Altar da Virxe do Carme na igrexa de Santiago, en S. Francisco
DAS CONFRARÍAS MEDIEVAIS Á ADVOCACIÓN MARIÑEIRA DA VIRXE DO CARME.
Adral
Sen lugar a dúbidas, a proliferación de gremios, confrarías e irmandades dentro do mundo dos mareantes orixinou dende a Baixa Idade Media toda unha serie de advocacións arredor dun Santo patrón ou patroa, neste caso da Virxe María que actuaría como mediadora entre o humano e o divino. Os motivos, evidentemente, son múltiples e obedecerían principalmente ao carácter devocionario dadas as especiais circunstancias que sempre rodearon a un oficio de alto risco como é o dos mariñeiros. Deste xeito dende o nacemento mesmo dos gremios e confrarías, aparecen necesariamente os distintos santos ou virxes como intercesores permanentes e como refuxio de pecadores.
Alfonso X o Sabio nunha cantiga tiña xa
ordenado que “las popas de los buques de
cierta importancia se decoren formando doselete para guardar la Virgen”.
En Viveiro o primeiro patrón do gremio dos
mareantes foi San Luis Bispo de Tolosa, quen tivo inicialmente o seu lugar de
culto na capela da Alba, no convento de San Francisco, onde celebraban a
festividade do santo titular pola mañá, con misa cantada, sermón e procesión
que percorría as rúas da vila; á tarde realizaban unha nova procesión polo
claustro do mosteiro co Santísimo, que permanecía exposto na igrexa durante o
resto da xornada. Por todas estas funcións percibían os frades cento dez reais
ao ano, cera para as festas de San Luís e do Corpus e, ademais, seis fachas e
seis velas para o enterro dos relixiosos.
Posteriormente, en 1803, o gremio dos
mareantes instalouse na capela da confraría do Santo Cristo que estaba situada
na derruída igrexa parroquial de Santiago, na actual praza maior. Do mesmo
xeito que o gremio viveirés tivera por patrón durante os tempos medievais a San
Luis bispo de Tolosa o gremio dos
mareantes de Celeiro estaba baixo a devoción a San Sebastián e á confraría das
Ánimas. Noutras confrarías do Cantábrico os santos patróns tamén eran do máis
variado dende o Santo Cristo, San Pedro, San Telmo, San Andrés, San Antonio e
Ánimas, etc.
Certamente, as confrarías de mareantes
abarcaban todo o mundo social dos mariñeiros, regulando e organizando os
traballos, as cuestións asistenciais para protexer ás viúvas, aos orfos e aos
anciáns, as funcións relixiosas ou calquera outra necesidade colectiva que
debería tratar de solucionar o Maiordomo como máxima autoridade da confraría.
Raíña
do ceo
A partir da Contrarreforma a veneración e
invocación da Virxe como nai auxiliadora ampliou ás súas virtualidades acentuándose
a súa función de consoladora de aflixidos, de náufragos ou como “raíña do ceo”
que libraría de toda tribulación aos os que a invocaran en caso de perigo,
angustia ou necesidade. Nestes anos o culto a María coñeceu un novo impulso da
man das numerosas ordes relixiosas, acadando unha importancia cada vez maior na
iconografía das igrexas, no culto e nas peregrinacións ou romarías aos
principais centros marianos. No mundo do mar aumentou considerablemente o culto
á Virxe do Rosario e a Virxe do Carme, sendo moi habitual o achado “milagroso” de
diversas imaxes no mar como aconteceu, segundo conta a tradición, coa virxe do
Rosario que se venera na capela do mesmo nome na igrexa parroquial de Santa
María do Campo. Co paso do tempo a invocación á Virxe do Carme polos
mariñeiros, debido ás continuadas demandas de socorro, foi en aumento pasando a
denominala como “Stella Maris” (Estrela do Mar), advocación que seguramente
viría da representación da Virxe do Carmelo, o alto monte de Palestina que
domina os mares e serviu de faro aos navegantes de Oriente, que serían os
primeiros en invocala. Posteriormente os carmelitas foron os encargados de
propagar a devoción á Virxe do Carme coa instalación dun convento da devandita
orde en Cádiz, por aquel entón –os séculos XVII e XVIII – o principal porto do
estado.
San Luís Bispo de Tolosa, patrón dos mareantes viveireses.
Culto
en Viveiro
En Viveiro o culto á Virxe do Carme é tamén
recente, datando do século XVII, momento no que constituíuse a denominada
Confraría de Nosa Señora do Carme. A nova confraría fundouse na antiga igrexa
parroquial de Santiago; presentará as súas constitucións para a súa aprobación
ante o bispo de Mondoñedo o día 13 de decembro de 1693. Esta petición sería
aprobada, segundo se lles notificou aos confrades, coa condición de que a
procesión xeral que realizaría a Confraría o día 16 de xullo de cada ano se
“haga solamente por el circuito y al derredor de la dha Parroquia y no por las
mas calles de la dha Villa”. Anos máis tarde, en 1876, a Confraría aínda
redactaría novas constitucións para adaptarse ás leis de congregacións
relixiosas.
Nomeamento
oficial
Porén, o 19 de abril de 1901, o Boletín
Oficial do Ministerio de Mariña publicaba unha disposición pola que se
proclamaba oficialmente Patroa da Mariña de guerra española á Virxe do Carme,
ordenando a celebración da nova festividade polos militares da Armada, que deberían convidar a
ela aos mariños mercantes, pois tamén a tiñan por patroa dende tempos antigos.
Finalmente, sería na década dos anos vinte, co
Directorio Militar de Primo de Rivera, cando se unifique definitivamente a
celebración da festividade da Virxe do Carme como patroa das xentes do mar.
Como curiosidade e aínda que na parroquial de
Santiago de Viveiro se conservan outras tallas da Virxe do Carme do século XVII
compre aclarar que a máis moderna é a imaxe que en 1918 esculpiu o afamado
tallista valenciá José Tena, autor de diversos pasos procesionais da Semana
Santa como a Flaxelación (1908), o Cristo Xacente(1908), San Xoán (1909) e a
Magdalena (1916). A imaxe da Virxe do Carme realizada nos talleres de José Tena
foi doada á confraría polo seu vicario Manuel López Vilar, que xa pagara con
anterioridade a maior parte do custo do altar da referida virxe.
Carlos Nuevo Cal Cronista Oficial
de Viveiro
Comentarios
Publicar un comentario