OS
NOVENTA ANOS DA REFUNDACIÓN DO SOCIALISMO EN VIVEIRO E DO PERIÓDICO “EL
MOMENTO” (1931)
INTROITO
O pasado 1 de decembro cumpríronse 90 anos da publicación do primeiro quincenaL socialista viveirés El Momento. Aínda que antes existiron na nosa cidade outros antecedentes de prensa obreira como: Germinal (1906), El Defensor Obrero (1919) ou El Proletario (1923), o certo é que ningún deles acadou a importancia, difusión e duración de El Momento (1931-1934).
OS
ANTECEDENTES POLÍTICOS QUE FIXERON POSIBLE A APARICIÓN DE “EL MOMENTO”
Os motivos da publicación do órgano de prensa socialista atopámolos na nova configuración partidaria xurdida coa proclamación da II República, o 14 de abril de 1931, e a repetición das eleccións municipais en Viveiro, debido ás moitas irregularidades producidas por parte dos antigos partidos da Restauración (liberais e conservadores), que foran os únicos que se presentaran ás eleccións do 12 de abril. Ao fixarse as novas eleccións locais para o 31 de maio, os republicanos, dirixidos por Ramón Villar Ponte decidiron constituír a Organización Republicana Gallega Autónoma (Orga), que foi fundada o 19 de abril. Mentres, os obreiros e directivos da “Sociedad del Ramo de Construcción” (UGT) fixeron outro tanto reconstruíndo o Partido Socialista o 23 de abril.
A Agrupación Socialista que xa fora fundada con anterioridade, en 1922, e dada de baixa a partir do 4 de xaneiro de 1924 por mor da Ditadura de Primo de Rivera, volvía a fundarse cos vellos militantes que aínda continuaban pagando as cotas partidarias na Central de Madrid e cun fato de novos afiliados entre os que se atopaban nese momento: Andrés García Ferreiro, Benito Sánchez, Alejandro Téllez, José López Martínez, Antonio Pedreira, Bautista García Baño, José A. Pedreira, José Rivera Fernández, José Gago López, Antonio Vizoso, Herminio Amor, Manuel Val, Luis Neira, Félix Neira Río, Manuel Pedreira, Sebastián Aparicio e Francisco García. Axiña, tamén pasaron a engrosar as fileiras socialistas os novos militantes: Francisco Oroza Casas, José Otero Gorrita, Manuel Amor, José Insua Iglesias, José Fernández Colosía, Julián Hernández, José Castro Sanjurjo, José Cayo López, Francisco Fernández Cao, Ricardo Parga Pérez e José Martínez López, entre outros.
Logo da celebración das novas eleccións municipais formouse o 28 de xuño de 1931 a nova Corporación Municipal, conformada polos concelleiros da “Orga”, que obtivo a maioría con doce representantes, fronte aos sete da Conxunción Republicano Socialista (cinco socialistas e dous republicanos da Alianza-Partido Radical, de Lerroux).
En adiante, os ataques e enfrontamentos entre as dúas candidaturas serán constantes e mesmo levarían a dimisión do alcalde Ramón Villar Ponte. Os concelleiros da Orga, encadrados logo na Federación Republicana Gallega e dirixidos polo ex alcalde José Santiago Seijo chegaron a cambiar o horario das sesións plenarias da tarde á mañá para evitar a incómoda oposición dos concelleiros socialistas; estes ao seren obreiros e asalariados non podían acudir ás sesións diúrnas, o que motivou todo tipo de protestas.
Neste contexto de constantes tirapuxas e nun momento de expansión do socialismo polas distintas poboacións do partido xudicial, naceu El Momento como “Órgano de prensa de las Agrupaciones Socialistas del distrito y Defensor da clase trabajadora”. Posteriormente, en 1933, debido ao medre do Socialismo por outras poboacións da Mariña, a publicación cambiou o subtítulo a “Periódico quincenal, defensor de la clase trabajadora”.
Da dirección de El Momento, encargouse inicialmente o destacado militante Benito Sánchez, quen despois sería substituído por José López Martinez “O Rabadelo”, veterano socialista e dirixente da “Sociedad de Obreros del Ramo de la Construcción y Oficios Varios”, adscrita á UGT.
AS CARACTERÍSTICAS TIPOGRÁFICAS
O primeiro número de El Momento saíu á rúa o martes 1 de decembro de 1931, publicándose inicialmente como quincenal, e do número 8 en adiante, cando menos, con carácter decenal. Logo, a partir do nº 56, volvería a editarse con periodicidade quincenal. Destacaba sobre todo a cabeceira impresa en tinta vermella, xogando coas letras do título e cun artístico debuxo coa bigornia e un martelo como símbolos do proletariado, enmarcados cun ramallo vexetal. Os textos imprimíanse en tinta negra ao longo das catro páxinas do periódico, aínda que houbo algún número especial que saíu con seis. Custaba 15 céntimos e mantiña o tradicional formato saba de 44 x 31 cms. a tres columnas na portada e cinco no resto das páxinas interiores, empregando os tipos de letra dos corpos 8, 10 e 12. Nos primeiros números a publicidade ocupaba a totalidade da contraportada, pero despois alternouse entre o interior das páxinas e algo menos da metade da contraportada.
