As barcas chegando a Portochao no tradicional día da Xira              Arquivo: Carlos Nuevo Cal


DA XÉNESE DAS PRIMEIRAS FEIRAS ANUAIS ÁS ACTUAIS FESTAS PATRONAIS

A orixe das Festas Patronais de Viveiro debeuse á iniciativa particular do boticario e ex alcalde César Cortiñas Riego Almoina quen, en novembro do ano 1891, decidiu facer un chamamento público para constituír a primeira “Junta Gestora de las Ferias Generales de Vivero”, emulando así a outras poboacións como Sevilla, Cádiz, Zaragoza, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo ou mesmo Mondoñedo. Xunto co iniciador, que foi nomeado presidente da Xestora, resultaron elixidos Manuel Sampedro, vicepresidente; Eugenio Martínez, tesoureiro; Pedro Blanco, secretario, e José Cociña, Luís Romero e Esteban Alonso, como vocais.

Aínda que o verdadeiro Patrón da nosa cidade foi sempre Santo Tomé apóstolo, e a súa festividade celebrábase antigamente o día 21 de decembro, os organizadores das Feiras Anuais, desbotaron esta data e decidiron apostar pola tempada estival para a realización dun amplo programa festivo, lúdico e comercial que se desenvolvería durante os días 13, 14, 15 e 16 de agosto de 1892.  Deste xeito, as distintas celebracións xirarían arredor das tradicionais festividades relixiosas de Nosa Señora e San Roque, co Patrón da localidade e protector dos apestados, que servirían como nexo de unión de todas as actividades programadas.

Certamente, os ramistas sempre tiveron como obxectivo fundamental intentar aumentar o movemento industrial e maila afluencia de forasteiros naquelas datas. Ademais de reforzar a chegada de veraneantes que acudían regularmente a tomar os baños de mar á praia de Grallal, en Covas, as celebracións festivas servirían para verificar numerosas transaccións comerciais propias da época do remate das colleitas, concentrando tamén na nosa cidade un importante número de labregos de todo o “hinterland” mariñán. Coa finalidade de asegurar a maior concorrencia posible do mundo rural, figuraba, en lugar destacado, dentro do programa festivo un apartado específico dedicado a Concurso-Exposición de gando en todas as modalidades. Unha vez outorgados os distintos premios, realizábase un singular desfile dos galardoados polas rúas con su correspondiente distintivo, precedido de los gigantes y cabezudos y de las gaitas del país.

Os programas festivos de 1892 a 1895 que abarcaban entre catro ou seis días de festas e  actividades lúdicas, contiñan todo tipo de entretementos de corte aristocrático e galante: xogos de sport, corridas de cintas (a cabalo e a pé), batallas de flores, certames “biciclistas”, serenatas marítimas, regatas, cucañas, paseos de moda, procesións cívicas, veladas literarias, bailes de sociedade, globos aerostáticos, “fuegos chinescos”, de bengalas, xigantóns e cabezudos, dianas e alboradas, corridas de touros…

Logo da desaparición en 1895 da Comisión organizadora das Ferias anuales de Viveiro e até 1904 tan só se celebrarían os dous días clásicos dedicados a Nosa Señora e San Roque, cos seus actos festivos desenvoltos no espazo da igrexa de Sta. María do Campo e na desaparecida alameda da Misericordia, para pechar coa romaría de San Roque que se celebra coa alba do novo día e remataba coas merendas ao solpor nos soutos de Pedeboi. Anos máis tarde, estas sardiñadas campestres celebraríanse nos soutos de Rego de Sidro, a Pedreira  e nas Nogueiras, onde continúa na actualidade.

