Praza Maior de Viveiro, anos vinte.


Praza Maior de Viveiro

A Praza Maior de Viveiro está conformada por distintas edificacións eclécticas que teñen en común elementos construtivos da arquitectura galega: cubertas de grandes rumbeiros  de lousa, balconadas con ferro forxado ou de fundición, galerías acristaladas e paramentos de granito e manpostería enfoscada.

Este espazo, tamén denominado Praza da Constitución, sufriu diversas modificacións ao longo do tempo, ao derruírse o rolo e picota, os soportais dalgunhas casas, a igrexa parroquial de Santiago (1840) co seu pequeno cemiterio, o Cárcere e Casa dos Correxidores (1874). Posteriormente, aumentou de perímetro e construíronse dous cantóns: o de Arriba ou Das Zocas, por ser o lugar reservado para a venda de zocas ou cerámica, e o de Abaixo (na beira do antigo Canto de Santiago). A partir de 1891 erixiuse a estatua do literato e político viveirés Nicomedes Pastor Díaz Corbelle, obra do escultor catalán José Campeny. Recentemente, a causa dunha nova remodelación da praza, situouse a estatua na beira norte da mesma.    

Merece contemplarse o artístico reloxo de sol declinante do antigo Axuntamento, que representa a Ponte Maior e o león pasante, do escudo de Viveiro, obra do tallista Juan Sarmiento. Igualmente, podemos destacar a casa nº 2 con portada, balconada e escudo do século XVI. Ademais, sobresaen outros edificios como a casa nº 6 que foi da familia catalana dos Galcerán e que conserva a balconada de ferro fundida nas Reais Fábricas de Sargadelos; ao lado está a casa da familia Pais con artísticos murais nunha habitación interior, obra do pintor mugardés Felipe Bello Piñeiro, quen residiu nela mentres elaborou os seus traballos sobre Sargadelos; no 9 atópase a casa natal de Manuel Bujados, recoñecido artista simbolista e ilustrador gráfico. Tamén debemos salientar a fermosa farmacia da familia Casariego que foi antiga reitoral e aínda conserva unha pequena cruz como recordo no lousado, ou as casas nº 17 da familia Basanta Rebellón e 18, onde estivo situada a desaparecida botica de José Plá.

No esquinal da casa nº 2 da Rúa Pastor Díaz atópase un pequeno Santiago ecuestre, esculpido en pedra, como recordo da desaparecida Igrexa parroquial gótica que contaba con tres belidas ábsidas. 


                                               Carlos Nuevo Cal 

                                          (Cronista Oficial de Viveiro)    

 


 

Comentarios

Publicacións populares deste blog