Imaxe tomada entre 1.930 e 1.933 por Antonio Seoane Díaz, "Tonecho" (ARG)  



                        OS CASTELOS DE COVAS NO ARQUIVO DO REINO DE GALICIA

Un dos arquivos históricos  máis importantes, entrañables e de bo trato que existen na nosa terra é o do Reino de Galicia, unha institución fundada por Real Cédula polo rei Carlos III en outubro de 1775. O arquivo,  que ía estar ubicado en Betanzos,  pasou por diversos avatares até o seu establecemento actual, en 1956, nos xardíns de San Carlos na Coruña. Aínda que o Arquivo do Reino naceu coa finalidade de conservar e custodiar os procedementos xudiciais da Real Audiencia de Galicia, a partir de mediados do século XIX comezou a incrementar progresivamente os seus fondos abranguendo diferentes eidos dende a arte, economía, demografía, xeografía, xenealoxía, heráldica, guerra civil e posguerra, fotografía…  No  contexto de actualización e achegamento ao público en xeral xogou un importante rol o noso  amigo e ex director Pedro López Gómez,  quen desenvolveu unha destacada labor dende 1986 a 1995, ano en que pasou a dirixir o Arquivo da Coroa de Aragón, en Barcelona. 
   
Actualmente o Arquivo do Reino de Galicia continúa coa súa función didáctica e de servizo á cidadanía, especialmente nestes tempos aciagos da pandemia do Covid-19. Froito destas iniciativas é a presente instantánea dos Castelos da praia de Grallal en Covas-Viveiro, datada entre 1930 e 1933.

Os Castelos, eses impoñentes illotes de lousa arxilosa e mena,  situados na banda oeste do Grallal, que foron testemuñas silentes do máis grande dos naufraxios acontecidos xamais nas costas galegas, o da denominada escadra cantábra, continúan resistindo malia ás continuadas accións abrasivas do mar, dos axentes xeolóxicos e das nefandas intervencións humanas, como as realizadas na década dos anos 50 do pasado século, co fracasado intento de construír neles un esperpéntico club naútico.

Que mellor homenaxe para os populares Castelos que recordar os nomes orixinarios destes “xigantes mariños” cantados por Nicomedes Pastor e pintados por artistas tan destacados como Fermín González Prieto “Lander” ou Ramón Barro González, entre outros!

O ilustrado José Andrés Cornide Saavedra (A Coruña, 1734-Madrid, 1803) deixounos entre a súa inxente produción a obra intitulada: “Descripción circunstanciada de la costa de Galicia, y raya por donde confina el inmediato reino de Portugal”, realizada no ano de 1764. Nesta obra de Cornide Saavedra, conservada en texto manuscrito, no Arquivo do Reino, fixo o seu autor unha rápida descripción do “Partido de Vivero desde el Cabo de San Ciprián hasta el de Ortegal, sus costas, Ríos, Puertos y Trozos”. No referente á praia do Grallal, tal é o seu nome orixinal, e ao nome  de cada un dos Castelos dinnos Cornide:

“Desde la barra, por la parte opuesta a los puertos de Vivero y Cillero, sigue la costa de la ría con un arenal muy largo llamado de Grallal, que remata enfrente del Monte de Faro. Finalizado el arenal se encuentran tres peñascos tan juntos que no cabe una lancha de pescadores por entre ellos. Nómbranlos los Castelos de Grallal. El primero que está al nordeste se llama el Touriño. El segundo, que está al sur, Castelo Grande, y el tercero Castelo Chico. Cerca de estos más hacia tierra hay una peña que tendrá de circunferencia cincuenta brazas llamada peña do Campo; y así ésta como los Castelos grande y chico quedan en seco en la bajamar, lo que no sucede al Touriño.

Siguiendo pues esta misma ribera o costa de la ría, hay un poco más allá una isla nombrada Insua de Sacido, la que queda en seco en tiempo de bajamar y tendrá de circunferencia de seis cientas a setecientas brazas.

Trabájanla los naturales de roza para trigo y suelen llevar hasta una fanega de sembradura.

A un cuarto de legua de distancia hay otra isla nombrada ínsua das Cabras que tendrá sesenta brazas de circunferencia y dista de tierra un tiro de pistola y por esta parte se puede ir a ella por quedar en seco en tiempo de bajamar”.

Velaí  os verdadeiros nomes talasonímicos destes particulares xigantes pétreos, fieis vixías dos aconteceres diarios da belida Praia do Grallal, hoxe tan deturpada pola irracional política de recheos interesados. Unha praia turística dende finais dos século XIX e que antes fora improvisado cemiterio mariño coa catástrofe do afundimento da fragata Santa María Magdalena e do Bergantín Palomo, fonte permanente de inspiración poética de Pastor Díaz, que atopou nela o seu laúde de “ébano y de concha“ e gustaba de escoitar alí durante horas de reflexión “o tumbo do mar sobre la arena”.
                                                                                                  Carlos Nuevo Cal                       

Comentarios

Publicacións populares deste blog