Rolí, rulí ou rulete 



POLO SAN MARTIÑO “ROLÍS” AO CAMIÑO…

Onte, 11 de novembro celebrouse en toda Galicia a festa de San Martiño de Tours, día grande dos magostos. Trátase dunha data sinalada dende antigo no santoral para agasallar ao santo nado na Panonia (Hungría) e recoñecido polos suevos como o primeiro patrón galaico.

 O magosto é festa ritual no que se xuntan nos soutos as parroquias de vivos e mortos para  degustar as castañas, beber o viño novo, bailar e compartir. Logo, ao longo do mes do San Martiño recóllense os derradeiros froitos do outono e realizase a matanza dos porquiños. Anúnciase a entrada no tempo ventoso e inestable, con clara tendencia a baixar as temperaturas antes da chegada do carrusel das choivas, previo ao inverno. Como ben avisa o refraneiro: “ Non te fíes do veranciño de San Martiño /que che é curto e pillo”.  

Antano, polo San Martiño, os rapaces principiabamos toda unha serie de xogos que requirían de certo movemento para entrar en calor, como os trombos ou pións, as bolas, a billarda, os chés… Os vellos xogos populares que de sempre serviron para estimular a imaxinación, facilitar a comunicación, fortalecer o corpo e, en definitiva, desenvolver distintas destrezas para a vida.

Malia a gran variedade de xogos existentes nas diferentes estacións do ciclo anual, hoxe tan só imos falar brevemente do “rolí” ou “rulí”, un dos xoguetes máis tradicionais do Val de Viveiro e que na actualidade corre o risco de desaparecer. O “rolí”, tamén coñecido como cravanoces noutras bisbarras de Galicia,  consiste nun instrumento de corda que recibe este nome por rular ou bruar, pois para poñelo en movemento é preciso tirar dunha pequena corda ou bramante fino. Está composto por dúas, tres, catro ou máis noces ocas atravesadas por un pauciño ou bimbio que aproveita a inercia da viraxe de dereita a esquerda ao tirar do fío, grazas a unha pequena incisión no pau interior; este actúa como un mecanismo interno que serve para recoller o fío.


                                                                    Rulando


Certamente, ver e escoitar rular ao rolí semella algo máxico e encantador pola sinxeleza do xoguete e o embelezo que ten este peculiar aparello feito con noces. O propio Pastor Díaz deixouno inmortalizado na súa coñecida Égloga de Belmiro e Benigno, ambientada nas beiras do río Landrove e na Terra de Viveiro, onde sempre abondaron as nogueiras, como a mesma toponimia nos confirma, especialmente, no souto do mesmo nome onde se celebra anualmente a concorrida sardiñada das festas estivais. Mais, deixemos que sexa Nicomedes Pastor o que nos fale dos rolís e das nogueiras a través dos seus versos:

               “Cando a min, do septembre nas tardiñas,

                As olorosas viñas

                Que contento conmigo vindimache,

                 As copudas nogueiras que aganchache

                 Para facer os rolís en San Martiño

                 Ou para pillar o descuidado niño”…

Coas noces facíanse tamén outros pequenos instrumentos de percutidos musicais como as “guitarras”, castañolas e “caralliños de noz”, feitos con metade dunha casca á que se lle fixa unha lixeira lingüeta de madeira mediante un fío retorto que actúa de motor.  Ademais, os avós sempre agasallaron aos netiños e netiñas con distintos xoguetes realizados coas cascas de noces como barquiños de vela, cestiños, berces, carriños, cintas métricas ou artísticas tartarugas.

                                        Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)


                           



Comentarios

Publicacións populares deste blog