerlo siempre limpio y desembrozado para que las aguas corran libremente.

 

3ª  No podrá ocupar parte alguna de la carretera con materiales ni escombros.

 

4ª  El replanteo de la fachada se hará bajo la dirección del Ayudante ó Sobrestante encargado de la carretera, quien vigilará el exacto cumplimiento de estas condiciones, entendiéndose caducada esta licencia sino se diese principio á la construcción de la obra dentro del término de un año”.            

 

Nun principio, como vimos, foi  María Bermúdez Maseda  quen correu con todos os trámites iniciais para erguer a nova capela de Copacabana. O motivo debíase a que os  seus fillos, Ponciano e Xosé, seguían emigrados en Cuba. En adiante, farase cárrego de todas as obras Ponciano Villar Bermúdez, que voltara da Habana a Landrove, para casar, en outubro de 1878, coa xove viveiresa Melchora Ponte Peña [3].  Deste matrimonio, andando os anos, nacerían os irmáns Villar Ponte: Xosé Faustino, Antón, María da Consolación, Ramón e María da Natividade.

 

Gracias a unha pequena inscripción que se atopa situada nun recodo inferior, do lateral dereito do retábulo, sabemos, exactamente, a data do remate das obras de construcción da nova capela e do patrocinio económico de Ponciano Villar:        

 

                                                     “Se hizo y pintó esta capi-

                                                      lla y retablo a expensas

                                                      de Dn. Ponciano Villar

                                                      y Bermúdez, natural de

                                                      Landrove ano de 1878.”

                            
                                                  Procesión da Candelaria, en Landrove.
 

A CANDELARIA FESTA INVERNAL, PERO MENOS...

 

O día 2 de febreiro, data fixa no calendario, celébrase a festa da Candelaria. Unha festividade que dende moi antigo tivo grande arraigo nas terras de Viveiro, como nos demostra o feito da súa conmemoración, tanto na parroquia de Rúa, en Cervo, como na nosa vila, onde antigamente se celebraba, na Igrexa de Santa María do Campo, a chamada función da Candelaria, á que acudían en procesión o Correxidor e os rexidores do Concello. Os membros do Reximento ocupaban os lugares máis distinguidos na igrexa parroquial, tradición que se rachou no ano 1708, orixinándose unha longa querela na Audiencia da Coruña, que se saldou, en 1813, co restablecemento dos asentos ás autoridades. O conflicto orixinárase ao negarse o párroco D. Domingo Antonio Jove Bernardo, a que os membros do Concello ocupasen a cadeira e bancos da capela maior, onde se sentaban tradicionalmente as autoridades, aducindo a falla de sitio para os sacerdotes.  A reacción do Correxidor, Licenciado D. Sebastián de Carrión y Flomesta, foi a interposición dunha querela de forza contra o bispo de Mondoñedo ao sentirse agraviado por ter que estar:

 

“en lugar muy ínfimo, donde se sientan las mujeres, y abajo donde se sientan los particulares y gente vulgar”[4] .

 

A función da Candelaria mantívose, incluso, durante os tempos da primeira República , decidindo os membros da corporación, en sesión ordinaria, celebrada o día 25 de Decembro de 1873:

 

“(...) que la primera de aquellas Funciones sea como de costumbre el dos del proximo Febrero dia de la Purificación de la Virgen y con tal motivo quedase suprimida la vela que en dho. dia recogia cada uno de los Sres. Concejales, y su importe a favor de los gastos presupuestados pª las Funciones .[5]

 

Na actualidade, a festividade ficou reducida aos rituais que se celebran na capela de Copacabana, en Landrove, e que contan co fervor e devoción dos viciños/as, aínda que pasen un tanto desapercibidos para o resto dos viveireses-as, debido a que a conmemoración soe coincidir, normalmente, en día laborable.

 

A Candelaria ou Candeloria, como tamén se coñece popularmente, marca a metade do inverno, pois celébrase coarenta días despois do Nacemento de Xesús, mentres que o período invernal acostuma a ser de noventa días. Estaríamos, xa que logo, no preludio do bo tempo, como diría Ferro Ruibal no seu Diccionario dos nomes galegos: “A tradición simboliza neste día a festa do amor e do apareamento de todo o reino animal; acaban as xaneiras dos gatos e casan os paxariños”.  En moitas igrexas galegas, como na compostelana igrexa de Bonaval, nesta data, casaban simbólicamente unha parella de pombas que logo ceibaban. Do casamento dos paxaros o día da Candeloria, deixounos L. Amado Carballo a seguinte poesía, contida en “Proel”:

 

                                                     “Na catedral do abrente

                                                      hoxe cásans´os paxaros,

                                                      con nubens de neve e ouro

                                                      está o ceo galanado.”(...)

 

     Resulta moi corrente comparar ou identificar a chegada de determinadas aves invernantes e o remate do letargo dalgúns animais, como os osos, co inicio do bo tempo e o previsible remate do inverno. Como recolle o refraneiro popular, a respeito da invernante cigoña:

 

                                                      “Polo San Brais a cigoña verás

                                                       e se non a viras, ano de neves”.