Ao longo do novo século XX crearíanse diferentes Comisións de Festas, a cargo de entusiastas viveireses que continuarían coa organización anual dos Festejos Populares, destacando as celebracións dos anos 1904, 1905, 1906 e 1907. Naqueles tempos, a parte musical dos festexos correra a cargo dos afamados Rexementos Militares de Zamora e San Fernando, amenizando as romerías campestres as gaitas do País. Ademais das tradicionais romarías, verbenas, bailes, batallas de flores, globos aerostáticos, festivais grotescos e actividades marítimas (cucañas, regatas, serenatas de mar e a Xira a Portochao), tamén se celebraron Xogos Florais e recuperouse a Feira Anual coa Exposición de Gando. Anos máis tarde, en 1908, constitúese a denominada “Liga de Amigos” que organizaría  espléndidas festas durante varios anos. Nesta primeira década do século destacaban nos programas, como dixemos, as bandas militares e a presenza de afamados gaiteiros populares como o tío Choumín e o célebre gaiteiro de Ventonsela ou cuartetos tan recoñecidos como “Os Trintas”e os “Os Montes”. Igualmente, sempre foi importante a presenza nas festas de distintas bandas populares de música, especialmente as ortegáns dos Garrote, Rebollar, Xurro…  Durante a década dos anos 20 e a Dictadura de Primo de Rivera seguirían as distintas comisión organizando os Festejos Populares ou Fiestas de Agosto. Entre as moitas actividades realizadas podemos destacar a presenza de distintos coros galegos, as proxeccións de cine ao aire libres e os inicios do fútbol afeccionado. Como curiosidade podemos comentar que durante os anos de 1923 e 1924, os Comités de Festexos, patrocinados e presididos polo Concello de Viveiro, dedicaron as celebracións estivais a Nicomedes Pastor Díaz(con motivo do traslado dos seus restos á nosa cidade) e ao filántropo Melitón Cortiñas; este último foi agasallado polo Concello coa dedicatoria  da antiga rúa de Maldonado. Igualmente, a directiva da Sociedade de Obreros, fundada en 1888,  colocou na fachada da institución, unha placa de mármore, actualmente desaparecida, na súa memoria.   

Moito poderíamos falar das diferentes comisións e dos Programas de Festas  dende as décadas dos anos 30 até os 90 do pasado século XX e principios do XXI. Mais, neste ano pandémico de 2021 no que se cumpriron noventa anos da proclamación da II República en Viveiro, queremos recordar unicamente as potencialidades da nosa cidade naqueles anos e como se celebraron aquelas animadas festas de 1931, organizadas con ilusión e imaxinación por dúas Comisións (feminina e masculina) que con gran esforzo e entusiasmo foron capaces de manter vivo o recoñecido dito de Viveiro, Vila Alegre!!!, excelsamente cantado polo poeta Noriega Varela.

                                          

   Procesión no día de San Roque ao pé da capela               Arquivo: Carlos Nuevo Cal           

VIVEIRO DURANTE O PRIMEIRO ANO DO SEXENIO REPUBLICANO (1931)

Á altura de 1931, Viveiro era unha vila costeira con 14.274 habitantes que mantiña un marcado carácter periférico, debido ás malas comunicacións terrestres, o que deu lugar dende séculos anteriores ao florecemento do tráfico marítimo. A súa puxanza económica e comercial sustentábase no importante complexo industrial de J. Barro, en Chavín (Fábrica de Luz e de automóbiles, coa patente de Dion Bouton), que flutuaban entre os cento e os douscentos obreiros empregados, dúas fábricas de conservas (filiais das viguesas Alonso, Albo e Ribas) e seis “fabriquís” de carácter familiar, ademais doutras varias de salgazóns. Contaba Celeiro cun pósito marítimo,  cunha Asociación de Fabricantes asociada á Federación de Vigo, Fábrica de Xeo, Casa de Ventas do peixe que concentraba a unha grande cantidade de barcos que viñan vender a Celeiro dende Vigo, Riveira, Cangas, Marín, Cariño, Ferrol, Burela, Cudillero, Candás, Luanco, Avilés, Xixón, Bermeo, Ondárroa…. así como unha importante frota de vapores dedicada principalmente á pesca da sardiña, anchoa e túnidos. Ademais, había dez aserradoiros de madeira, oito “fabriquís” de chocolate, tres de lixivias, unha fábrica de curtidos, outra de gasosas, dúas imprentas, o periódico local Heraldo de Vivero, e un   destacado comercio minorista, que xunto coas feiras encargábase de regularizar todas as transaccións e vendas dos excedentes agrícolas producidos na área de influencia constituída polos  concellos integrados no antigo Partido Xudicial (Muras, Ourol, Riobarba, Xove e Cervo), territorio que abrangúÍa unha cifra poboacional superior aos 30.000 habitantes.

Igualmente, existía alumeado eléctrico en todas as parroquias e rúas do casco, teléfono e telégrafo, alcantarillado municipal e traída de augas a domicilio, instalada anos antes polo emigrante habaneiro Vicente Abadín. Importante era tamén a rede de escolas rurais e Ligas Agrarias fundadas polos inmigrantes das sociedades Centro Vivariense (Buenos Aires, 1908), Centro Hijos del Partido de Vivero (Buenos Aires, 1909) e Vivero y su Comarca (Habana, 1910). As influencias exercidas polos inmigrantes foron sempre moi destacadas tanto a nivel educativo, como ideolóxico, sindical ou mesmo dende o punto de vista arquitectónico coas requintadas e eclécticas casas indianas tan abundantes en Ourol ou no Val de Viveiro.

