Un día de pesca na ribeira de Viveiro antes da construcción do peirao. Foto Insua. 

OS FRANCESES E A PESCA DA LAGOSTA NA MARIÑA LUGUESA
                                                                                                          
Durante as décadas finais do antepasado século XIX e principios do XX, foi moi frecuente a arribada de embarcacións e tripulacións francesas ás costas da Mariña luguesa para mercar inxentes cantidades de lagostas, un crustáceo certamente abundante en Galicia por aquelas datas e que se puxera de moda nos máis requintados restauradores das cidades de Francia, Inglaterra, Bélxica e Alemaña. Deste xeito, ían ser millóns de lagostas viveiresas e galegas as que sairían dos nosos mares con destino aos viveiros de Brest, Arcachon, Roscoff, Saint Nazaire, Finistère e Calvados, na Bretaña francesa e na baixa Normandía, portos onde se redistribuían para os mercados das grandes cidades europeas.

Á altura de 1879 a prensa galega e asturiana facíase xa eco da continuada presenza dunha balandra francesa que percorría as costas de Galicia mercando e aviveirando todas as lagostas que lle ofrecían os mariñeiros galegos, sen ter consideración dos tamaños, nin ningún tipo de veda.

Polas mesmas datas permanecía ancorado en Tapia (Asturias) un buque viveiro que contratara toda a lagosta pescada nos portos dende Navia a Viveiro, motivo polo que a prensa denunciaba que de seguir así, dentro de pouco tempo non quedaría nestas costas cría algunha, ao igual que sucedera anos antes coas ostras, que tamén foran extraídas de distintas poboacións como Cedeira, Ortigueira e O Barqueiro para outros portos estranxeiros, de Francia e Inglaterra, principalmente.

Apenas un ano máis tarde, en concreto en agosto de 1880, J. Pico, aseguraba dende as páxinas dun diario vigués que os buques viveiros franceses Deux Cousins, Hirondelle, Providence, Martin Pecheur e Arístide Marianne, levaban exportado polo porto de Viveiro a Brest e Roscoff, en Francia, dende xaneiro a agosto, 42.130 pezas vivas de lagostas, incluíndo neste número 1.100 embarcadas no Deux Cousins, en outubro do ano anterior. Aquela pesca con rascos e nasas supuxera aos mariñeiros un rendimento de 168.520 reais a razón de peseta por lagosta, cantidade que, evidentemente, aliviaba moitas penurias nas familias dos esforzados pescadores.

                                        Lagosta vermella do Cantábrico (Palinurus elephas) 

Se ben inicialmente a pesca deste crustáceo foi vista na Mariña luguesa como algo realmente lucrativo e mesmo favorecedor da captura doutras especies das que as lagostas eran tradicionais depredadoras, axiña, as mentes máis preclaras cambiarían de opinión ao darse conta do perigo de extinción, por mor da sobrepescas deste marisco e a inexistencia de ningún tipo de lexislación ou regulamentación ao respecto. A voz de alerta deuna o semanario local Las Riberas del Eo, de Ribadeo, que comezou unha campaña de concienciación e denuncia para chamar a atención do Goberno; afirmaba que exclusivamente no mes de abril de 1881 e, durante o período de seis días, tan só dende o porto de Viveiro até a Estaca de Vares, recolléranse a bordo dos buques viveiros franceses nada menos que 60.000 lagostas.

Outro tanto acontecía nas Rías Baixas, en concreto en Santa Uxía de Ribeira, onde se achaban ao ancora dúas embarcacións que acaparaban todos os crustáceos, mercándoos ao prezo de catro reais para vendelos logo a 6, 8 e 10 francos en Baiona e Burdeos.

Evidentemente, pese as grandes diferenzas de prezo entre os dous países, semella bastante claro o verdadeiro frenesí co que se dedicaban os mariñeiros galegos a dita pesca, debido ao engado dos altos prezos pagados, en comparación con calquera outro tipo de especie mariña.

A prensa galega, asturiana e madrileña, ante a escandalosa extracción da lagosta tamén comezaría unha persistente campaña xornalística co obxectivo de denunciar a falla de vedas, dada a dificultade de persuadir aos mariñeiros que cegados pola miseria, non estaban dispostos a pensar no “mañá”, e moito menos a renunciar aos beneficios inmediatos, pese ao risco da extinción de tan codiciado marisco.

Sen dúbida, a presión da prensa e a publicación do Informe sobre como evitar la extracción abusiva de la pesca de la langosta, redactado pola Comisión de Amigos do País de Santiago en abril de 1881, que estaba encabezado, entre outros, polo xurista e viveirés de adopción José Antonio Parga Sanjurjo, remataron por conseguir que o Goberno pedise informes directamente á Comisión provincial de Pesca de Viveiro. Resolveríase, finalmente, a aprobación dunha normativa que establecía, por vez primeira, os períodos de veda dos crustáceos máis importantes para o consumo.

Con anterioridade a 1881 produciríanse tamén en San Cibrao diversas liortas por mor da instalación de máis de 20 viveiros flotantes por parte de varios comerciantes franceses, aínda que finalmente foron autorizados a partir da real orde de 29 de xullo de 1891. 

Ao longo do primeiro decenio do século XX incrementáronse as solicitudes para a construción de distintas cetarias na costa mariñá. Coa finalidade de aviveirar as lagostas, distintos emprendedores patrianos como Baldomero Soto, Balbino Insua ou Segundo Pita, entre outros, establecerían cetarias en Area-Viveiro, San Cibrao, Burela, Rinlo ou Olga da Mansa, ao oeste do porto asturiano de Tapia.
    
Porén, os preitos e liortas continuarían en 1905 debido a colocación de novos viveiros flotantes por parte do tamén industrial francés Juan Lequellec. Posteriormente, en 1921, rexistraranse novos enfrontamentos polo reiterado abuso dos balandros franceses na pesca da lagosta en augas territoriais españolas, feito que obrigou ao torpedeiro Proserpina a exercer labores de vixía na ría. En adiante, a pesar de que a pesca da lagosta continuaría até principios da década dos anos 60, sobre todo por parte dos mariñeiros de O Barqueiro e Vares, a diminución progresiva da especie converteuse nunha triste realidade, cuxo pasado esplendoroso tan só fica no recordo.

                                                               Carlos Nuevo Cal 

Comentarios

Publicacións populares deste blog