CONTIDOS IDEOLÓXICOS
No editorial do primeiro número, intitulado “A Donde Vamos” os redactores facían unha firme declaración das súas intencións ideolóxicas, da defensa e das ansias de liberación do proletariado:
“(…) Desde hace tiempo venían sintiendo las Agrupaciones Socialistas del distrito de Vivero la necesidad de tener un órgano en la prensa para propagar y defender el sacrosanto ideal del Socialismo, hoy como antaño sañudamente combatido por los más inícuos explotadores de las clases oprimidas, que, llamándose amantes del orden y de la paz, su única visión en la vida fué fomentar guerras para destruir la Humanidad y de esa manera comerciar con la juventud proletaria.
(…) Nuestro programa es puramente socialista. Sus páginas serán una tribuna para la propaganda y defensa de la noble causa del Socialismo que es el que ha de emancipar a los pueblos y librarlos de la esclavitud y tiranía que actualmente padecen en este mundo inhumano en que vivimos.
Defenderemos la justas reivindicaciones del proletariado de la industria, del campo, de la mina, del mar, que tanto hoy como ayer, son objeto de una vil explotación por la burguesía sin entrañas”.
Ademais, os redactores comprometíanse a combater implacablemente calquera acto caciquil e inxusto, así como defender os avances socias da República. Neste labor de proselitismo e difusión do ideario socialista tivo moita importancia o traballo realizado pola “Sociedad de Obreros del Ramo de la Construcción y Oficios Varios” (UGT), fundada o 26 de decembro de 1918. Malia as moitas dificultades acontecidas, o sindicato logrou manterse durante a “Dictablanda” e os anos previos á proclamación da II República.
Realmente, debido á dobre militancia política e sindical dos socialistas resultaba moi difícil establecer as diferenzas teóricas e orgánicas entre os membros do partido e do sindicato; así era moi frecuente que algúns destacados dirixentes sindicais formasen parte da dirección do partido e viceversa. No caso de Viveiro e doutras localidades galegas era habitual o uso compartido do mesmo local social. A Casa do Pobo da nosa localidade estaba situada no nº 7 da Rúa Fernández Victorio, nela celebrábanse as xuntas do sindicato e do partido, e dispuña dunha pequena biblioteca e dun salón onde se realizaban todo tipo de actos socio-políticos.
A través de El Momento os socialistas e os membros da UGT foron quen de achegar a súa ideoloxía e propostas aos asalariados urbanos que traballaban nos sectores industriais e dos servizos (minas da Silvarosa, Fábrica de Chavín, conserveiras de Celeiro, aserradoiros, talleres mecánicos…), aos sectores campesiños do rural e, en menor media, á industria pesqueira e mariñeira fortemente dominada pola CNT celeiresa.
O viveirés José López Martínez (O Rabadelo), fundador e presidente do PSOE de Viveiro.
TEMÁTICAS E DIFUSIÓN XEOGRÁFICA
En canto ás temáticas tratadas nas páxinas de El Momento destacaban os artigos de carácter ideolóxico e partidario asinados por coñecidos líderes e recoñecidos xornalistas estatais que reflectían as distintas tendencias do socialismo español e, mesmo, europeo. Sabemos que algunhas colaboracións como as de Ramón Lamoneda debéranse a petición expresa que lle fixera o tipógrafo e correlixionario Agapito García Atadell, dirixente viveirés radicado en Madrid e asiduo colaborador do periódico.
Grazas á publicación de moitos destes traballos, os obreiros e maila cidadanía viveiresa puideron acceder doadamente ás ideas de clásicos marxistas como Carlos Marx, Paul Lafargue, Pablo Iglesas ou Rosa Luxemburgo, así como doutros novos dirixentes ao estilo de Julián Besteiro, Sócrates Gómez, Mariano Rojo, Margarita Nelken, F. de los Ríos, Tomás Meabe, Matilde de la Torre, F. Cruz Salido, Enrique de Francisco, Gregorio Velasco Troyas, E. de Santiago, Miguel R. Seisdedos (poemas) ou o popular crego republicano Juan García Morales, entre outros. Ademais, nas catro páxinas do quincenal incluíanse variados entrefilets con textos de destacados filósofos e pensadores marxistas, progresistas ou, incluso, anarquistas.
Nos número de El Momento que puidemos consultar non aparecen colaboracións de dirixentes socialistas galegos tan representativos con H. Botana, M. Cordero, J. Gómez Osorio ou Eugenio Arbones. Igualmente, estrañounos moito a ausencia de artigos dos dirixentes socialistas Jacinto Calvo e A. Quintana Pena, naturais de Viveiro e residentes en Lugo e Ferrol, respectivamente.
Os redactores locais de El Momento pertencentes maioritariamente ás agrupacións socialistas de Viveiro, Riobarba-O Vicedo, Merille, As Lobeiras-Miñotos, Xove, Nois e Mondoñedo trataron todo tipo de temáticas referentes ao devalar da democracia republicana, ao antifascismo e internacionalismo, ao anticaciquismo, á cuestión relixiosa e anticlerical, á realización de actos laicos nos bautizos, nas vodas e nos enterros, na campaña de captación de voto das mulleres, na oposición á prostitución, nas reformas sociais republicanas, na defensa do ensino único, laico e gratuíto ou na oposición ao tratado de carne co Uruguai e nos problemas de agrarismo e da gandaría.
No caso concreto de Viveiro, abundaron as polémicas como as mantidas co “Heraldo” por mor do pensamento político de N. Pastor Díaz, pola algarada das mulleres das dereitas e a reposición dos crucifixos na escola pública de nenas da Avenida de Lourdes, ou debido ao rol da muller representada polos membros da Unión Regional de Derechas, dirixida polo crego Durán. Igualmente, criticaron acedamente aos membros do Partido Galeguista pola súa teima idiomática e estatutaria, pero con quen máis polemizaron foi co líder do Partido Republicano independente José Santiago Seijo e co seu órgano de prensa “Vox Populi, ao que nomeaban ironicamente como “El Papulo” ou a “Voz del Pirata”. Mesmo, chegaron a crear as seccións “Gotas Rusas” e “Picotazos” para fustrigar a Santiaguito, ao alcalde Oroza, ex socialista, ao industrial José Barro e aos conserveiros de Celeiro. Nestas seccións tamén atacaban cruelmente aos ex militantes que deixaran o partido por diferentes motivos e á CNT, aínda que con esta última a medida que o PSOE se foi radicalizando coa subida ao poder de Lerroux foron rebaixando tensións para achegalos como obreiros ao Fronte Único e a Revolución social.
OS REDACTORES E COLABORADORES VIVEIRESES E MARIÑÁNS
A distribución do espazo xornalístico apenas se diferenciaba dos modelos tradicionais da prensa viveiresa, en especial dos semanarios imprentados nos talleres da Imprenta Fojo, onde ademais do periódico socialista editábanse, á altura, outras publicacións como El Heraldo de Vivero e Faro Villalbés. Porén, o agarimo e esmero que puxeron os tipógrafos e empregados do obradoiro na composición e impresión de El Momento reflicte ás claras a súa ideoloxía, pois non debemos esquecer que tanto o xerente J.Castro Sanjurjo como os tipógrafos José Cayo López, Francisco Fernández Cao “Xoquina”, o caixista Juan R. Cociña, o minervista José R. Cociña e o mociño Luis Neira Río eran todos redactores e militantes do Partido Socialista.
Ademais dos propios impresores a nómina de colaboradores abranguía a distintas localidades da Mariña polo que tan só imos facer mención dos máis salientables. Entre eles están os viveireses ou residentes na localidade: A. García Atadell, Manuel Antonio Méndez (“Félix Jorge”), José Insua Iglesias, Ramón Viña, Sebastián Aparicio, Luis García Blanco e Constantino Martínez González. Igualmente, debemos destacar aos veciños de Riobarba-O Vicedo: José Cobelo, Nicolás Blanco López, Luciano Pérez, Eusebio Polo Lázaro, J. Franco, V. Paz Infante e N. Pardo González, colaboradores con seccións fixas e o último autor ademais da novela publicada en folletín “La oveja descarriada”. De Nois debemos destacar a F. Seijas e Cándido Pardo e da cidade mindoniense a Luis Trigo Chao “O Gardarríos”, Manuel Rivas Seivane (“Juan del Pueblo”), Germán Díaz Muñoz e Antonio Santaballa. Entre os mestres que máis colaboraron citaremos a Jesús Golmar Rodríguez e Antonio Quintela Ferreiro. Abundaban tamén os pseudónimos como Yo, XyZ, Júpiter, Marcial, Fiat, Junior, Sirius, Rifi, Milano, el Gavilán…
O último número que coñecemos, o 74 está datado en 15 de maio de 1934, o que nos fai supoñer que a súa desaparición definitiva produciríase a raíz da Revolución de outubro do mesmo ano.
Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)
Artigo publicado en “Heraldo de Vivero”, 10 decembro de 2021
Recuperar a memoria dos pobos non é un mero exercicio de Historia, senón homenaxe e, mesmo, acto de xustiza cos auténticos protagonistas das conquistas sociais.
ResponderEliminarParabéns e grazas, Carlos.
Grazas a ti, forte aperta-
EliminarEs un placer y un privilegio, disponer de los trabajos del Cronista Oficial de Viveiro. Dedicacion, rigurosidad, oportunidad historica y generosidad, para poner a nuestra disposicion, el patrimonio historico de nuestro pasado. Gracias Carlos, y que las mil primaveras mas te hagan como a Picasso, que la inspiracion sobre el tema, te coja trabajando.
ResponderEliminarMoitas grazas polas túas xenerosas palabras.
Eliminar