Dentro do concerto económico local tamén xogaban tamén un importante rol as minas de ferro da Silvarosa, que en tempos de explotación podían ocupar a uns 400 traballadores.  

DA PROCLAMACIÓN REPÚBLICANA  AO NACEMENTO DA NOVA ESTRUTURA POLÍTICA

Coa proclamación da II República, logo dos resultados das eleccións municipais do 12 de Abril en todo o Estado Español, produciuse a desaparición formal da estrutura caciquil da Restauración borbónica. Pois ás eleccións tan só se presentaran en Viveiro a candidatura “Sotista” ou de Unión Monárquica, que encabezara o ex presidente da Deputación de Lugo, o viveirés Francisco Plácido Donapetry e a conservadora do procurador José Santiago Seijo, en definitiva os dous “organillos” tradicionais dos vellos tempos. As eleccións gañounas Santiago Seijo, que acadou doce concelleiros fronte aos sete dos “sotistas”. Mais, coa proclamación da República o 14 de abril de 1931, debido ás moitas irregularidades denunciadas anuláronse as eleccións en Viveiro, constituíndose interinamente unha comisión xestora presidida por Ramón Vilar Ponte e fixando a repetición das eleccións para o 31 de maio. Mentres, o 19 de abril constituiríase definitivamente a Orga da localidade, que nomeou como presidente a Ramón Villar Ponte. Días despois, en concreto o 23 de abril, reconstruíase a agrupación socialista con dezasete militantes elixindo como presidente ao avogado Andrés García Ferreiro. Por estas mesmas datas constitúese o partido Radical, de Lerroux, baixo a dirección do avogado e masón o ourolés Ramón Rodríguez Prieto.

Paralelamente, producíase o entrismo na Orga por parte do ex alcalde José Santiago Seijo e os seus seguidores. Este feito sumado a outros, como as folgas declaradas nas conserveiras de Celeiro por mor da xornada laboral de 8 horas, os conflitos acontecidos na fábrica de Chavín, debidos ás arbitrariedades do propietario J. Barro, ou o nomeamento como representante na Deputación de do ex concelleiro e presidente da patronal conserveira de Celeiro, José López Santos, remataron por orixinar unha fortísima campaña política dos socialistas e da UGT contra Ramón Villar Ponte.

Unha vez celebradas as eleccións municipais, non exentas de tensións e certa crispación motivadas polas repetidas denuncias de anticlericalismo, a Orga obtivo unha ampla maioría ao acadar doce concelleiros, fronte aos sete da Conxunción Republicano Socialista (cinco socialistas e dous republicanos da Alianza-Partido Radical, de Lerroux). A nova corporación constituiríase o 18 de xuño de 1931, resultando elixido alcalde de Viveiro Ramón Villar Ponte.

Os enfrontamentos volverían a recrudecerse con motivo da convocatoria das eleccións lexislativas do 28 de xuño, ao volver  contender electoralmente os dous bloques políticos locais. Nese ambiente enrarecido polos continuos enfrontamentos e premura de tempo para organizar as Festas Patronais, xurdiría as Comisións Mixtas das que imos falar deseguido. 

 

