Antigo banco do Rancho Chico, en Celeiro, nunha imaxe de Foto Carlos do 25 de xullo de 1973.

                                     

                                             DO BANCO DAS MENTIRAS AO DA PACIENCIA

                           Bancos mariñeiros da Mariña, fontes inesgotables do pasado e do presente

 Se facedes unha viaxe polos peiraos do norte mariñán, calquera día enxoito do ano, sen dúbida chamaravos grandemente a atención o feito de ver a unha morea de vellos lobos de mar, reunidos ao redor dun banco de madeira ou pedra, semellante á bancada dos antigos traiñóns, convertido a cotío en centro de reunión e permanente foro de discusión.

A maioría destes bancos mariñáns ou de bocarribeira teñen nome propio: banco das mentiras do Mirasol ribadense, o parladoiro da praia do Torno en San Cibrao, o desaparecido bando da paciencia en Viveiro, o da Papoia e do Rancho Chico en Celeiro…

Do banco da paciencia situado antigamente no popular barrio mariñeiro da Ribeira, deixounos a seguinte testemuña o etnógrafo e investigador Xaquín Lourenzo Fernández, que no seu traballo sobre a Cultura Popular Galega (Tomo II da “Historia de Galiza” dirixida por Otero Pedraio), dinos:

“En Viveiro había un arbre, que xa desaparecéu, chamado o “arbre da pacencia”, onda o que se puñan os mariñeiros á espreita do “choutar” das tolinas; cando as vían era sinal de que viña o peixe e entón saían bogando até acadal-o banco das sardiñas e faguel-o cerco”.

Bancos de choiva, brétemas, salseiros e raxeiras. Fieis testemuñas de naufraxios, galernas e traxedias. Fontes inesgotables  do pasado e do presente, tesouros continuos de contos e anécdotas, memoria viva de xeracións de indómitos mareantes.  Sufridos, contritos e humildosiños bancos mariñeiros, rebuldeiros observatorios meteorolóxicos para a esculca de mareas, ceos e ventos. Atalaia de chegadas e partidas, antonte branca escuma de faluchos, trincados, traiñeiras, laúdes, barlotes,  bucetas e remo de couce dos traiñóns, mouro fumear dos vaporciños onte, fero e férreo rebumbio das vacas que sucan o Grand Soleil, hoxe, mañá… Petruciais bancos dos aconteceres do vivir diario, escola prematura de grumetes, boteiros e sogueiróns, retiro forzado de avezados mariñeiros.

Paraninfos engaiolantes de quiméricas e fantásticas andainas por lonxanos e tenebrosos mares, cos que todos os nenos da beiramar soñamos navegar algún día durante a nosa infancia feliz neste Viveiro norte.

                                                   

 

A Papoia, fonte da fábrica de Andrés Amor Santos "Canoura", tamén en Celeiro, co bebé Carmen Paleo Paz con Jesús Paleo Herrero e detrás o tío Manulo.  

                                             Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro       




Comentarios

Publicacións populares deste blog