Escola de Vieiro recén construida.


A BIBLIOTECA POPULAR CIRCULANTE , UNHA IMPORTANTE INICIATIVA PEDAGÓXICA (1929)

ADRAL

As bibliotecas populares circulantes xogaron un destacado rol na expansión cultural e no fomento da lectura, tanto entre o alumnado como no conxunto da cidadanía ou, mesmo, na formación continua do profesorado, necesitado de permanente actualización pedagóxica, científica e literaria. A constitución das distintas bibliotecas circulantes de carácter escolar debeuse á iniciativa da Dirección Xeral de Primeira Ensinanza que a partir do Real Decreto do 22 de novembro de 1912 promulgou unha serie de reais ordes sobre a organización e funcionamento destas bibliotecas que estarían dirixidas polos mestres e baixo a supervisión dos inspectores de primeira ensinanza.

OS INICIOS DA BIBLIOTECA POPULAR CIRCULANTE

O pioneiro e propulsor da Biblioteca Popular do Partido de Viveiro foi o mestre aragonés, Felipe Carnicer López, natural de Orera (Calatayud), educado en Zaragoza e rexente da escola de nenos de San Cipriano de Vieiro, a máis nova das parroquias viveiresas, constituída en 1901, ao calor das minas da Silvarosa. Da importante labor pedagóxica de Carnicer que, á altura, tamén era o presidente da Asociación del Magisterio del partido, deixou constancia o xornalista madrileño Luís Bello Trompeta, quen na súa xeira polas escolas de Galicia en 1928 publicou unha serie de artigos no xornal El Sol, entre os que podemos destacar Una escuela, un jardín, una biblioteca. Nel, descríbe maxistralmente as paraxes naturais de Vieiro e a súa escola, así como a importancia da creación dunha Biblioteca Popular que axudase a superar calquera limitación, pois, segundo manifestaba Bello, os mestres estaban sometidos por motivos económicos a dúas grandes limitacións que influían moi negativamente no desempeño do seu labor educativo: a familia e o libro. Mais deixémonos levar polas propias palabras do destacado xornalista republicano:

(…) “ La familia es un lujo que no puede pagarse un maestro. El libro es otro lujo que no puede pagarse un maestro. Sin embargo, se casa siempre, o casi siempre. Arrolla la limitación. Sin embargo, lee; y hace de los libros familia alguna vez. Pero ese gran acumulador y multiplicador de energía que es el libro; esa poderosa floración que asalta nuestra vida para alegrarla, como el  campo y el monte asaltan las casitas de Vieiro, difícilmente puede lograrlo en el aislamiento y en la pobreza.Yo veo para él un rayo de luz en las asociaciones de Mestros de partido, fundadoras de bibliotecas circulantes. Ahí puede estar la masa de libros; la masa donde irá poco a poco perfilándose su propia silueta espiritual”. [1]      

Aínda que Felipe Carnicer sempre manifestou o carácter pioneiro da Biblioteca Popular Circulante do Partido de Viveiro, nos seus escritos e conferencias de propaganda, debemos salientar que con anterioridade á constitución da mesma xa viñan funcionando outras dúas iniciativas semellantes no occidente asturiano e na Mariña. O primeiro referente foi Castropol que en 1921 fundou a súa Biblioteca Popular Circulante, logo do chamamento realizado a través dun manifesto publicado na prensa local e asinado por oito destacados castropolenses, entre os que figuraban Román Penzol, Ramón Canel e Vicente Loriente Cancio. Anos despois, en concreto en 1928, Ribadeo faría outro tanto a través da iniciativa de Camilo Barcia Trelles, Amando Suárez Couto, Gregorio Sanz e Vicente Loriente Cancio, entre outros. O proxecto ribadense axiña callaría, grazas ao apoio económico da sociedade de instrución río pratense “Ribadeo y sus Distritos”. Tanto a iniciativa asturiana como a ribadense estaban patrocinadas e dirixidas por un padroado composto maioritariamente por destacadas figuras da sociedade civil. Unicamente, no caso da Biblioteca Popular de Ribadeo constatamos a presenza entre os fundadores do catedrático Camilio Barcia e do representativo mestre Gregorio Sanz.   

