O 29 de outubro de 2018 finaba na Coruña o noso gran amigo dende a infancia Gustavo Pernas Cora, dramaturgo, autor e director teatral nado en Viveiro en novembro de 1959.
Con motivo do seu aniversario traemos a este blog a necrolóxica que lle adicáramos na prensa con motivo do seu pasamento.






                                NO PASAMENTO DO GRAN AMIGO GUSTAVO PERNAS CORA

Querido “Gus”:

Debo confesarche que non fun quen de imaxinar que o pasado luns, 29 de outubro, nestes días fríos e chuviosos dos prolegómenos do inverno, cando as primeiras nevadas comezaron a pintar de branco as altas cumes dos montes da Gañidoira, facendo bo aquel coñecido refrán que di: “Por Santos neve nos campos”, ías deixarnos para sempre. Porque, amigo “Gus”, aínda que tiñamos falado durante o pasado verán da túa enfermidade, véndote tan animado e optimista, certamente non pensei para nada neste fatal desenlace. Mesmo, nunha xunta directiva do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, celebrada fai unhas semanas por mor da constitución do noso grupo de teatro afeccionado, chegamos a comentar a posibilidade de chamarte para que impartiras un taller de arte dramático e escenificación.

Agora, cando a morte traidora apareceu para arrebatarte definitivamente da túa familia e d@s túas amig@s, que baleiro tan grande nos deixas!, pero tamén que grande lección de bonhomía, de sabedoría, de dignidade e de vida para todos nós e en especial para os teus queridos: Ánxela, Muriel, Miguel, Mariblanca, X. Miguel, Begoña e toda a vosa familia.

No meu caso particular, cantos recordos se arremuíñan de súpeto, de ledas conversas nos vizosos días da nosa infancia feliz cando xogabamos no adro de Santa María ou compartíamos ilusións, lecturas, cine e amizade infinita. Cantos momentos marabillosos temos pasado xuntos no Colexio das monxas concepcionistas e no Instituto!  Acórdaste que neste último centro, aproveitando o recheo dos que serían os novos colexios, chegamos a ter unha minúscula plantación (o “Guscar”) de leitugas, patacas e fabas, que nacían con relativo éxito, máis nunca conseguimos que se desen os “fríjoles” que tanto che gustaban? Que dicir das pequenas representacións teatrais no portal da túa casa na Avenida de Lourdes, das agradables conversas coa túa avoa a “Cubana”, das tómbolas, dos paseos co “Dandy”, da gata, das tartarugas, dos peixiños de cores… de toda aquela abondosa fauna que tiñas na casa e que tratabas con tanto agarimo!. Até o día da túa despedida en 3º curso de bacharelato cando a túa familia decidiu buscar novas oportunidades na cidade herculina. Logo, virían os estudos en Compostela e Madrid, así como os veráns en Viveiro, onde a túa amizade continuou fielmente cos amigos de sempre: Xavier, “Chuco”, Pedro… e, por suposto, co Alberto que, de seguro, está agardando por ti no alén para explicarche as últimas novas da humanística, das ciencias e da medicina.

Que falar do teu labor profesional e intelectual?  Como Licenciado en Historia da Arte e profesor de Guión e Teatro na Escola de Imaxe e Son da Coruña, sendo autor de obras tan significativas como Os ollos de Victorine e a construción da cuarta parede, 2006.  

Que dicir do teu importantísimo labor teatral, a prol da renovación do teatro galego actual, a carón da túa compañeira Ánxela Abalo, coa que fundaches Áncora Producións, dirixindo e interpretando os teus propios textos. Obras esenciais, vangardistas e comprometidas que falan da entrega e paixón que o noso “Gus” tiña pola arte de Talía para axudar a cambiar o mundo. Como poder esquecer o seu abondoso corpus de obras tan aplaudidas e imprescindibles: O Galego, a Mulata e o Negro, 1990, Premio Compostela ao Mellor Texto Dramático. Ladraremos, 1996, Premio María Casares de Teatro. Fábula, 1997. Anatomía dun Hipocondríaco, 1998. Sucesos, 2000. Footing, 2001, Premio Rafael Dieste. Paso de Cebra, 2006, Premio Max das Artes Escénicas. Final de Película, 2005, Premio Rafael Dieste, outra volta. Medidas Preventivas, 2006, Premio AELG ou 36 Personaxes e un can, 2018, entre outras.

Gustavo Pernas Cora ten gañado tamén, como actor e dramaturgo, o premio teatral Álvaro Cunqueiro pola súa obra Isobaras e o prestixioso Premio Roberto Vidal Bolaño por toda unha traxectoria. Ademais, foi autor de relatos e guións de televisión e realizador de curtametraxes, así como director de dobraxe.

Amigo meu, agora que xa formas parte desa estadea dos bos e xenerosos, ten presente que sempre nos quedará a arte e a amizade, como ti mesmo dicías. Igualmente, meu querido Muriel, podes ter a completa seguridade que mentres vivamos nunca, nunca, nos esqueceremos do teu pai e o manteremos vivo no noso recordo e no máis fondo do noso corazón. Porque, como Bouza Brei, “sereo estou ollando a túa face… Ti non te vas de min!”

                                                                         Carlos Francisco Nuevo Cal

                                                                           

Dedicatoria ao autor deste artigo, autógrafa de Gustavo Pernas Cora no seus libro, premonitoriamente "Final de película", nunha tarde de paseo polas Xunqueiras de Viveiro, acompañados pola súa compañeira Ánxela Abalo, Juan Antonio e Constanza Tobío. 



Comentarios

Publicacións populares deste blog