Grupo de republicanos, entre os que se atopa o viveirés Antonio López Ferreiro, nun campo de traballo de Arxelia.



 

DOUS VIVEIRESES MORTOS NOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS(1941-1945)

                                                                                                            Por: Carlos Nuevo Cal

                                                                                                        (Cronista Oficial de Viveiro)

VÍTIMAS ESQUECIDAS DO NAZISMO

Longa, excesivamente longa, foi a batalla legal que comezara a galega Mercedes Núñez (Barcelona, 1911-Vigo 1986), vítima sobrevivente do Holocausto, para tentar recuperar a memoria dos galegos internados nos campos nazis de exterminio.  Unha memoria destruída en gran  parte polos propios alemáns e esquecida, censurada ou arrombada logo do envío dos dez libros que a Oficina de liberación dos Campos francesa remitira en 1952 ao Goberno do xeral Franco. Malia a existencia da devandita documentación na Sede do Rexistro Civil en Madrid, aínda habería que agardar até a publicación no 2006 do Libro Memorial. Españoles deportados a los campos nazis (1940-1945), obra dos historiadores Benito Bermejo e Sandra Checa para comezar a contabilizar aos máis de 9.000 deportados documentados. Por fin, trece anos despois, o BOE publicou en 2019 os listados coñecidos, dándolle nomes, apelidos e causa de morte a miles de republicanos españois e galegos que figuraban como apátridas ao non existiren civilmente, como castigo polo seu atrevemento de rebelarse contra as inxustizas e o fascismo internacional. 

Nos arquivos do Ministerio de Cultura figuran  douscentos oito galegos, dos que 109 perderon a vida, como deportados aos campos de Mauthausen, Gusen e outros subcampos. Pero, en realidade, as cifras de internos e mortos deberon ser bastante máis amplas xa que non existen ficheiros completos doutros campos de concentración tan destacados como Dachau ou Hartheim. Na provincia de Lugo pódense contabilizar cando menos 33 deportados, dos que tan só lograron sobrevivir trece, durante a Segunda Guerra Mundial que foron trasladados en trens dende Francia a Alemaña. Entre as distintas vítimas figuran o viveirés Manuel Lamelas Polo (Viveiro, 22-3-1900-Mauthausen, 2-4-1943) e Manuel Wenceslao Pardo Pombar (Ourol, 31-3-1913 - Flossenburg-Hersbruck, 8-11-1944).

 Porén, os únicos sobreviventes de Viveiro e da Mariña foron Salvador Ferro Franco (Covas, 7-12-1913-Grenoble, 1-10-1997), de cuxa autobiografía nos ocuparemos exclusivamente nun próximo artigo e mailo ribadense Juan González Pillado(Fórnea-Trabada, 17-6-1907- París, 6-6-1968).

                                                                                   


Manuel W. Pardo Pombar

ANTONIO LAMELAS POLO E MANUEL PARDO POMBAR LOITADORES ANTIFASCISTAS

Certamente, pouco ou case nada sabemos das vidas e vicisitudes pasadas polas dúas vítimas mortais viveiresas e outros moitos resistentes antifascistas galegos. No caso de Manuel Lamelas que nacera na popular rúa dos Ferreiros ou de Pineda (actual García Junceda), era fillo de Antonia Lamelas Polo, natural de Covas e veciña da localidade, sendo os seus avós maternos Manuel Lamelas, natural de Vieiro e Josefa Polo, de San Román do Val. O meniño Manuel pasou a súa infancia e xuventude en Viveiro até que despois de librar do servizo militar decidiu emigrar en busca dun futuro mellor cara a Barcelona. Ao estalar o golpe militar de 1936 fixo a guerra no bando republicano até que pasou ao exilio francés. Durante o goberno colaboracionista de Vichy foi detido en Francia polos alemáns e encarcerado no Stalag XVII-B situado en Krems-Gneixendorf (norte de Austria). Logo foi trasladado en tren dende a estación de Wien (Viena) até chegar e ingresar, o 19-12-1941, no Campo de concentración de Mauthausen, onde foi rexistrado co nº de prisioneiro 4676. Despois, pasou tamén polo Subcampo de Steyr-Münichholz, saíndo o 17-02-1943 para regresar na mesma data ao campo de Mauthausen, onde finou, o 2 de abril de 1943, con 43 anos.  Nesa fatídica data aínda vivía en Viveiro a súa avellentada nai, Antonia, que se dedicaba á venda de peixe ao por menor para tentar de sobrevivir nas duras condicións da postguerra española.

En canto a Manuel Wenceslao Pardo Pombar, natural de Nogarido-Xerdiz ( Ourol), residía en Madrid en xullo de 1936, onde exercía a profesión de dependente do comercio. Co estalido da guerra decidiu opositar para o ingreso no Instituto de Carabineiros, obtendo a praza con destino ás Brigadas Mixtas de Carabineiros o 26 de maio de 1937, coa antigüidade de primeiro de novembro do ano anterior. Nestas datas debeu de estar adscrito a algunha loxia masónica a xulgar pola existencia dunha ficha súa como masón por parte do Tribunal Especial para la Represión de la Masonería y el Comunismo. Unha vez rematada a contenda exiliouse en Francia, pasando por distintos campos de concentración até que ingresou como voluntario na 9ª Compañía de Trevalleurs Espagnols, sita en Crevoux (H. Alpes), coa finalidade de saír da triste reclusión á que someteran os franceses aos loitadores republicanos. Estando na brigada de traballadores estranxeiros tentou emigrar cara a América, escribíndolle unha carta, o 15 de xullo de 1939, ao Cónsul de México en París co obxecto de ser “incluído en una expedición gratuíta para la ya “Única Patria” que nos queda en el mundo y que tan generosamente nos acoge en su seno”. Para a súa desgraza, Manuel Pardo non logrou pasaxe para México e ficou en Francia, fixando a súa residencia na cidade de Nevers, no departamento de Niévre. Debido ao tardío da súa detención polos alemáns supoñemos que ben puido estar colaborando coa resistencia até ser detido o 2 de xullo de 1944 e recluído no Stalag ou Prisión de Compiégne, cidade francesa situada no departamento do Oise na rexión de Hauts de France no norte do país, sendo deportado o 5 de xullo ao campo de Dachau, e internado a continuación no subcampo de Allach, onde permanecían recluídos cerca dun centenar de republicanos españois que traballaban maioritariamente para a empresa BMW. A finais de agosto foi trasladado ao KL de Flossenbürg en Baviera e finalmente ao de Hersbruck, onde finou dun paro cardíaco o 9 de novembro de 1944, con 31 anos. 

Houbo, ademais, outros exiliados viveireses recluídos inicialmente en campos de concentración franceses que lograron saír cara América, tal foi o caso de Rogelio Abella Montenegro ou José Sampedro Galdo; outros que regresaron a Viveiro como Nicasio Fernández Seara e Bernardo Cajete Lamelas ou, incluso, os que permaneceron en Francia como traballadores forzados ou loitaron como resistentes antifascistas tal foi o caso de:  José Neira Río e Ernesto Vázquez ou Xoán Xosé Pla e Hilario López Sánchez. Incluso, nun dos campos franceses de Arxelia estivo tamén recluído o viveirés, Antonio López Ferreiro “O Revuelto”.   

Dende este venres 12 e até o 21 de xaneiro teremos ocasión en Viveiro de visitar a Exposición #StolenMemory: Deportados de Viveiro e da Mariña (Lugo-Asturias) aos campos de exterminio nazis” e poder participar nas dúas interesantes charlas coloquio que están programadas.        

   

Comentarios

Publicacións populares deste blog