Arte nunha cuncha decorada por F. Hernando como as que había nas tabernas.

                                                       AS NOCAS E CENTOLAS DECORADAS

                       A moda daquela época, no pasado século, de decorar tabernas en Viveiro

Traemos hoxe a este blog do Cronista o caparazón dunha noca ou boi de Francia decorado e pintado ao óleo por meu tío Francisco Hernando Viñé (Villaverde Nogina-Burgos, 1911-Viveiro, 1969), nel podemos observar a artística arcada ou pórtico da Porta de Carlos V, coas vivendas e balconadas aliñadas na antiga Rúa Grande (actual Teodoro de Quirós), en cuxo fondal  destaca o campanario da igrexa parroquial de Santa María. A temática, bastante recorrente,  foi plasmada igualmente por diversos fotógrafos tanto da localidade como visitantes. Trátase dunha peza representativa da arte menor, con certas semellanzas cos exvotos pintados, e ten o mérito de mostrarnos unha das manifestacións artísticas máis populares do pasado século XX. Naqueles anos estivera de moda decorar algunhas das tabernas, baiucas, tascas, figóns, bodegóns, cafés. casinos, ou mesmo, determinados establecementos comerciais, con requintadas pinturas, debuxos, buguinas, crustáceos mariños, expresións poéticas, ditos, modismos e refráns. Así, sabemos da existencia de diferentes pinturas murais, a maioría desaparecidas, realizadas por artistas viveireses tan recoñecidos como Joaquín Ávila “Quinco Acevedo”, os irmáns Eusebio e Manuel Bujados, Severo Rodríguez Ramos “Pistolas”, Federico Sigüenza López, O Coxo do Portal de Magazos, F. Hernando e máis modernamente Pepe Soto, Neira Brochs, Maricarmen Iglesias “ Sinsueño”, Dani Caxete, Iván Fernández Ferro ou Pablo Livio, entre outros.

Antigamente, era usual que algunhas das baiucas e bodegóns máis típicas do Porto viveirés estivesen adornadas con variados referentes marítimos como tan ben nos conta Lois Tobío no seu artigo titulado De un rincón del Cantábrico, publicado no xornal El Día do Uruguai, referíndose ao barrio da Ribeira:

“En este barrio, había dos o tres tabernas. En una de ellas, aparecían en las paredes, algunas litografías de mar y de su techo pendía un enorme bergantín con todo su aparejo, que el tabernero, patrón en retiro desde varios años, había ido haciendo en ratos de ocio”.          

No noso libro intitulado Cafeterías, Tabernas, Ultramarinos e Bares de Viveiro(2019) temos falado tamén dalgúns frescos realizados en distintos establecementos como O Centolo, A Cepa Agraria, O Tizón, O Ribeirano, O Vivero, O Zarra, Mesón A Ría, O Recuncho, A Quinta, A Chabola…  Xeralmente, as pinturas eran e son do máis variado  como o mural de Neira Brochs do desaparecido Café Bar Zarra, que representaba unha ampla panorámica da ría e do Val de Viveiro. Agora ben, a temática máis común xiraba arredor da exaltación do viño e da gastronomía, especialmente dos mariscos, pois na maioría das tabernas da localidade foi costume durante longos anos acompañar os viños co consumo de todo tipo de mariscos tan saborosos como nécoras, santiaguiños, percebes, camaróns, navallas, longueiróns, ameixas, mexillóns, carneiros, minchas… Daquela era posible nos portos de mar debido a súa abundancia e baixo prezo de mercado.  No caso das centolas e das nocas por ser de maior tamaño reservábanse, en moitas ocasións, para o seu consumo en grupos máis amplos, acompañados sempre dunhas boas xerras de ribeiro. Houbo, incluso, algunha taberna como o “Timiraos” (1949-1971) que chegou a marcar e personalizar exclusivamente para os clientes fixos algunhas das cuncas brancas  utilizadas para tomar os viños. As “tazas” gardábanse nun andel de madeira para que quedasen perfectamente identificadas, reafirmando así a distinción dos clientes habituais fronte aos demais. Cando determinados exemplares de crustáceos destacaban debido ao seu espectacular tamaño, logo de consumidos había o costume de limpalos e conservar as conchas para decoralas e penduralas das paredes ou derriba da propia barra, no caso das centolas; pintándoas para que semellasen unha faciana antropomorfa ou unha especie de demo mariño con barba moura ou relambidos bigotes. Ademais do misterio que desprendían aquelas enigmáticas e avermelladas cascas dos crustáceos humanizados, penduradas das paredes coma se duns trofeos de caza se tratase, sempre mantiven a dúbida  da súa verdadeira funcionalidade, máis alá da decorativa. Realmente,  semellaban formar parte dun descoñecido ritual para impetrar a abundancia da pesca e escorrentar as malas influenzas sobre os establecementos. As nocas máis grandes, que ademais de cocidas tamén se consumían moito en salpicón, reservábanse como neste caso para pintalas con distintos motivos, especialmente paisaxísticos ou mariñeiros.

Recordo, de neno, pasar as tardes totalmente marabillado vendo debuxar e pintar ao meu tío Paco na soleada galería da casa de Marquitos, da Rúa de Abaixo, onde tamén rotulaba con grande mestría e precisión todo tipo de carteis utilizando unha longa regra, compás, escuadro e cartabón de madeira coas que trazaba os diferentes corpos de letras. Porén, a maxia máis grande era velo compoñer os mosaicos con centos de pezas de cazolas de barro, pacientemente recortadas, limadas e encoladas sobre táboas. Non menos interesante resultaba observar a realización de distintas técnicas empregadas para “estofar” con pan de ouro, pintar ao estuco, vernizar ou, imitar mármores e veteados de madeira para os mobles.

Certamente, o arte de decorar todo tipo de obxectos como abanos, tocadores, xoieiros, caixas ou panos ven de moi vello, incluso algúns pintores como o inglés Conder destacaron grandemente debido á calidade artística das súas creacións pictóricas na sociedade londinense da época.

En canto aos soportes empregados, sempre foron do máis variado, dende táboas, cartóns duros, sacos de lona, “tablillas”, táblex ou lenzos, principalmente. Eran materiais que precisaban dunha traballosa preparación artesanal coa utilización de xesos, colas de coello, pigmentos e trementinas, sobre todo nunha época de grande escaseza de materiais e permanente falla de medios, por parte duns pintores e artistas que vivían a cotío na máis grande das bohemias e penurias económicas.   

                                                                Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro

                                                            (Publicado na Voz de A Mariña, 5 setembro de 2020)     

 



 


Comentarios

  1. Un compedio de información e de marabilla plástica! O arte táctil ás mans do pobo.

    ResponderEliminar
  2. Un compedio de información e de marabilla plástica! O arte táctil ás mans do pobo.

    ResponderEliminar
  3. Acabo de ver os teus comentarios, moi agradecido.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog