A maquinaria despois de ser restaurada pola empresa viveiresa Lages Relojería Monumental.


                          A RELOXERÍA EN VIVEIRO, UNHA HISTORIA CENTENARIA (1534-2023)

O PRIMEIRO RELOXO MECÁNICO (1534-1860)

Malia a que descoñecemos cando e onde se inventou o primeiro reloxo mecánico europeo, a súa aparición supuxo unha auténtica revolución para a época, en especial, nos ambientes monacais e eclesiásticos, onde se produciría unha grande mellora na medida do tempo. Ademais do carácter utilitario e práctico dos reloxos a súa utilización nos cenobios axudou a manter a disciplina na vida monacal, fomentando a puntualidade nos oficios divinos, nas comidas e demais actos comunitarios. 

A Igrexa tivo moito que ver en canto ao descubrimento, desenvolvemento e expansión dos reloxos, non só pola súa utilización práctica, senón tamén polo moito que influíron os clérigos na transmisión aos artesáns dos coñecementos e saberes necesarios para poñer en práctica o funcionamento dos engrenaxes e trens astronómicos.

Probablemente, entre finais do século XII e principios do XIII, nalgún mosteiro de Italia, Francia ou Alemaña, naceu o primeiro reloxo mecánico que indicaría as horas canónicas ao encargado do seu toque. Cara ao século XIV gran número de reloxos de torre aparecen instalados en moitas catedrais, igrexas, cidades e vilas europeas, baixo a iniciativa da Igrexa, dos nobres, dos concellos ou dos gremios, beneficiando co seu uso diario aos seus habitantes.

Os adiantos que posibilitaron a posta en marcha destes metrónomos do tempo foron as pezas de regulación “foliot” e as do “volante” que viñan a ser un anticipo moi arcaico do que andando os anos serían os reloxos de péndulo. Evidentemente, a exactitude destes primeiros reloxos mecánicos era escasa debido a que o “foliot” e a roda non tiñan períodos naturais propios e tamén pola propia fricción entre as distintas pezas que os compuñan.

Sen dúbida, o feito de contar Viveiro cun reloxo durante o século XVI e, probablemente, dende mediados ou finais do s. XV, reflicte a grande importancia militar e comercial da Vila naqueles tempos, que estaba considerada como unha das chaves e gardas principais de Galicia.

A primeira referencia coñecida da existencia do reloxo mecánico en Viveiro é do ano 1534, cando o Concello acordou mandar fabricar unha campá para o reloxo público que fose de maior tamaño que a primitiva. Tanto o reloxo como a campá estaban ubicadas na torre vella anexa á igrexa parroquial de Santa María do Campo, a parroquia máis antiga do casco histórico e a que estaba mellor situada en canto a elevación. A altura da torre viña dada en virtude da necesidade de maior alcance do son das campás e da caída da corda das pesas  para conseguir a maior duración posible da marcha. Normalmente, o máximo que podía aguantar a “corda” do reloxo era un día, polo que o encargado debía ascender a diario as escaleiras do campanario para ter a punto o reloxo.

Moitas teñen sido as reparacións e obras realizadas tanto na sonería como na maquinaria do reloxo ou na campá do mesmo, como aconteceu en maio de 1540, momento no que o Rexemento de Viveiro decidiu contratar a dous mestres campaneiros de Trasmiera (Cantabria) para fundir unha nova campá que os “contentase” e soara clara para o común da poboación. Despois de establecer o prezo das campás, os rexedores comprometéronse a darlles seis ducados e medio de ouro, ademais de media pipa de viño e facilitarlles os barquíns para a fundición:

“(…) Luego la dha Justiçia e Regimiento e procurador de conçejo / se conçertaron con Juan de Rubalcaba e Juan de Castillo / campaneros vesinos de Trasmiera que a su costa con el / metal de la campana del Relox e con mas metal / sy le dieren faga una buena Campana clara para / el Relox qe. sea contenta de la dha. Justiçia e / Regimiento de la dha. Villa / e que por todo trabajo / e costa le han de dar seys ducados e medio de oro / e mas la media pipa de vino que prometio Reçeado (sic) / e que le den los barquines e que le pagaran / acabada la obra y que la den bien fecha e que sone / bien a contento de la dha. Justiçia e Regimiento .”   