 

Pero si estes sinais, claros exponentes do inicio do rexurdimento da vida e do reverdecer das plantas e árbores, non se deran, o inverno alongaríase, alomenos, coarenta días máis. Algo, polo demáis, bastante usual, xa que non hai que esquecer que estamos, aínda, a comezos de Febreiro, un mes considerado “tolo”, por imprevisible en canto ao tempo meteorolóxico, como nos di a copla popular:

 

“Febreiriño curto/ cos seus días 28/ se tivese máis catro/ non deixaba can nen gato/ nin ratiño no burato, nin cornos ao carneiro/ nen orellas ao pregoeiro//.

 

 A este fondo pagano-vitalista e de renacer da natureza, a liturxia cristiá sobrepúxolle a conmemoración da Purificación de María, despois do nacemento de Xesús.

                                                          
                                        
                         Detalle da Virxe da Candelaria co Neno e o cestiño cos pichóns.



O DÍA 2 DE FEBREIRO. A PURIFICACIÓN DA VIRXE. A CANDELARIA.

 

A festa da Candelaria, da Purificación  ou da Presentación da Virxe no templo con Xesús, é unha festa establecida documentalmente dende o século IV. Tradicionalmente, a celebración obedece a tres causas. Por un lado, á Purificación da Virxe, coarenta días despois do nacemento de Xesús, cando María acudiu ao Templo para purificarse e cumplir cun precepto do Levítico. Este deber, que estivo vixente até fai moi poucos anos entre as mulleres católicas, consistía en ter que pasar, despois do parto, coarenta días sen ir a igrexa. Logo, cando as mulleres voltaban,  facíanno cunha candea na man, saíndo a recibilas, á porta do templo, o crego da parroquia, que as axudaba a purificarse por medio da bendición e do lume da candea. Por outro lado estaría a Apresentación do Neno no Templo. E, por último, a “Festa das Candelas ou candeas” que recibe tamén iste nome polo costume que teñen os fieis, durante a celebración da misa, de soster nas súas máns candeas prendidas. Para moitos etnógrafos, esta tradición manifesta reminiscencias pagáns e de clara cristianización dos antigos cultos romanos a Februa e Plutón ou a chamada festa das luces das mulleres romanas, conmemoracións que realizaban a principios do mes de febreiro, iluminando as rúas polas noites con antorchas e fachucos.

 

O RITUAL RELIXIOSO.

 

Xa temos visto como os fundadores da Capela de Copacabana, en Landrove, instituiran como “manda” a celebración dunha Misa, o día oito de setembro, festividade de Nosa Señora. Anos despois, por vontade testamentaria do crego e propietario de Copacabana, Manuel Bermúdez Maseda, a data da misa, pasou ao día dous de febreiro, facéndoa coindicir coa festividade da Candelaria ou da Purificación da Virxe. Na actualidade, a conmemoración comeza coa tradicional bendición de candeas, que se realiza antes da celebración da eucaristía. Ademáis da misa, segue celebrándose un novenario ao que concurre moita xente dos arredores. Antigamente era moi usual que entre os ofrecidos/as figurasen especialmente arrieiros e maragatos da zona. Previamente á celebración da Eucaristía bendícense as candeas, coas que logo asistiran a misa os fieis. Outro costume curioso da celebración da Candelaria consistía na presencia das nais, cos seus fillas-os lactantes, no colo e cunha candea na man.

 

Unha vez  rematada a misa, sale a tradicional procesión das candelas, que antano se facía ao redor da capela, pero, na actualidade, por falla de espacio, faise un pequeno percorrido que varía anualmente, baixando cara ao burgo do Cristo e subindo de novo a Toxeiras. Durante a procesión, tiña moita importancia no sentir popular, o feito de que non se apagase no traxecto a candea que porta a Virxe. Se esmorecía antes de voltar á igrexa, decíase que “A Candelaria chora”, o que viría a significar a prolongación do inverno e do mal tempo, como moi ben dí a copla popular:

 

                                                        "Cando a Candeloria chora,

                                                         metade do inverno vai fora.

                                                         Que chore, que deixe de chorar

                                                         metade do inverno estache por pasar”.

  

A imaxe da Candelaria que sale en procesión é de feitura moderna, máis lixeira e doada de portar que a primitiva, de orixe peruano e moito máis maciza,  que preside o altar da capela. Tanto a imaxe antiga como a moderna sosteñen nunha man unha candea rizada e na outra ao neno Xesús, cun pequeño cestiño con dous pichóns e unhas tortas, en recordo do ofrecimento que tiñan que facer as mulleres xudeas no templo ao apresentar aos seus fillos. Aínda que non conquerimos saber o nome dos doantes da nova imaxe da Virxe, aseguráronnos que fora regalada pola familia dos do “Lindo”, de Landrove. Como despedida da procesión, cántase a Salve e pónse a santiña aos devotos-as que o desexen:

 

                                                        “Somos en Copacabana,

                                                         nuestra Guía y protección.

                                                         Ampáranos ¡Oh Madre Mía!

                                                         En toda tribulación.

                                                         Cristo viva, Cristo reina,

                                                         Cristo nos libre de mala muerte.

