Capa do libro O Naseiro, de onte a hoxe. Carlos Nuevo Cal.

                                                       O NASEIRO DE ONTE A HOXE

O sábado 8 de agosto de 2009, hai agora once anos, presentábamos no salon de actos do vello concello de Viveiro, acompañados polo finado alcalde Melchor Roel, o noso libro intitulado: “O Naseiro de onte a hoxe” (Paseo pola historia dunha romaría única), cun destacado abarrote  de público,  segundo contaba a crónica de La Voz de Galicia, “la gente se vio obligada a permanecer en el pasillo y hasta en las escaleras del antiguo consistorio , pues el salón de plenos no tardó en llenarse para asistir a la presentación del libro”.   

A obra espertou un grande interese entre os viveireses, dado que fixa as orixes da Romaxe do Bo Xantar, a máis moderna en cronoloxía, pero ao mesmo tempo, sen lugar a dúbidas, a máis colectiva, identitaria, participativa e pantagruélica de todas. Unha romaría que comezou como feira de gando cabalar no século XIX e que por mor dun ofrecemento realizado a mediados dos anos vinte por parte do mozo Manuel Fernández, “ Xan Rico”, aconsellado por María Antonia da Sabela, a encargada de coidar a ermida da Virxe da Pena de Francia, rematou por converterse na máis salientable das romarías viveiresas da actualidade. A favor da mesma xogou un importante rol a contorna elixida á beira do río Landrove, na paradisíaca paraxe dos Naseiros, topónimo que fai referencia ás nasas e tramallos empregados para a pesca fluvial, á presenza dende o principio da veciñanza das parroquias limítrofes( Magazos, Landrove, Galdo, S. Pedro, Chavin…) que participaron activamente dende o inicio levando as merendas en carros de labranza, así como a creación de diferentes comisións de festas organizadas polos veciños e traballadores da antiga Fábrica de carrozarías automobilísticas de Barro-Chavín.  Na actualidade, a romaría continúa evolucionando da man das xeracións máis novas que fan do Naseiro esa eterna festa báquica de “comer, beber e arder”. Mais este ano pandémico e estraño por mor da Covid-19, benquerid@s amig@s, debemos facer un pequeno paréntese para repoñer forzas e volver, se cabe, con renovadas ilusións na próxima edición. 

                                                                 

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog