Luz Pozo Garza (1922-2020)
LUZ POZO, DENDE O TEU MAR DE VIVEIRO
Na mañanciña de
onte, luns 20 de abril, desta primavera tan atípica, coa maioría da poboación
recluída por mor desta virulenta pandemia mundial chegáronme novas do teu
pasamento, amiga Luz. Aínda que
permanecía informado pola túa sobriña Susana da progresiva gravidade da túa
enfermidade o certo é que os humanos tratamos de enganarnos a nós mesmos ao
tentar obviar a realidade da morte, sempre presente, especialmente nestes
días tristes para humanidade, con miles de
falecidos. Desexo, recordarte como sempre te coñecín, plena de lucidez, amizade,
frescura vital e poética. E que mellor maneira de facelo que contando dun xeito
moi rápido a túa presenza na nosa cidade durante a túa nenez e adolescencia
rilkiana, onde, compuxeches as túas
primeiras obras ao son das ondas do mar de Viveiro, símbolo de liberdade, amor,
vida e morte.
Luz Pozo (Ribadeo,
1922) chegou a Viveiro con só sete anos, en febreiro de 1930, coincidindo co
traslado do seu pai Gonzalo Pozo Pozo para facerse cargo da praza de inspector
veterinario do Concello. A estadía e infancia de “Lucita” na nosa vila foi como
unha arcadia feliz, onde gozou de todo tipo xogos infantís, das tradicións
populares e do rosario festivo, marcado polo ciclo anual. Ela mesma tennos
falado da felicidade que experimentaba cada vez que se lanzaba a toda
velocidade coma se fose un “pegaso alado”, dende o alto de Santa María baixando
desbocada pola costenta e empinada rúa de “Rompeteelalma”, ou compartindo xogos
e amizade no Cantón das Zocas e a Praza Maior. Ademais de acudir ao Colexio das
monxas de Cristo Rei, recibiu a influencia permanente da súa nai dona Luz Garza
Feijoo Montenegro, profesora de piano e francés que tanto a marcaría musical e
literariamente, coa infinidade de lecturas que abrollarían para sempre no seu
corazón. Entre elas destacaban as obras de Rosalía Castro, a que sempre considerou
como unha segunda nai “de tinta e de espíritu”.
Aquí tamén comezou
a escribir iniciáticos poemas, fábulas, romances e cantares que conservaba en minúsculas
libretas de ule como se fosen xoias requintadas de inestimable valor. Con doce
anos, ao comezar o bacharelato, reafirmaríase no seu declarado amor polas
Letras, especialmente o latín (recitaba de memoria a Virxilio e Ovidio) sen
esquecer o gusto que tivo sempre polas Ciencias Naturais, a Física e Química e
o harmónico cosmos. Esta querencia reflectirase ao longo dos anos tanto na súa
obra como na súa propia vida persoal, plena de vitalismo e de emoción
panteística pola natureza.
Co golpe militar de
xullo de 1936, o seu pai Gonzalo Pozo, activo militante de Unión Republicana,
sería detido e destituído como veterinario municipal, e logo trasladado ao
cárcere provincial de Lugo. A familia decidiu vivir na cidade amurallada para
estar máis preto do proxenitor; a noutrora leda casa de Viveiro, ficou en
palabras de Luz: …”abandonada. Portas sen
pechadura. Abertas a calquera intento. Alcobas sen arrimo, sen palabras. Sen
alma”…
En Lugo
permaneceran até 1938, ano da liberación de Gonzalo Pozo. A partir de entón
residirían en Larache (Marrocos), baixo a protección dun irmán do pai. Alí Luz
estudará terceiro e cuarto de bacharelato e soñará constantemente co regreso á
cidade perdida.
No ano 1940
retornan a Viveiro para reincorporarse o pai ao cargo de veterinario, logo de
conseguir superar o expediente depurativo.
Mentres, Luz acude a Academia Hispania para continuar cos seus estudos.
Na academia dirixida por Pepe Casariego tamén impartían clase Noriega Varela,
profesor de latín, Ramón Villar Ponte e Francisco Vázquez Ramudo, o seu
profesor de matemáticas e Física e Química, con quen casaría pouco tempo despois.
Logo de rematar o
bacharelato e casar na primavera de 1944 con Francisco, que agora dirixía a
Academia Minerva, Luz aprobou o exame de Estado na Universidade de Santiago, e obtivo
tamén o título de Piano Elemental no Real Conservatorio de Música de Madrid.