Porén, é preciso sinalar que malia ás moitas semellanzas existentes entre os tres proxectos de Bibliotecas Circulantes de Castropol, Ribadeo e Viveiro, que coincidían en moitos obxectivos culturais e de promoción da lectura, en realidade a única que estaba rexida na súa totalidade por mestres e suxeita ás directrices da Inspección educativa foi a viveiresa, de aí o seu carácter pioneiro e a súa grande importancia dende o punto de vista pedagóxico e educativo.

Carnicer lanzou a idea da fundación da Biblioteca Popular Circulante dende as páxinas do semanario de defensa do Maxisterio lucense Vida Escolar (30-3-1929), dirixíndose a todas as mestras e mestres viveireses a través do artigo intitulado  A mis compañeros del partido de Vivero. No escrito sinalaba a posibilidade de destinar por parte da Asociación de mestres, unha cantidade anual para mercar obras de estudo ou de consulta que servisen para ampliar coñecementos e aplicar ou perfeccionar novas experiencias pedagóxicas nas tarefas escolares. Deste xeito, a través do intercambio e préstamo dos libros adquiridos, cada ensinante podería estudar ou ler cando menos doce obras anuais. Mais, para Carnicer, o complemento ideal desta pequena biblioteca pedagóxica sería a constitución dunha Biblioteca Popular Circulante de carácter xeral que abranguese a todo o distrito e chegase aos mestres, alumnos e ao maior número de persoas. 

Meses antes de poñer en marcha o seu proxecto,  o noso protagonista xa estudara a organización de distintas Bibliotecas Populares que existían en España e noutros países desenvolvidos como Francia, Bélxica, Italia, Inglaterra e EE.UU, chegando á conclusión de que este tipo de bibliotecas eran as únicas que estaban ao alcance “de todas las persoas amantes del saber”, eran as máis democráticas e as que máis se axustaban ás modalidades dos futuros lectores viveireses.  

Axiña, a Asociación de Mestres decidiu en xunta xeral extraordinaria do 7 de abril de 1929 iniciar os traballos para a creación e patrocinio da desexada Biblioteca. Con este reto os destacados mestres Felipe Carnicer López “Carlofé”, José Galera Moreno, Modesto Grandío Parapar e Ángel Fraga Orosa “A. Agarf” principiaron unha ampla campaña propagandística na prensa escolar, local e comarcal. Así, a través das páxinas de Vida Escolar, El Heraldo de Vivero e El Pueblo Gallego de Vigo, publicaron diversos  artigos nos que explicaban a finalidade e potencialidades da futura Biblioteca, os beneficios culturais que produciría de cara á poboación, o regulamento e funcionamento da mesma, o mantemento a través das cotas, a adquisición e doazón de libros, etc. Á campaña sumáronse os redactores do Heraldo que asinaban as súas colaboracións cos pseudónimos: “Un vivariense” e “Una vivariense”, xunto co tamén colaborador e escritor residente en Madrid, o ribadense Federico Mediante, quen ofreceu enviar un importante lote de libros e enriqueceu a proposta coas súas opinións.

                                                     Felipe Carnicer López, mestre de Vieiro e fundador da Bliblioteca Popular Circulante.

O REGULAMENTO E PRIMEIRO CATÁLOGO DE LIBROS DA BIBLIOTECA

Mentres, moitos dos máis activos docentes desenvolvían unha intensa campaña propagandística na prensa, o presidente e secretario da Asociación do Maxisterio do Partido, F. Carnicer López e José Galera Moreno, encargáronse da elaboración dos estatutos da futura Biblioteca Popular. O Regulamento e Catálogo sería aprobado definitivamente, o 15 de abril de 1929 polo Inspector Xefe de Primeira ensinanza da provincia, Luís Soto Menor; imprentándose en decembro do mesmo ano. O Regulamento consta dunha parte preliminar e dos estatutos da Biblioteca con 38 artigos distribuídos en tres apartados; ademais tamén figura un Catálogo duns 500 libros, inventariados e rexistrados por materias.