                                                         Amén”.

      

Temos recollido diversos testimonios de cómo o propio Antón Villar Ponte, que pasaba moitas tempadas na casa petrucial do Portociño de Abaixo, lle ten mandado ao popular “Riolo” de Landrove, que era o encarregado de poñer o santo en Copacabana, que tamén llo puxera a el, aproveitando, en plan alpuxarreiro, a pronuncia con “gheada” por parte do popular Riolo da palabra “Guía”, e, sobre todo, pola confusión que tiña ao decir: “tripulación” en vez de “tribulación”, palabra que o bó do Antón, por máis que se empeñaba, non foi capaz de correxirlle.

 

Antigamente, tamén era tradicional o feito de ofrendar diversos productos á Virxe: pitos, galiñas, chourizos, touciños, lacóns, queixos, etc. que logo eran subastados públicamente no adro da capela.

                                                      
                                                                       
 Bendición das candeas en Copacabana (Landrove).

  
                                     

O RITUAL DO LUME: AS CANDEAS.

 

Tanto na misa como na procesión da Candelaria o lume, (a luz eterna), representado polas candeas, ten un senso simbólico moi importante. Para a Igrexa a candea é un símbolo da purificación, no medio das tebras, sacralizada no baile dunha chama, cal metáfora da vida: ó ser un pabilo onde trema a alma que Deus pode apagar dun simple soplo, en calquer momento. Para outros investigadores, en cambio, a luz da candea, sería un esqueomorfo cristianizado dos antigos cultos da luz solar.

 

Non menos curioso resulta o feito de que a procesión se faiga sempre coas candeas prendidas, pese a súa celebración a plena luz do meiodía. Quizaves aquí esteña a clave popular de predicción do tempo meteorolóxico ou mesmo de bos ou malos augurios, a través das candeas. Estas, unha vez bendecidas e despois de participar con elas na procesión, gárdanse  para estar protexidos das treboadas ou de calquer desgracia, incluso en caso de agonía dalgún membro da familia.

 

O RITUAL GASTRONÓMICO.

 

Antigamente o tradicional do día da Candelaria era ofrecer pequenos pans, xunto con pichóns, en recordo dos que levara a Virxe ao apresentar ao seu fillo no templo, que debían de facer todas as mulleres xudeas. Esta práctica, na actualidade, está totalmente perdida en terras de Viveiro, aínda que sabemos da pervivencia do costume da bendición e reparto de pequenos paneciños que terían un pretendido carácter protector, tanto ao consumilos como ao  gardalos. Aquilino Iglesia Alvariño [6], fálanos do costume que existía, durante a Candelaria, nas terras de Mondoñedo, de bendecir cada familia un pan e uns boliños, pouco maiores que as avelás:

 

“(...) Al llegar a casa se reparten los bollitos. Los varones no suelen ser muy cuidadosos con ellos. A lo sumo, los guardan en un cajón, donde los llegan a coleccionar por docenas; pero las mujeres los llevan durante el año en sus faltriqueras. Hoy no tienen otro valor estos bollitos que el de amuletos, como los ollos maus (...)

 

El pan bendito se reparte para toda la semana. Antes de tomar el desayuno, y durante los siete días, se reúne la familia. El jefe de la casa corta un pedacito insignificante para cada miembro, y puestos todos en pie, rezan un Padrenuestro con ofrecimiento variado, pero casi siempre pidiendo por la conservación de frutos y ganados”.

 

Este costume de reparto de pequenos panecillos e rosquillas tamén se realiza ao día seguinte da Candelaria, o 3 de febreiro, festividade do San Brais. santo abogoso dos males da gorxa, que se celebra no Viveiró(Muras) e en Vilaxoane, en Foz. Da  relación existente entre as dúas festas invernais, recollimos a seguinte coplilla:

 

                                                               ¿De dónde vienes?

                                                               ¿Para dónde vás?

                                                               -Vengo de la Candelaria.

                                                               -Voy para el San Blas.  


 

 Até aquí, a historia e os rituais dunha advocación tan popular como a de Nosa Señora de Copacabana, en Landrove, que se ven celebrando dende finais do século XVII. 

                                                            Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)  

Citas:

[1] P. Calderón de la Barca, adicoulle o auto sacramental, intitulado: “La Aurora de Copacabana”, onde canta os prodixios da Virxe.

[2] Testamento otorgado por D. Manuel Bermúdez Maseda, en 18 de xuño de 1873, ante o escribán D. Antonio Pernas Martínez.

[3] Era filla de José María Ponte Villar, último médico das Reais Fábricas de Sargadelos e Director da Sanidade Marítima de Viveiro, así como da súa dona Antonia Peña Menéndez.

[4] Juan Donapetry Iribarnegaray. “Efemérides Vivarienses”, inédito.

[5] Libro de Actas do Concello de Viveiro, ano 1873. A.M.V.

[6] Prácticas Piadosas de tierras de Mondoñedo. A Candeloria. En Cuadernos de Estudios Gallegos. Publicación do Instituto Padre Sarmiento, 1947. Fascículo VII; páx: 488 


 

Comentarios

Publicacións populares deste blog