Carro de bois nos Castelos da praia do Grallal (Covas-Viveiro). Foto: Lander


BREVE HISTORIA DUNHA ARTÍSTICA FOTOGRAFÍA DE “LANDER”

Traemos hoxe ás páxinas deste Blog a adxunta imaxe gráfica publicada no álbum “Vivero”, editado en 1934 polo afamado pintor e fotógrafo Fermín González Prieto (Viveiro, 1900 - Madrid, 1987), coñecido artisticamente como “Lander”. Aínda que a presente fotografía tamén foi impresa como postal turística e repetidamente utilizada para ilustrar algúns dos antigos programas de festas da nosa localidade ou de distintos traballos xornalísticos, o certo é que nunca se ten falado do nome da persoa que aparece nela conducindo mainamente o seu carro de bois, nin da función que estaba realizando no “Navallal”

Sen dúbida, a preciosa imaxe obtida na ampla praia do Grallal fronte aos Castelos cando aínda estaban en todo o seu esplendor, antes da´nefasta intervención que os mutilou, ao dinamitalos aló pola década dos 50 para tentar facer neles unha antiestética caseta de madeira que faría as veces de Club Náutico. Sempre tivo para min un aquel de misterio e curiosidade, non só polo constante ecoar da maxia das lendas das covas próximas das Mazás, de San Xoán Vello e da Doncela, ou do tráxico naufraxio da fragata Santa María Magdalena e do bergantín Palomo, entre outros, senón tamén pola propia composición e sinxela beleza da fotografía que semella a marcha triunfante do explotado labrego galego convertido de súpeto nun heroico  “auriga” vencedor das carreiras de cuadrigas no Coliseo romano. O personaxe do que falamos era Antonio Camba Insúa “Antón do barrro”, natural da Balsa (Muras), orfo dende moi noviño, xunto co seu irmán Manuel, e recollidos ambos os dous polo antigo contratista de obras de San Pantaleón de Cabanas, o Sr. Peón. Logo de traballar arreo nas obras baixo a dirección do seu benfeitor, dando servizo de pedras e barro  -daí o seu alcume de “Antón do barro”-  o  noso protagonista casou en Covas e despois de traballar durante unha longa tempada na madeira como fragueiro e carreteiro, conseguiu por mediación do industrial automobilístico José Barro que era, á altura, o novo propietario das Minas da Silvarosa, establecerse no antigo poboado das mesmas e dedicarse plenamente á gandaría, chegando a posuír naqueles tempos máis de setecentas cabras e ovellas, preto de cen bestas e cabalos do monte e entre trinta e corenta vacas.

Malia a que Antón Camba xa non traballaba a cotío como carreteiro, no momento en que foi sacada esta fotografía,  en troques, aínda continuaba realizando algún servizo ocasional como o de carrexar area da praia para as recen iniciadas obras do futuro hotel turístico da familia Cociña, instante que foi recollido deste xeito pola cámara de “Lander”.    

                                                                                   Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)

Artigo publicado no “Heraldo de Vivero” (26-XII-2020)       


Comentarios

Publicacións populares deste blog