No prólogo incídese na importancia da educación ao manifestar que “la paz y liberación de los pueblos no se conseguirán por la espada ni el cañón, sino por la cultura, y que el medio más eficiente de adquirir y enriquecer ésta es el buen libro”. Coa posta en marcha da Biblioteca pretendían a rexeneración e a máxima igualación cultural entre as distintas clases posibilitando que as lecturas chegasen por igual “a las cuidadas manos del rico que a las encallecidas del pobre, hermanando a humildes y altivos en Viveiro y su distrito”.

A Biblioteca Popular estaría rexida por una Xunta que repetía os cargos da Asociación local do Maxisterio, formada por: F. Carnicer (presidente), J. Galera (secretario), Balbina Martínez (tesoureira), Modesto Grandío Parapar (bibliotecario e vicepresidente da Asociación) e unha vice-bibliotecaria, que sería a mestra da escola de nenas da localidade, Carmen Baamonde Varallobre.

Funcións do Bibliotecario e da Vice-bibliotecaria

Entre as distintas funcións do bibliotecario destacaba a realización dun pormenorizado estudo dos libros adquiridos ou doados para evitar que fosen inmorais e puidesen atentar contra a Relixión e as leis do Estado. Debido ao gran éxito que obtiñan moitas lecturas infantís, a nova Biblioteca contaba cunha sección para educar e instruír aos nenos e nenas evitando os males que, segundo manifestaban, causaban na alma e no corpo “esos periódicos, folletos, etc. que en forma de Kirikis, tebeos, chiquitines, rafles, fantomas y revistas pornográficas, abundan por doquier”.[2] Ademais, o bibliotecario tiña a obriga de publicar na prensa local os títulos das obras que pasaban a engrosar os fondos bibliográficos e hemerográficos, especificando a procedencia dos mesmo se eran doados por particulares ou institucións como a Dirección Xeral e a Inspección Provincial de primeira ensinanza. Os libros doados entregaríanse no local da Biblioteca que estaba ubicada nos baixos da escola de nenas situada na rúa de Lourdes. Na cidade herculina tamén se recollían doazóns en metálico e en obras na Libraría de Zincke Hermanos.  

A Vice bibliotecaria estaba obrigada a custodiar as publicacións e demais bens da Biblioteca, así como a facilitar os libros que lle solicitasen, baixo recibo asinado. Tamén debía levar un rexistro de lectores e das obras lidas. Igualmente, debería publicar anualmente unha estatística do número de lectores e dos libros máis solicitados.

Financiación, solicitudes e Catálogo de libros

En canto aos ingresos para o mantemento da Biblioteca procederían da consignación que faría anualmente dos seus fondos “La Asociación del Magisterio del partido de Vivero”, que non debía ser menor de cincuenta pesetas. Ademais, solicitaríase de todos os Concellos do distrito unha cantidade anual que, en conmemoración da Festa do Libro, viñan obrigados a reflectir nos seus presupostos. Igualmente, pedirían por medio de cartas circulares a axuda de distintas persoas do distrito que estivesen dispostas a contribuír cunha cota ou donativo económico.  Estas doazóns en metálico recollíanse a través de dúas contas abertas nas sucursais viveiresas do Banco Hispano Americano e do Pastor.

Pouco a pouco, a iniciativa cultural ía tomando forma e cada vez eran maiores os apoios e axudas recibidas tanto do pobo como das autoridades da época. E así o podemos comprobar na seguinte cita, extractada do artigo de F. Carnicer La Biblioteca Popular Circulante,  publicada na sección Pro Cultura do Heraldo do 6 de xullo de 1929:

(…)”Constantemente estamos recibiendo pruebas de afecto, palabras de aliento, ofrecimientos, etc. de autoridades y pueblo, destacándose entre las más valiosas las de los Excelentísimos Sres. Martínez Anido y Calvo Sotelo, llenándonos de saludable optimismo, para seguir adelante, por el camino emprendido co paso firme y seguro aunque con la lentitud propia de las obras que se hacen, no con la vista fija en las destellantes lucerías y cascabeleos musicales de un momento.”  

Os veciños de Viveiro podían solicitar directamente calquera dos libros que figurasen no Catálogo da Biblioteca acudindo á escola de nenas en horario lectivo,  mentres que os demais habitantes do distrito podían encargar as obras desexadas a través dos  propios mestres das parroquias. O único trámite que debían realizar para recibir os libros era asinar un sinxelo recibo e comprometerse a devolvelos dentro do prazo dun mes como máximo.

Porén, os iniciadores aspiraban a constituír no futuro distintas delegacións ou sucursais da Biblioteca por todas as parroquias do distrito. Tamén pensaban no establecemento definitivo dunha Sala para a Biblioteca no proxectado grupo escolar de Viveiro, pois a imaxe das escolas de nenos do vello convento de San Francisco que estaban instaladas ao lado da igrexa, do xulgado e do cárcere non era a máis adecuada.

No Catálogo xeral dos fondos bibliográficos figuraban as diferentes obras agrupadas por títulos, autores e materias. Entre estas últimas podemos destacar as seguintes: Agricultura e gandería, Artes e oficios, Belas artes, Botánica, Ciencias varias, Deportes, Xurídico administrativa, Dicionarios, Etiqueta e educación, Filoloxía, Fisioloxía, Fotografía e fotogravado, Xeografía, Xeometría, Ximnasia, Grandes homes, Guías, Hixiene, Historias, Inventores e Inventos, Sección Infantil, Literatura varia, novelas, teatro, poesía, Medicina, Métodos, Pedagoxía, Relixión, Cuestións sociais, Viaxes e aventuras, Zooloxía, Sección Varia.   

 

                                                                                        Escola de Vieiro pola parte do xardín.

INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA POPULAR CIRCULANTE

O domingo 6 de outubro de 1929 tivo lugar o acto inaugural da Biblioteca Popular Circulante na escola de nenas de Viveiro para que o luns 7, día da Festa do Libro, comezase a prestar servizo á cidadanía do distrito. Á hora anunciada, doce en punto da mañá, o Alcalde Luís Carnicero García, que ocupaba a presidencia, declarou aberto o acto tendo a ambos lados aos Sres. Xuíz Municipal, Comandante de Mariña, Coadxutor de Santiago e Xunta da Biblioteca, o Sr. Presidente desta e da Asociación do Maxisterio, D. Felipe Carnicer, “con expresión fácil y cálido entusiasmo, dió una notabilísima conferencia acerca del libro y sus excelencias, exponiendo a la vez los trabajos realizados desde que la Asociación del Magisterio acogió y patrocinó su idea, hasta el momento de la inauguración”.

De seguido, o secretario Galera Moreno deu lectura ao Regulamento para que o numeroso público asistente ficase debidamente informado do funcionamento da nova Biblioteca. A continuación, segundo contaba a crónica do Heraldo (12-10-1929), “fueron ojeados los catálogos por los concurrentes, admirando el gran número de obras selectas, con que en todas las materias, está dotada la Biblioteca, en soberbio mueble ad hoc.  Fueron muchísmos los concurrentes de Vivero y de fuera, que en aquel mismo momento, se llevaron libros para leer en sus casas, dando principio, por tanto, a la obra de cultura que va a realizar en todo el distrito, la Biblioteca Popular Circulante”.

En adiante, a Biblioteca continuaría medrando especialmente en fondos bibliográficos grazas a novas doazóns e aos aportes económicos das subscricións ocasionais ou permanentes. Igualmente, seguiron recibindo diferentes envíos de libros do Seminario de Estudos Galegos, Ministerio da Gobernación e de Instrución Pública.

Malia ao grande éxito acadado coa constitución e posta en funcionamento da Biblioteca Circulante, a partida de F. Carnicer para Cangas, logo de ter realizado e aprobado o curso de Orientación Marítima, supuxo un duro golpe para a  directiva da Asociación do Maxisterio ao  perder ao seu presidente e principal impulsor da institución. O Heraldo do 8 de marzo de 1930, publicaba a nova deste xeito:

“Salió para Cangas (Vigo) el culto maestro nacional y colaborador de esta publicación, don Felipe Carnicer López. Su marcha ha de ser muy sentida en esta ciudad por tratarse de un maestro que honra al Magisterio, incansable luchador que en esta ciudad logró formar la Biblioteca Popular Circulante”.

O posto de Carnicer ao fronte da directiva da Asociación foi ocupado polo mestre da escola de nenos de Viveiro, José Mª Pereda, mentres que o substituto interino que remataría o curso na escola de Vieiro sería o mestre viveirés José Ladra Ben. Logo, faríase cargo da escola, con carácter definitivo, o mestre de Chavin, Ángel Fraga Orosa.

Paralelamente, Felipe Carnicer continuaría co seu labor pedagóxico en Cangas de Morrazo, onde tamén fundaría a primeira Escola elemental de Pesca en Galicia.

Os mestres viveireses seguirían co seu labor a prol da Biblioteca Popular que, en novembro de 1930 presentaba un saldo a favor de 89,15 pesetas., malia á devolución dalgúns recibos. Coa finalidade de manter saneadas as contas, acordaron que todos os lectores que non fosen subscritores abonasen dez céntimos por cada exemplar que solicitasen, exceptuando aos propios mestres.  Igualmente, decidiron publicitar os novos donativos de libros recibidos para que fosen anotados nos seus catálogos polos mestres do distrito.

O final da Biblioteca Circulante

Coa proclamación da República produciuse un gran impulso das novas metodoloxías educativas, co incremento  dos labores pedagóxicos e o reforzo dos postulados sobre a escola única e o laicismo. En Viveiro, creáronse a Escola Elemental do Traballo (1932) e as escolas da Misericordia (mixta, con mestra), a Carreira (mixta, con mestre) e Celeiro 2º (unitaria de nenas), comezando tamén as obras do futuro Grupo escolar Pastor Díaz. 

En 1933, o Padroado de Misións Pedagóxicas concedeulle unha Biblioteca Popular á Escola de Vieiro que estaba rexentada polo destacado mestre Ángel Fraga, premiado en diversos congresos e na Semana Pedagóxica de Lugo. 

Dende 1934, debido á falla de documentación, non volvemos a ter máis noticias sobre a existencia da Biblioteca Popular Circulante de Viveiro.  Pensamos que a fundación da nova biblioteca da Juventud Católica e o seu Círculo de Estudos puido restarlle socios e protectores á biblioteca Circulante pero, sen dúbida, o que máis lle debeu afectar foi a creación en 1935 da Biblioteca Pública Municipal, baixo a presidencia do alcalde José Santiago Seijo. Tampouco sabemos como e onde remataron os seus fondos bibliográficos, malia a que nos estatutos especificábase que deberían pasar á Inspección educativa.

                                                                                Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)

         



[1] El Sol, 3 de decembro de 1929.

[2] Heraldo de Vivero, nº 899; 12 maio de 1929. La Biblioteca Popular Circulante.

 

Comentarios

  1. Querido Carlos: Tenemos la inmensa suerte de contar y disfrutar tus trabajos de investigación, siempre rigurosos, que pasarán a formar parte de las consultas para otros estudiosos de nuestro patrimonio. Muchas gracias por tu generosa dedicación.

    ResponderEliminar
  2. Detallazos sobre as primeiras escolas públicas dos 30,funcionamento e fundación, fóra das de Vivero y su Comarca. Puntazo o papel de Canicer na Biblio Ambulante, e a introdución do pioneiros de Castropol vaia elenco bo Penzol, Barcia Trelles, Suárez...

    É de poñer impreso na biblioteca de Viveiro para que se lera a orixe deste servicio social ...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Antonio. Fonda aperta e xa falaremos dentro duns días.

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog