Edificio social da Unión de fabricantes radicada en Celeiro.

A FUNDACIÓN DA UNIÓN DE FABRICANTES DEL NORTE DE GALICIA, EN CELEIRO

OS PIONEIROS DO ESCABECHE E A CONSERVAS

Coa instalación dos primeiros “fabriquís” de escabeches da Viúva de Álvarez e de Emeterio Sanjurjo López “O Santiño”, principiou en Celeito, entre 1904 e 1906, a industria conserveira. Esta iniciativa empresarial veu complementar ás 24 fábricas de salga que aínda elaboraban por aquelas datas todo tipo de peixes salgados no porto celeirés. Ao ano seguinte, en 1907, puxéronse en funcionamento dúas novas fábricas de conservas: a do comerciante  e armador logroñés Romualdo Villar Gómez e a do empresario asturiano Bernardo Alfageme.

Xa temos falado tamén no libro das Conserveiras de Celeiro, Vicedo, Bares e Barqueiro, escrito en colaboración con Vicente Míguez, da fundación en Celeiro, no ano 1909, dunha Xunta de Defensa da Pesca, que fora constituída, en exclusiva, por armadores, fomentadores e conserveiros para facer fronte ao virulento conflito pesqueiro existente entre “tarrafeiros” e “traíñeiros”, que tanto afectou ao sector durante o primeiro decenio do século XX.  Malia a brevidade destas pioneiras experiencias empresariais, que axiña se viron frustradas debido a crise producida pola continuada falla de sardiña (1909-1914) e ao estalido da gran guerra europea, o importante labor mercantil realizado por estes emprendedores non ficaría no esquecemento e pronto terían continuidade.

 Porén, habería que agardar até 1917 para  que se producise un novo renacer das conserveiras en Celeiro, propiciado polos anos finais da guerra e da gran demanda exterior dos produtos en conserva. En adiante, ademais da elaboración de sardiña a produción diversificouse na preparación doutras especies tan importantes como os túnidos e o bocarte (anchoas); estas últimas gozaban de especial aceptación nos mercados italianos, ingleses, franceses e americanos.  

A gran abundancia de pesca existente no Cantábrico por aqueles anos favoreceu moito aos nosos portos ao poderen aproveitar a pesca destas especies mariñas, cando se producía o paso cíclico dos cardumes á altura da Estaca de Bares e da Coelleira.  

Sen dúbida, os anos vinte foron  os do gran despegue industrial de Celeiro grazas á posta en funcionamento da Fábrica de Xeo (1922), á fundación do Pósito de Pescadores (1923 ) e da Casa de Ventas (1924), así como a adquisición das primeiras unidades de camións para o transporte e mailo establecemento dunha rede de asentadores que remitían o peixe aos  mercados do interior. Co desenvolvemento experimentado e coa a creación de distintas infraestruturas pesqueiras e portuarias instalaríanse novas fábricas de conservas e, mesmo, establecéronse aquí tres filiais das grandes casas conserveiras viguesas e asturianas: Alonso, Albo e Rivas, das que na actualidade tan só continúa a segunda.


                                                              Xuntanza de conserveiros de Celeiro.

DA CONSTITUCIÓN DA UNIÓN DE FABRICANTES (1929) Á REPÚBLICA ( 1931-36)

O destacado rol que xogou a Unión de Fabricantes de Conservas, fundada en Vigo en 1904, durante os anos da guerra europea impulsando o sector e os acordos de estado para unha mellor distribución dos “cupos” da folla de lata, estano, aceite e demais materias primas necesarias para a elaboración das conservas, supuxo o asentamento da Uníón de fabricantes viguesa, así como a súa expansión organizativa a outras rías próximas.

Realmente, a inestabilidade económica dos mercados internacionais durante os anos vinte propiciou á organización dos empresarios da conserva que dependían grandemente das exportacións e da necesidade de información, en canto a coñecemento dos prezos, mercados, cambios lexislativos, medidas sanitarias, aranceis… Ademais de manter un labor moi activo  a través da revista “Industria Conservera” e da incorporación da “Unión” aos organismos estatais de regulación económica, que se constituíron neses anos de progresiva corporativización da economía española. Os fabricantes olívicos contribuíron tamén ao nacemento doutras asociacións como a Unión de Fabricantes de Conservas y Salazones  del Norte de Galicia, constituída en Celeiro o 12 de novembro de 1929, logo dos traballos preparativos de redacción e presentación de estatutos no Goberno Civil. A asociación tiña por principal obxectivo “la defensa de los intereses individuales y colectivos de los asociados”.  

Os fundadores da Sociedade foron os conserveiros e fomentadores da salga Balbino Insua, Francisco López Insua, Vicente Carballo Blanco (por Antonio Alonso, Hijos), José Antonio Santos, Ramón Vázquez Campo, Antonio López, Laureano Goás Río, José López Santos e Antonio Goás.  Á altura de 1929 a nacente sociedade consideraba que asociarse xa non era una necesidade senón máis ben unha obrigación: a contracción do comercio internacional ocasionou a Gran Depresión de 1929 e aínda que esta chegou con certo retraso a Galicia, grazas ás boas costeiras deses anos e a pesar da redución das exportacións a América e da depreciación da peseta fronte ás outras moedas dos clientes europeos, os fabricantes celeireses conseguiron manter as exportacións a Italia e Alemania, principalmente.  

Entre os primeiros acordos tomados pola nova directiva destacaban o recurso de supresión do imposto sobre o peixe, que trataba de establecer o Concello de Viveiro e a consecución dun domicilio social apropiado para a sociedade. Coa finalidade de construír un edificio propio, recorreron a un empréstito, amortizable nun prazo determinado, baixo a garantía dalgúns asociados. Logo, o presidente da “Unión” José López Santos “Joselillo” mercou en nome da sociedade  un terreo, o 15 de setembro de 1930, pola cantidade de 1.750 pesetas, aos herdeiros de Carmen Sanjurjo e Ramón Cociña, a finca estaba situada no lugar dos Castros, actual Arribada.    

As obras de construción da sede empresarial foron adxudicadas, o 22 de marzo de 1930, logo dun concurso subhasta, ao construtor viveirés José Otero García, que seguindo os planos do aparellador Jesús Arosa comprometeuse a executar as obras nun prazo de cinco meses. O edificio constaría de pranta baixa e primeiro piso, e ocuparía unha extensión superficial de 121 metros cadrados. O andar baixo sería destinado a salón de recreo e café, mentres que o alto  estaría ocupado por un salón de sesións e a secretaría, xunto cos faios. Nas obras tamén participaron a cuadrilla do portlanista portugués afincado en Viveiro Manuel Mera Alves e o tallista compostelá José Otero Gorriti. Finalmente, rematouse o edificio en 1932, coa colocación na fachada da sociedade dunha artística torre de “portland” cun reloxo iluminado de timbre da acreditada marca “LYM”. Da venda, funcionamento e reparación do mesmo fíxose cargo o mestre reloxeiro viveirés Enrique Pardo.

Durante os anos da República (1931-36) e como consecuencia do “crak” mundial produciuse a caída das exportacións, especialmente no bienio de 1932-34, ademais do aumento da conflitividade obreira. Coa a sindicación obrigatoria nas fábricas, a implantación da UGT e do Sindicato Único de Industria Pesquera y sus derivados, integrado na Confederación Regional Gallega da CNT, realizáronse diversos paros e folgas xerais nas loitas pola consecución da xornada laboral de 8 horas, do retiro obreiro e do seguro de maternidade. Malia ás conquistas laborais conqueridas pola clase obreira nestes anos republicanos, o golpe militar e a conseguinte guerra civil (1936-39) supuxeron a anulación dos logros conseguidos e o aumento dos abusos pola  parte empresarial.

                                            Traballadoras limpando bonito na fábrica de J. Rivas e Hijos S.L.
  

DO REFLUXO DA GUERRA E POSTGUERRA Á DESAPARICIÓN NA DÉCADA DOS 70     

Nos anos de 1937 a 1941, grazas a abundancia de pesca, especialmente do chicharrón que aparecera nas rías en 1934, e ao intervencionismo da Intendencia Militar que garantiu a distribución das conservas nos mercados internos permitindo as exportacións aos países amigos como Italia e Alemaña, as conserveiras experimentaron un importante auxe, instalándose novas fábricas ao longo da Mariña. Con todo,  esta tendencia expansionista axiña declinou pola falla de aceite e a carestía da folla de lata, estano e outros insumos necesarios para a industria, así como polo illamento externo do réxime franquista. Porén, o máis negativo para o sector foi a intervención da Comisaría de Abastecementos e Transportes (CAT) que obrigaba a facer entrega do 60% da produción a un prezo moi inferior ao do mercado,  permitindo en troques a venda libre do 40% restante. Aínda que esta política de tasas obrigatorias reduciuse algo a partir de 1943, houbo que agardar até 1948 para a súa eliminación definitiva.

Ante a reiterada falla de sardiña nas rías galegas dende 1946 a 1956, os fabricantes celeireses diversificaron a produción dos escabeches envasando en barricas de madeira: chicharrón, curriolo, relanzón, palometa, boga… reservando o aceite para o bonito e a semiconserva de anchoa, Era tal a escaseza de aceite que en 1946 a “Unión” enviou unha comisión a Madrid e Córdoba para tratar de ampliar os “cupos” que recibían. Igualmente, participaron en numerosas Feiras do Mar e demandaron constantemente un maior abastecemento de folla de lata a través da Unión de fabricantes de Vigo, ao tempo que asistían en 1949 ao Congreso Internacional para a unificación dos envases da conserva.

Asimesmo, desenvolveron unha ampla labor social aportando importantes cantidades a prol da distintas melloras en Celeiro e Viveiro.  En 1956 constituíron a Cooperativa de fabricantes de Conservas y Salazones del litoral lucense “CLUFACSA” que esmoreceu en 1962. A desaparición das fábricas a partir dos primeiros anos 70 (na actualidade só traballa Albo) debeuse á falla de relevo xeracional, á competencia dos conxelados, a falla de inversións en renovación da maquinaria e ás taxas altamente custosas para pequenas empresas. Coa desaparición da Unión de Fabricantes esvaeceuse a potente industria conserveira celeiresa que chegou ter até 24 fábricas en funcionamento.     

                                                               Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro       

 

 


Comentarios

Publicacións populares deste blog