Ao longo dos séculos XVI, XVII, XVIII e a primeira metade do XIX foron moitos os encargados do coidado e mantemento do reloxo público municipal. Entre outros, podemos destacar a: Juan da Randa, Pedro Balax, Pedro de Brujes, Pedro de Ben, Juan Fernández, Maeso Pedro de Vale, Pedro Vasanta, Juan Yanes, os irmáns e fillos da familia López Villalba ou María Martínez de Villalba. A maioría destes “reloxeiros” eran realmente cerralleiros moi prácticos  capaces de compoñer e amañar o cronómetro. Mais excepcionalmente, atopámonos con algúns expertos “officiales de rreloxes” como Juan de Reomún ou Juan García que viñan de paso ou, expresamente, cando as avarías resultaban moi complicadas. Noutros casos, os encargados do reloxo eran simplemente os sancristáns ou, mesmo, os organistas da igrexa de Santa María como Luis A. Fernández de la Peña, Caetano González, Pedro do Vale Noceda, Lorenzo Saavedra Blanco, Pedro Escourido ou Francisco Albariño. Todos os encargados do reloxo estaban suxeitos a un contrato e cobraban anualmente do Concello polos seus servizos, aínda que frecuentemente facíano con moito retraso.

Malia a abundancia de “cerrolleiros reloxeiros”, algúns deles moi hábiles no oficio da reloxería e doutros “inteligentes” como os denominaba o Concello, debemos destacar dous nomes propios de construtores reloxeiros vieireses: José Nicolás Rouco de Alvelo (1776-1852) e o seu discípulo José Martinez Granja, sobre o primeiro que fora aprendiz e oficial co afamado crego de Ladrido, o construtor reloxeiro Francisco Javier Méndez Neira, moito teñen escrito investigadores como Fernando Landeira, Luis Montañés e José Luis Basanta.

Ante o mal estado permanente que presentaba o reloxo público municipal en 1842, os rexedores do Concello, logo de pedirlle un informe a Rouco Albelo sobre o seu estado e recibir a resposta de que estaba “efectivamente inútil”, decidiron  mercar outro novo que sería sufragado coa imposición de distintos arbitrios sobre as carnes, o viño, os licores e augardentes. Esta medida resultou do máis impopular e, sobre todo, non  serviu para mercar o novo reloxo ao desviar os fondos recadados a Deputación Provincial. A década de 1850 foi unha etapa de grande crise pola ruína dos sectores lenceiro e vitivinícola, así como polas pandemias de febres e cólera morbo que afectaron fortemente a unha parte importante da poboación. Ademais, por mor das malas colleitas, as hipotecas e embargos e maila carestía de vida, comezou neste anos o inicio da emigración masiva cara a Cuba e Arxentina.    

Por todos estes motivos e, especialmente pola necesidade de reforzar a beneficencia pública para atender aos máis desfavorecidos, houbo que desbotar a compra dun novo reloxo e amañar como se puido o vello que continuaría dando servizo ate 1860, data na que colapsaría definitivamente despois de máis de 326 anos de servizo.

                                                                    


A esfera ten gravado "EL AYUNT Vivero, AÑO DE 1861"

RAMÓN ANTONIO IGLESIA E O RELOXO ACTUAL (1861-2023)

Se ben a partir de 1860 a nosa bisbarra comezou a remontar a crise da década anterior, as contas municipais continuaban arrastrando un grande déficit económico que se viu agravado coa compra do reloxo. Porén, os gobernos liberais do momento apostaron pola modernización de Viveiro non só mercando o reloxo (inaugurado o 28 de marzo de 1861), senón que ao ano seguinte (29 de marzo de 1862) tamén inauguraron o Telégrafo e continuaron coa realización doutras obras como a estrada Viveiro a Lugo. Igualmente, seguiron coa ampliación do alumeado público, coa remodelación urbana e o empedrado de rúas e prazas como colofón dos procesos desamortizadores. Nesta década tamén tiveron un grande impulso os sectores da salga e dos curtidos grazas as inversións da burguesía local, que comezou a exportar as sardiñas prensadas ás prazas do Levante español.

Viveiro ten o mérito ben merecido de contar actualmente cun reloxo mecánico que cumprirá nuns días 162 anos. Despois de rematar totalmente inservible o anterior, como dixemos, o Concello decidiu substituír a vella máquina das horas por unha nova.     

Malia a inexistencia na actualidade do Libro de Actas Municipais do exercicio de 1861, que ben puidese darnos fiel testemuña do seu prezo e doutros detalles de interese, sabemos que o novo cronómetro foi xestionado polo afamado reloxeiro santiagués, residente na Coruña, Ramón Antonio Iglesias Abelleira, quen encargou as pezas e maquinaria á fábrica de reloxos de torre de Arsène Cretin L´ Ange, situada na localidade francesa de Morbier, no departamento do Xura.

Ramón Antonio Iglesias Abeleira (Santiago, 1820-1877), tallista, reloxeiro, fabricante de autómatas, instalador e montador do actual reloxo municipal de Viveiro, estaba considerado na súa época un dos grandes reloxeiros de Galicia, á altura doutros ilustres artífices da reloxería tan recoñecidos como Frei Manuel del Río, Juan Antonio Fernández Lombardero, Tomás Losada,  Fulgencio A. de Castro, o crego de Ladrido, Francisco Javier Neira de Saavedra ou Andrés Antelo, ente outros. O mozo Ramón A. Iglesias que aprendeu o oficio co seu pai no obradoiro paterno da rúa San Francisco, complementou os seus estudos na Sociedade de Amigos do País de Compostela e foi pensionado para estudar no Instituto Industrial de Madrid e na Escola Internacional de Reloxería de Neuchâtel. Deuse a coñecer publicamente coa construción dun primoroso moble cun neceser de costura que incluía varios autómatas e que lle levara dous anos construír. A neceser acadou o interese da prensa da época e de distintos publicistas como Antonio Neira de Mosquera. Finalmente, Iglesias agasallou a raíña Sabela II co neceser “costureiro” e  esta,  agradecida concedeulle o título de cabaleiro da orde de Carlos III xunto cunha bolsa que lle permitiu estudar na Escola Industrial de Madrid e logo continuar na Escola Internacional de Neuchâtel en Suiza. Uns anos máis tarde, a Sociedade de Fomento das Artes e Industria de Londres otorgoulle unha medalla de honra e mérito. 

Logo de viaxar por Europa para ampliar coñecementos regresou a Galicia en 1856, establecéndose na Coruña ao ano seguinte, onde montou un afamado obradoiro no que fixo reloxos de todas clases, de peto, de sobremesas e antesala, destacando especialmente na cronometría. Exportou a maior parte das súas obras á Habana, onde tiña como correspondentes a Estrada e Antonio S. Coronas.

A Sociedade Económica de Compostela conserva un reloxo de sobremesa da súa autoría, en forma de templete  de mármore con cinco esferas que indican a hora en distintas cidades. Este requintado aparello presentouno en 1875 na Exposición Rexional celebrada en Santiago.

Iglesias Abeleira, instalou outros reloxos semellantes ao noso, aínda que de menor calidade, como o de campá do Concello de Ortigueira (1862) e o do concello do Carballiño (1865). Posteriormente, continuaría fabricando reloxos de todas as tipoloxías e acadando distincións como a mención honorífica da Exposición Aragonesa celebrada en Zaragoza no ano 1868 até a súa morte prematura por mor dunha pulmonía en 1877.

Mais, volvamos, aos momentos posteriores á instalación do novo reloxo na nosa Vila en 1861. Despois de colocado na torre do campanario, o Concello decidiu sacar a poxa o vello reloxo e os esquilóns que estaban na Casa Cárcere e no Claustro de San Francisco para aliviar co seu produto os fondos municipais e satisfacer outras necesidades. Da taxación encargouse Ramón Ribera que era o encargado do mantemento do reloxo e fixou un prezo total de 775 reais de vellón polo reloxo vello tipo “xaula” que pesaba 15 arrobas galegas, a esfera, os esquilóns e os cepos de suxeición.

O novo cronómetro de torre é de estilo Morez, con bancada con perfís de ferro aparafusados, escape de clavijas tipo Lepaute, sonería de horas e medias con repetición, piñóns, rodas de bronce e pancas de ferro. Ao estaren deseñado só para unha esfera, o instalador Antonio Iglesias, tivo que modificalo para dúas, como se pode comprobar na actualidade na torre vella.    

En abril de 1864, apenas tres anos despois da instalación e debido as malas condicións da torre, o reloxo presentaba un estado deplorable cun “movimiento irregular sin poder arreglar su marcha por hallarse enteramente obsidado á causa de la humedad natural de la torre, ya de Maderas salitrosas que se emplearon en su colocación y ya por la llubia que se desprende desde una cadena superior sobre la rueda imperial”. Coa finalidade de conservalo, os membros do Concello comisionaron ao “inteligente” Jose Martínez Granja para que inmediatamente procedese á súa composición e que dirixira as obras de reparación do campanario con fondos municipais.

Outra volta, Martínez Granja ocuparíase do seu coidado até marzo de 1872, momento en que sería destituído por telo “completamente descompuesto” sen facer caso dos avisos do Concello. En adiante, encargaríanse da máquina das horas outros reloxeiros como Domingo Chao, José A. Bottini, Antonio Insua, Miguel Rodríguez Seoane, Francisco Vizoso, José Mª Rodríguez Teijeiro, José Mª Martínez, Dositeo Álvarez Barcia, Juan José Galdo e Jesús Paleo López.

Agora, grazas á decisión do Concello e á mestría e bo facer da empresa viveiresa Lages Relojería Monumental, podemos recrearnos con este excepcional reloxo municipal totalmente restaurado e posto a punto.                     

                                                                       Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)

     

    

 

 




Comentarios

Publicacións populares deste blog