Imaxe ecuestre de Santiago no Canto da Praza Maior. Foto: Arquivo C. Nuevo.

                               


                                     O CANTO OU RECANTO DE SANTIAGO DA PRAZA MAIOR

O Cantiño de Santiago foi durante a Idade Media e gran parte da Moderna un minúsculo recanto ou praciña aberta dentro do espazo urbano que constituía a antiga praza do mercado xunto coa desaparecida igrexa parroquial de Santiago, derrubada en 1840.

Da súa antigüidade e orixe medieval dá fe a seguinte testemuña datada o  7 de xullo de 1422, referente á escritura de foro do solar dunha casa derruída, outorgada pola comunidade de frades de Santo Domingo de Viveiro:

…”en el Canto de Santiago de esta población, a favor del Mestre Lopo de Galdo, Mestre en theoligia y de Fr. Juan Martínez”. 

Situado na beira dereita da intersección ou cruce que conforma o comezo da Rúa da Bafuilla (actual Pastor Díaz) coa de Teodoro de Quirós (antiga rúa Grande) e anteriormente fronte a igrexa do apóstolo Santiago o Maior, O Cantiño, malia aos moitos cambios sufridos ao longo do tempo continúa mantendo un encanto especial como lugar de conversa, paseo ou de tránsito comercial cara aos mercados da Praza Maior e da Ribeira. A Praza sufriu distintas remodelacións e cambios que supuxeron a desaparición  non só da propia igrexa e do vello cemiterio parroquial, senón tamén do rolo e picota, do cárcere e da Casa dos Correxidores (1874). Posteriormente, aumentou o perímetro e construíronse os cantóns: o de arriba ou das Zocas, por ser o lugar onde os zoqueiros vendían as afamadas zocas chinelas, e o de Abaixo ou do “paseo da moda”, tan de gusto antes da construción do ensanche ou Malecón, en 1888. A partir de 1891 erixiuse a estatua do literato e político Nicomedes Pastor Díaz, obra do catalán J. Campeny, en recordo da figura máis universal que deu Viveiro.

Dende principios do século XX, nese ángulo de entrada á praza, entrando ou saíndo da rúa Pastor Díaz que conforma o referido Canto de Santiago, establecíanse nos días de mercado os ferreiros e paragüeiros de Ourense, como o señor Rosende un milmañas que reparaba todo tipo de pratos, fontes e vaixelas escunchadas polo uso e o paso do tempo.    

Certamente, nada sabemos da evolución urbanística da pequena praciña ou recuncho do Cantiño que, sen dúbida, pasaría por distintas remodelacións até a actualidade. O máis lóxico sería imaxinar que por motivos estéticos, ou mesmo hixiénicos, o primitivo recantiño rematase absorbido polas edificacións modernas para gardar liña coas outras casas da rúa da Ponte, actual María Sarmiento.

No fermoso edificio de cantería con galería e  balconadas de fundición, situado no nº 2 da Rúa Pastor Díaz consérvase no esquinal  un popularísimo Santiago ecuestre, esculpido en pedra. Malia descoñecer totalmente a súa orixe, como dixemos,  por  non saber si foi realizado “ex nuovo”(sería o más lóxico) no momento da edificación da  vivenda actual ou se, polo contrario, xa existía dende vello, pois ben puido ter pertencido como elemento decorativo ou simbólico á antiga igrexa parroquial, e unha vez derrubada esta, volvería ser recolocado na ubicación que ocupa actualmente. Así aconteceu, por exemplo, cunha imaxe de San Domingos, pertencente ao tamén desaparecido cenobio da orde mendicante, que permaneceu durante moitos anos colocada nun pequeno fornelo na parte traseira da casa do boticario José Pla, que daba á Praciña da Herba.

Calquera que fose a historia real do noso singular “Santiaguiño matamouros” non deixa  ser do máis emotiva e piadosa dado que, ademais desta figura pétrea, toda a cabeceira da planta baixa da vivenda está adornada cun artístico cordón de San Antonio, tallado en pedra. Cumpre destacar o gran simbolismo relixioso que garda todo o edificio en consonancia co espazo que ocupaba fronte á desaparecida igrexa e á antiga reitoral (botica P. Casariego), que aínda conserva unha pequena cruz no lousado. Curiosamente, os penúltimos propietarios da casa na que se atopa o relevo en pedra do apóstolo, segundo a lenda, aparecido en Iria Flavia, eran membros da  familia Barreiro Casal, que tamén foron durante longos anos os encargados do coidado da ermida de San Roque do monte, dado que mantiñan o privilexio concedido polo Bispo de Mondoñedo de nomear ao primoxénito da familia como ermitán perpetuo da ermida.  