A etapa da Academia
Minerva nos anos da postguerra foi realmente importante para o desenvolvemento
cultural de Viveiro pois, ademais de dona Luz que daba clases de idiomas, e do
novo matrimonio Vázquez Pozo, tamén compartiron aulas na Academia profesores da
categoría de Francisco Río Barxa ou Benito Varela Jácome, entre outros.
No verán deste
mesmo ano Luz Pozo recibiu na súa casa a visita do grande poeta lugués Luis
Pimentel, quen recitou dous poemas da
súa obra Barco sen luces. Luz ten
comentado que nesa tarde marabillosa foille “revelada
a poesía máis suxestiva e distinta que escoitara na súa vida”.
O nacemento en 1945
do seu fillo Gonzalo enche a Luz de felicidade e dedícalle ao recén nacido o
fermoso soneto “A mi hijo”. En 1946, ano da morte de Gonzalo Pozo pai, a nosa
protagonista principiou a relación epistolar co tamén poeta e escritor Eduardo
Moreiras ao tempo que comezou a colaborar no xornal vespertino compostelá “La Noche”.
Presentación en Viveiro do libro Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza |
Porén a primeira
obra de grande importancia poética publicada por Luz Pozo Garza foi “Ánfora”.
Escrita en castelán e editada en 1949 en Vigo baixo o coidado do poeta
Moreiras. “Ánfora” tivo unha grande acollida literaria, en especial a partir do
momento no que foi louvada xenerosamente polo poeta da xeración do 27 Gerardo
Diego que lle dedicou un destacadísimo artigo no xornal ABC de Madrid, o 25 de
novembro de 1950.
En 1952 Luz Pozo
publicou dous novos libros de poesía: El
Vagabundo, escrito en castelán e O
paxaro na boca, en galego. No primeiro, reflíctese a visión existencialista
e intimista da autora, marcada polo afán de liberdade, o amor, a dor e a morte.
A segunda obra malia que mantén o carácter intimista amosa xa, claramente, a
paisaxe humana na que figuran a poeta o namorado-obxecto e algunas persoas máis
como as “Rapazas de Xunqueira”, os mariñeiros e un neno murcho.
Durante a década
dos 50 Luz colaborou en diversos Libros Programas das Festas Patronais da
cidade do Landro e nos libros Pregóns da Semana Santa, con distintas
composicións poéticas. Igualmente, en 1961 compuxo a letra do himno do Congreso
Eucarístico Comarcal, así como do himno da Adoración Nocturna (2016). Tamén leu
o pregón da Semana Santa Internacional de Viveiro, no ano 2012.
Ademais escribe en
diversas revistas como La Gaceta Literaria, Cuadernos Hispanoamericanos, Dabo,
Aturuxo, Papeles de Son Armadans ou Vida Gallega, ao tempo que participa en
distintos recitais como as Festas da Poesía, celebradas en Lugo.
Na nosa cidade, na
actual Rúa de Constanza de Castro, nunha vivenda situada fronte ao teatro
Pastor Díaz, nacerían as súas fillas Mónica en 1959 e María Luz en 1961.
Porén, La cita en el viento, publicada en 1962,
sería a súa última obra composta en Viveiro. Trátase dun poemario no que amosou a permanente conexión entre o mar de
Viveiro e o mar de Vigo como dualidade poética e amorosa.
Logo de aprobar Luz
as oposicións a Cátedras de Bacharelato, a familia Vázquez Pozo deixou Viveiro,
en 1964. En adiante, a nosa protagonista vai residir en Badaxoz, Corcubión,
Vigo e a Coruña, onde acadaría os maiores éxitos como escritora, ensaísta e
poeta, evolucionando nos anos setenta cara unha maior preocupación pola ética e
a estética social, así como polos movementos de renovación dos anos oitenta. Publicou
obras tan destacadas como Verbas
derradeiras, Concerto de Outono, Códice Calixtino, Prometeo a Flor de Loto, Vida
secreta de Rosalía, Medea en Corinto,
As arpas de Iwerddon, Memoria Solar, Deter o día coa flor, Sol de
Medianoche ou Pazo de Tor,
entre outras.
Finalmente, o 19 de
novembro de 2018 o Concello de Viveiro
nomeou a Luz Pozo Garza como Filla Adoptiva da cidade, nun emotivo acto
celebrado no centenario Teatro Pastor Díaz. Recoñecíase deste xeito o grande
labor poético, ensaístico e crítico dunha das figuras máis referenciais e
significativas do panorama literario galego contemporáneo.
Recorda Luz, que
nesta cidade mariñeira e traballadora, onde “todas as portas están abertas e
sen pechar nunca”… xamais te esqueceremos,
amiga, forxadora de soños de amor e palabras de liberdade.
Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)
Comentarios
Publicar un comentario