Isaac Díaz Pardo con Carlos Nuevo, compartindo relatorio na I Semana "O Mar de Celeiro", xullo de 1.997.

                          NO CENTENARIO DE ISAAC DÍAZ PARDO (1920-2020)  

Hoxe, 22 de agosto de 2020, celébrase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo coa realización de distintos actos de homenaxe e agasallo ao longo de toda a nación galega, malia as actuais circunstancias pola pandemia de Covid-19. Falar de Isaac é recordar a toda unha xeración de homes e mulleres que deron o mellor da súa vida para tratar de conseguir un mundo mellor fronte ao fascismo e ao totalitarismo. El mesmo foi unha vítima da dura represión franquista que rematou coa vida do seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño e, indirectamente, tamén coa da súa nai Antonia Pardo Méndez, quen non foi capaz de superar o asasinato do seu compañeiro.

A figura humana e intelectual de Díaz Pardo resulta imprescindible na historia contemporánea galega pois é dunha enorme magnitude nas súas distintas facianas como humanista, pintor, ceramista, deseñador, ensaísta, editor, empresario…

Os que tivemos o privilexio de tratalo e compartir a súa bonhomía e amizade non poderemos esquecer endexamais o seu legado ético, cultural  e político para con Galiza e as súas xentes. Aínda semella que foi onte cando un fato de viveires@s seguindo os seus consellos e os do común amigo e mestre Lois Tobío, decidimos constituír o Seminario de Estudos Terra de Viveiro como entidade  cultural de carácter multidisciplinar, aberta a toda a cidadanía e baseada no estudo do próximo, continuando  deste xeito o ronsel do vello Seminario de Estudos Galegos do que fora fundador, entre outros, Tobío.

Precisamente, nos difíciles momentos iniciáticos, tanto Tobío como Isaac foron quen de marcar sabiamente os derroteiros que deberíamos tomar para poñer en marcha a nave culturalista, sen nengún tipo de dependencias alleas ou controladoras. “Nós sós”, repetía unha e outra vez Tobío… e así foi.


Na multitudinaria Homenaxe de Galicia a Díaz Pardo, organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán o 2 de marzo de 2007 en Ferrol,

O día da inauguración do Seminario de Estudos (18 de agosto de 1994), no Centro de Servizos Sociais, nos claustros de San Francisco, tomaron a palabra e fixeron de padriños da constitución Isaac e Tobío, amosando o seu fondo compromiso con Galiza e coa nacente institución. Logo, inauguraron  a “Exposición do 70 Aniversario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos”, unha montaxe do Laboratorio de Formas do Instituto galego da Información, dirixido por Díaz Pardo.

Grazas á xenerosidade destas dúas figuras egrexias da cultura galega, no“Seminario” conservamos uns importantes fondos bibliográficos e documentais cedidos por quen son  nosos mestres e padriños.              

Sen dúbida, a relación e amizade con Isaac e Tobío continuou durante anos até a desaparición física de ambos os dous. Así, algúns como o que isto escribe participamos incluso na fundación e directiva da asociación de “Amigos do Conxunto Histórico de Sargadelos”, dirixido por Ramón Villares, nun último intento por manter a Isaac ao fronte da súa gran obra cultural. Non foi posible.

Porén, a figura de Díaz Pardo emerxe coma un faro senlleiro nas longas noites de pedra.  

                                                         Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro

Comentarios

Publicacións populares deste blog