O Cantiño mantén permanentemente o seu encanto, entre romántico e enigmático, grazas á maxia de determinados escritores locais como Ramón Canosa que ambientou nel o capítulo “Los últimos romanceros”, incluído no seu libro intitulado “Historia menuda de un pueblo gallego” (Barcelona, 1953). Canosa´relátanos como o tristemente afamado bandoleiro das Grañas do Sor Mamed Casanova “Toribio”, visitounos un día para tratar de conseguir unha pasaxe para Ultramar no despacho migratorio que administrou durante moitos anos Maximiliano Barreiro nos baixos da súa casa no Canto de Santiago:

“… y al ver aquellos deslumbrantes cartelones de la Hamburger Amérika Linie colgados en el canto de Santiago –una proa gigante, azul y rojo, que avanza sobre el curioso llevándose por delante al enjambre de botes desbordantes de pañuelos minúsculos en cuyas puntas se agita el emocionado adiós a la lejanía-, Toribio, a merced de la fascinación de lo incierto, se vió de pronto atacado por la fiebre de la distancia y decidió abreviar el trámite del viaje. Y esto le perdió. Una noche de luna, sin más testigos que los ojos eléctricos de un buho que le miraba recriminador desde una brecha abierta por el rayo en el ábside de la iglesia vecina. Toribio saltó las tapias del cementerio de Santa Marta de Ortigueira, se dirigió al lugar donde desde hacía unos días dormía su último sueño aquel buen don Venancio, que le hubiera regalado el traje si se hubiera atrevido a pedírselo en vida y, ¡qué caray!, decidió tomárselo en su lecho de muerte. “Al fin y al cabo –se diría el profanador - ¿a quién perjudico yo?”...

Por desgraza, as autoridades da época non opinaban do mesmo xeito,  motivo polo que o bo de “Toribio” rematou encausado e preso no Castelo de Santo Antón da Coruña, mais axiña lograría desembarazarse dos grilletes que o aferraban ao cepo e deseguido fuxir a nado do cárcere, principiando en adiante toda unha mitoloxía épica de fugas, asaltos e enfrontamentos coa garda civil (alcumados `popularmente nas Mariñas como os do “gorro gaiado”) e cos cregos que rexentaban as superpoboadas parroquias de antano no rural.

Sen dúbida, O Canto de Santiago sempre foi un lugar tradicional de reunións, onde os cegos e artistas da legua, acompañados de música de violín ou da zanfona, cantaban ou recitaban diferentes copras de crimes, asasinatos e romances amorosos. Ademais, na Semana Santa e durante as festas patronais era usual a presenza no Cantiño de distintos barquilleiros como  Ramón de Patuxas e o tío Arturo que facían as delicias dos máis cativos. Porén, na memoria máis recente dos viveireses aínda permanece o recendo da gorentosa repostería que na beira da praza teñen elaborado as irmáns Lola e María Cociña ao fronte da “Gran Confitería Cociña”; logo rexentaría o establecemento o lugués Francisco Fuentes, baixo a razón industrial de Confitería-Pastelaría “EL Progreso”. Máis adiante, continuaría co negocio a súa viúva Luisa e por último María Martínez. Na actualidade ocupa o lugar da antiga repostería a Óptica de Pedro Casariego.

Entrañable e familiar tamén resultaba a imaxe da vendedora de xornais e revistas Carme Enes Rodríguez “A portuguesa”, quen expendeu a prensa diaria sen interrupción dende 1936 a 1998. Durante os sesenta e dous anos nos que pasou vendendo, a meirande parte do tempo estivo situada diante do escaparate lateral da confitería “El Progreso”; tan só nos últimos anos previos á xubilación cambiou de ubicación para o lateral da casa de enfronte á botica inicial da familia Casariego.

Vicente Baño Cerdeiras no seu libro inédito “Contos e Lembranzas” narra o concorridos que estaban sempre os escaparates da pastelería onde tiñan lugar os animados faladoiros:

“Los hierros protectores de sus dos escaparates puede que fueran, de todos los de la calle de Abajo, los que más duramente padecieron la tortura de las asentaderas de tantos desocupados que allí se detenían a conversar largos ratos”.

Finalmente, o Cantiño era tamén lugar común de despedida da maioría dos mozos de Viveiro que durante as plácidas noites de verán, logo de realizar o último paseo con parada nas fontes da Area e dos Mouros para comparar a frescura das súas augas, como contou J. Nistal, remataban a xornada coa tradicional expresión:  As doce na praza, calabaza!! Cada un para a súa casa!!

                                   Carlos  Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro

 



Comentarios

Publicacións populares deste blog