Familias de merendas no souto de Pé de Boi           Arquivo: Carlos Nuevo Cal

A CONSTITUCIÓN DA PRIMEIRA COMISIÓN DE FESTAS DE CARÁCTER MIXTO

Aínda que a muller sempre participou en todo tipo de traballos e festividades, cumprindo diferentes roles dentro das sociedades conservadoras dominadas polos homes, o certo é que as súas funcións semellaban case sempre diluídas ou, mesmo, reservadas exclusivamente á preparación dos xantares, ao coidado da casa e dos fillos. O prototipo da muller burguesa ou da clase media presentábase como unha especie de “ánxel do fogar”, pura, ingrávida, abnegada e desvalida, que precisaba da tutela permanente do home. Esta imaxe da muller tan propia das sociedades patriarcais e misóxinas nas que existía unha estrita separación de sexos, contrastaba grandemente co perfil maioritario das mulleres traballadoras que realizaban os labores máis duros e denigrantes. Con anterioridade á década dos anos vinte as crónicas de sociedade da maioría dos xornais facían referencia á participación das mulleres nos bailes de sociedade, aos que acudían convidadas polos homes e  onde era frecuente velas actuar  como ás raíñas da festa coa súa corte de damas de honor. En moitos programas de Festexos era bastante usual constatar a presenza de determinadas mulleres da “alta sociedade”, á hora de facer entrega dos premios aos gañadores dos distintos concursos lúdicos festivos.  Outras funcións que realizaban, en moitos casos viúvas, estaban relacionadas coas actividades benéfico recadatorias, moi relacionadas coa Igrexa, como os “roperillos” ou as cociñas económicas. Sabemos que en Viveiro existiron diferentes asociacións como a Sección da Cruz Roja Feminina, a Xunta de Damas e o Patronato de Protección Escolar, entre outros, que estiveron constituídos por mulleres. 

Durante os “locos anos vinte” produciuse a aparición, estimulada polo cine e pola publicidade de certas casas comerciais, da chamada muller moderna, as frappers, que traballaban ou estudaban, facían deporte e vestían á moda, arrombando co papel de nai submisa e escrava do fogar tan propio da estrita moral vitoriana; non debemos esquecer que as reivindicacións feministas aínda estaban entón lonxe de plasmarse en dereitos para a maioría delas. Pensemos que no caso español a muller non acadará o dereito ao voto até o ano 1933, en plena República.

No ano 1924, durante a Dictadura de Primo de Rivera, encargouse da organización das Festas de Agosto unha ampla comisión constituída  por significativos personaxes viveireses, mais ante a escaseza das recadacións, os ramistas decidiron crear un comité de “señoras y señoritas” para organizar unha tómbola e un cadro de declamación, en beneficio dos festexos populares.

Porén, a primeira vez que as mulleres viveiresas participaron nunha comisión de festas, con nomes a apelidos e en igualdade cos homes, sería no verán de 1931, grazas á petición que realizara a Comisión organizadora a mediados do mes de xullo, segundo contaba o Heraldo de Vivero (18/7/1931):

“(…) Dicha Comisión ha tenido la simpática y feliz iniciativa de solicitar la cooperación tan valiosísima como es la de las chicas vivarienses, a cuyo efecto, y después de una reunión que celebraron en el Salón de Sesiones de nuestro Ayuntamiento designaron una Comisión integrada por simpatiquísimas y activas jóvenes”.

A Comisión feminina ficou constituída deste xeito:  Carmita Ruza Polo, Presidenta; Adelaida  F. Fernández, Vice Pta; Sarita Díaz Amado, Tesoureira; Maruja L. Rodríguez, Vice-Tra. ; Manolita Fdez Gómez, Secretaria; Esther López Nécega, Vice-Secretaria; Sarita Cora García, Maruja e Concepción Rivera Núñez, Charito Insua Polo, Maruja Fdez. Gómez, Pepita González Martínez, Maruja López y López, Luisa Paleo Fernández, Magdalena Cociña Seijo, Consuelito Pernas, Lolita Cora García e Juanita Latorre Rodríguez, Vocais.         

Co obxectivo de recadar fondos económicos para as festas, a Comisión Feminina acordou celebrar unha verbena no Bar Moderno (antigo Salón Cociña) de Covas, fixando a kermasse  para a tarde noite do primeiro de agosto. As rapazas tamén decidiron instalar toda unha serie de artísticos quioscos engalanados con preciosas guirnaldas e sortear “un magnífico edredón” que permanecía exposto no escaparate do comercio das señoritas Díaz Amado, na Rúa Pastor Díaz. Igualmente, para asegurar a maior concorrencia posible de participantes conseguiron que nesa noite houbese un continuo servizo de autobús entre Viveiro e Covas.

Debemos significar que dende moi antigo as mulleres viveiresas viñan participando nos diferentes cadros de declamación que existiron na localidade, ao igual que facían moitas das compoñentes desta Comisión de Festas, como as irmáns Maruja e Concha Rivera Núñez, Adelaida Fernández ou Juanita Latorre, entre outras, que actuaban con regularidade en distintas obras teatrais de carácter benéfico, destacando os homenaxes á Vejez del marino, organizados polo popular comandante de Mariña Carlos Morris Soriano, irracionalmente “paseado” en 1936 na Ponte do Barqueiro. Ademais, as rapazas formaban de diferentes coros parroquiais ou de afeccionados que actuaban no Teatro Nemesio; entre as voces privilexiadas da época figuraba Charito Insua Polo, compoñente como vimos desta Comisión de Festas.  Moitas mulleres figuraban tamén por lazos de amizade entre elas ou por razóns ideolóxicas ou de proximidade ao galeguismo.      

Outro tanto acontecía con algúns dos homes que formaron a Comisión dese ano, como Antonio Meirás que era outro dos compoñentes dos coros afeccionados. Noutros casos, os mozos que constituían a Comisión, figuraban nela por petición expresa do alcalde Ramón Villar Ponte ou pola súa militancia ou simpatía coa Orga e a antiga Irmandade Nazonalista Galega da vila, tal era o caso dos inmigrantes  Bernardino Núñez, Antonio Rivera e Juan Cora Insua, ou dos estudantes José Gueimunde “Pepé” e Emilio CerdeirasRey. Aínda que descoñecemos a adscrición política naqueles anos de Juan Paz Abad e José Méndez Cribeiro, sabemos que tamén estiveran emigrados en Cuba e formaran parte da directiva da sociedade Vivero y su Comarca. Mais, vexamos os nomes de todos os compoñentes da referida Comisión de Festas: Ramón Villar Ponte, Presidente de Honor; Melitón Cortiñas Presidente efectivo; José Méndez Cribeiro, Vicepresidente; Gonzalo Cora Insua, Vicetesoureiro; José Gueimunde López, Secretario; Enrique González Martínez, Vicesecretario; Juan Paz Abad, Emilio C. Castiñeiras, Bernardino N. Rodríguez, Antonio Rivera Núñez, Antonio Meirás Goás e Elías López Nécega; Vocais.

Grazas ao esmerado libriño Programa das festas, requintadamente impreso nos Talleres Tipográficos de Fojo, onde se editaba o Heraldo de Vivero, sabemos que as distintas actividades celebráronse durante cinco días, dende o 14 até o 19 de agosto. Logo da inauguración dos festexos populares cunha salva de estrondosas bombas de palenque, a Banda Municipal realizou o saúdo ás bandeiras galega e republicana penduradas na balconada do Concello interpretando os himnos de Galicia e Riego dando así por iniciados os festexos populares. Estes serían animados pola Banda Municipal e as Gaitas tradicionais, ademais incluíanse dúas misas solemnes nos días de Nosa Señora (15) e San Roque (16), os sermóns estiveron a cargo dos cregos Eugenio Durán e Francisco Fraga. Houbo tamén ledas dianas e alboradas, paseos de moda, concertos e bailes populares no Malecón e na Praza Maior, así como un festival ciclista con xincana, carreira de cintas e festival grotesco. Igualmente, organizáronse diferentes modalidades de regatas, unhas para profesionais con embarcacións de oito e catro remos, outras para a rapazada en tinas e outras de ambos sexos, para mozos e mozas, todas elas con importantes premios.  Espléndidas foron tamén as tradicionais romarías e bailes campestres que se celebraron en Rego de Sidro, Pé de Boi, San Roque e a Xira polo Landro até Portochao.

Coincidindo cos Festexos permaneceron ancorados no porto de Viveiro seis torpedeiros da escadra española e tres submarinos en Celeiro. Por mor das xestións do Axudante de Mariña, a Armada celebrou unha xornada de portas abertas, contribuíndo a darlle un maior realce ás celebracións. Estas concluíron con “salvas de bombas, fuegos de lucería y elevación de globos con un grandioso Zepelin Final” que luciu unha inscrición alusiva ás festas.

Despois do grande éxito acadado pola Comisión Mixta de festexos, a campaña contra o alcalde Ramón Villar Ponte foi de tal magnitude que o levou a dimitir no mes de setembro dese mesmo ano. Posteriormente, as mulleres acadarían a lei do divorcio (1932), o dereito a voto (1933) e outras conquistas sociais e unha maior igualdade cos homes, pero o golpe militar de xullo de 1936, a cruenta guerra civil e postguerra supuxeron un retroceso total nos avances conseguidos.   

                                                                                      Carlos Francisco Nuevo Cal

                                                                             (Cronista Oficial da Cidade de Viveiro)  

Artículo publicado en "Heraldo de Vivero", 13 de agosto 2021


Comentarios

  1. Cada vez que leo algo de Viveiro e a súa historia relatada por ti e coma si eu vivira eses tempos, transportome, gracias Maestro

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog