Desparecida malatería de San Lázaro-Viveiro (Foto arquivo Carlos Nuevo)


                            

                       A CELEBRACIÓN DO DÍA DAS TORTILLAS EN VIVEIRO, UNHA ORIXE INCERTA

                            O influxo dos períodos de abstinencias e dos frades franciscanos

      Este domingo celébrase en Viveiro unha das tradicións máis singulares e representativas do ciclo primaveral. Estamos referíndonos, evidentemente, ao Domingo das Tortillas, unha festa cargada de múltiples simbolismos e interrogantes, en canto as súas escuras orixes. Mais, apesares dos acelerados cambios, políticos, sociais, económicos e relixiosos, acontecidos nos últimos tempos, a celebración non só continúa mantendo unha alta participación, senón que cada ano se renova con máis forza, propiciando á saída aos campos, aos montes e ás praias da bisbarra de multitude de persoas das idades máis diversas.                                                                                                                                             Certamente, non son moitos os lugares da xeografía española onde se celebra un día exclusivamente dedicado ás tortillas. Sabemos que na maioría das localidades onde acontece unha efeméride destas características: Sanchidrán (Ávila), Talarrubias (Badaxoz), Azueca de Henares (Guadajara ), ou as matritenses poboacións de Fuentidueña de Tajo e Robledo de Chavela, entre outras, soen coincidir as datas de celebración co período festivo do Entroido ou cos inicios da Coáresma. Non obstante, nas comarcas zamoranas de Benavente e Los Valles, ao igual que en Villalón de Campos (Valladolid), zonas amplamente catequizadas pola orde franciscana durante longos séculos, coinciden exactamente as datas de celebración do denominado día “Tortillero” coa da nosa localidade, é dicir, durante o Domingo chamado de Lázaro, anterior ao de Ramos.

Aínda que o Domingo das Tortillas pode parecernos, a simple vista, unha festa primaveral semellante aos Maios, en canto ao trunfo do bo tempo, da luz e da calor sobre a negrura e o frío do inverno, realmente, o seu código comunicativo, é dicir, a súa “linguaxe”, ten un compoñente marcadamente relixioso.

A súa orixe estaría relacionada co importante período de abstinencias que principiaba a Igrexa unha vez rematado o Entroido. Coa entrada na Coresma iniciábase unha etapa de purificación e preparación para a Pascua, que significaba a despedida da carne e de todo tipo de excesos, como tan ben especifica a seguinte copla popular: Adiós martes de Antroido,/ adiós, meu amiguiño,/hasta Domingo de Pascua/xa non como máis touciño.//

Sen dúbida, os tempos de xaxún, vixilia e abstinencia por parte da Igrexa católica foron especialmente rigorosos durante toda a Idade Media e gran parte da Moderna, abranguendo estas prácticas máis de 140 días ao longo do ano. Os días máis importantes do precepto comprendían o Mércores de Cinza, os venres de Coresma (elixidos polo costume pagán de venerar a Venus, deusa do amor e da fecundidade), e o Mércores, Xoves, Venres Santos e Sábado de Gloria.

Inicialmente, os períodos de abstinencia de carne, previos á celebración da Semana Maior, eran moi abafantes en canto á obriga de “gardar o precepto”, especialmente o quinto Domingo de Coresma, chamado antigamente tamén “Primeiro Domingo de Paixón” ou “Domingo de Lázaro”, porque nese día proclamábase o Evanxeo que narraba a resurrección de Lázaro. As prohibicións preceptivas acentuábanse, se cabe, aínda máis coa obriga de non comer ningún alimento de orixe animal, incluído o peixe, a carne, os ovos e os lácteos (requeixo, queixos, manteigas … ). De tal xeito que ata a Pascua a dieta alimentaria ficaba reducida en exclusiva ás verduras, ás legumes e ás froitas, consideradas como purificadoras.

A observancia das distintas normas penitenciais conseguíase grazas ás imposicións que as autoridades relixiosas e civís exercían sobre a paisanaxe. No caso concreto de Viveiro, o fondo labor penitencial realizado polas dúas ordes mendicantes existentes  -franciscanos e dominicos- establecidos extramuros, na entrada e saída da poboación, influíron grandemente tanto na relixiosidade popular como nos modelos de vida cristiá dos feligreses.

Co paso dos anos, os tempos de xaxúns, vixilias e abstinencias fóronse modificando paulatinamente, especialmente por parte das capas máis acomodadas da sociedade que se permitían pagar á Igrexa: as Bulas da Santa Cruzada e o denominado Sumario de Vivos. Ademais, tamén se rexistraron numerosas variacións en canto á permisibilidade de poder alimentarse con peixe, ovos e lacticinios. Este feito axudou a un maior consumo do bacallau e ao auxe das salgazóns, especialmente da sardiña “arencada”, convertida no pan dos pobres. Grazas igualmente aos períodos de abstinencias produciuse á expansión e popularización de diversos libros de cociña que incluían receitas para todos os días de vixilia. Como curiosidade, podemos engadir, que na actualidade mantense aínda o costume en moitos lugares, especialmente en Cataluña, de agasallar os padriños aos nenos con ovos de Pascua. Antigamente tamén se levaban durante a Pascua os ovos ao crego, dependendo a cantidade que se lle debía dar da importancia da casa. Os ovos son nestas Festas de Pascua símbolo de vida e tamén compoñentes obrigados en todos os menús, especialmente en tortilla ou “torrixas”.

                                                  


                                                                                       

Chegados aquí podemos concluír dicindo que a orixe do Día das Tortillas ten moito que ver, como dixemos, coa supresión da abstinencia de ovos e lacticinios sobre todo no “Domingo de Lázaro”, data ou celebración que explicaría o porque do costume antigo existente na nosa vila de ir a comer as tortillas ao campo de San Lázaro, enfronte do antigo lazareto, situado no actual barrio de “Pénjamo”. Cóntase, igualmente, que o costume de xantar neste día ás tortillas ven dunha vella tradición franciscana que mantendo o espírito ecoloxista e campestre do “Povorello” de Asís, tería por obxecto compartir amigablemente unha frugal tortilla de navallas (“coquinas”), daquela moi abundantes no “Navallal” de Grallal, en Covas.

Tamén era “tradición”, un tanto bárbara, que os rapaces de Viveiro e Celeiro pelexasen a “pedrada limpa” antes de comer para dirimir quen conquistaba o campo de San Lazaro Evidentemente, cando a escaramuza remataba e un dos bandos recuaba, os perdedores ficaban estigmatizados ata o ano seguinte, no que volvería a darse unha nova “batalla”, onde podería comprobarse, outra volta, o valor e audacia dos dous bandos en disputa.

Non menos curioso semella comprobar como durante longos anos os pais dos rapaces viveireses e celeireses permitían que os seus fillos foran a xantar unha vez ao ano, ao campo da “Malataría” ou “Bafuilla”, considerada como un lugar do máis tenebroso, pois permanecía totalmente afastada da poboación, como prevención de calquera contaxio ocasionado polos “bafos” ou leprosos. Unha vez máis, chama a atención, o contraste e mesmo a proximidade, existente, aínda que fora case excepcionalmente, entre uns mociños, na flor da vida, e os leprosos enfermos e moribundos. En síntese, o eterno ciclo da primavera e do inverno; da vida e da morte …

                                                                                   Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)


Comentarios

Publicacións populares deste blog