Mazás agosteiras. Foto Berta L. Gato
                                                    

  

                                                      AS MAZÁS DO VAL DE VIVEIRO

Na Terra de Viveiro e noutros lugares de Galicia, aínda son moitos os topónimos, xentilicios e patronímicos que fan referencia ao cultivo das maciñeiras (malus domestica), árbore que ten por froito as mazás. Así, existen distintos  topónimos e apelidos como Maciñeira, Maceiras ou, mesmo o castelán Manzano, que derivarían destas árbores froiteiras, aínda que para algúns investigadores tamén poderían provir do substantivo maceria ou macenaria que vén ser un arqueotopónimo empregado para designar peches ou muros de pedra.

Igualmente, consérvase o topónimo Pomar, Pumar, Pumariño, Pumarega ou Pomarega, derivado do latín POMU “mazá”. O pomar ou “pumar” é un terreo plantado de maciñeiras ou maceiras.     

Sabemos, grazas á historiadora María Xosé Rodríguez Galdo, autora do libro Señores y Campesinos de Galicia siglos XIV-XVI, da abundancia durante o outono da Idade Media dos pomares na Mariña. Estes estendíanse tanto polos vales como polas montañas, en lugares próximos á costa, ou no interior. Da súa importancia dan conta tamén diversos foros e documentos notariais que os situaban servindo de límite a moitas herdades, intercalados entre cultivos de cereais e viñedos ou, incluso, ocupando o cultivo principal de amplos terreos.

                                                                                     Reineta. Foto Berta L. Gato

A grande variedade de mazás que existen na actualidade no Val de Viveiro lémbranos da súa gran riqueza e do esforzo realizado durante séculos polos nosos devanceiros para manter e mellorar as distintas especies que se conservan a día de hoxe. Aínda que en moitos casos as nosas mazás son máis descoñecidas que as afamadas Golden, Royal Gala, Fuji, Red Delicious, Granny Smith ou Pink Lady que tanta demanda teñen nos hipermercados, en realidade as mazás autóctonas non teñen nada que envexarlles, nin en textura, nin en sabor ou frescura, sendo do máis gorentosas e saudables ao ter un grande valor nutricional. Mágoa que os restauradores da zona non aposten decididamente por esta froita de calidade nas súas cartas gastronómicas. Imaxino por uns instantes a sorpresa que levarían os turistas ao ofrecerlles unha boa fonte de cereixas, peras de urraca, cerollos, pexegos, claudias xaponesas, figos, brevas, mazás ou calquera outra froita do País, segundo á época, servidas simplemente nun recipiente de cerámica de Regal ou Sargadelos, acompañado unicamente por unha navalliña elaborada polos ferreiros de Riotorto ou de Taramundi. De seguro que o éxito da proposta resultaría asegurado,  malia a “inoportuna” ou máis ben oportuna aparición dalgún pequeno vermiño rebuldeiro dentro do carozo da froita…  especialmente nestes tempos onde, por fin, comezamos a valorar a importancia dos produtos ecolóxicos.    

Como xa estamos en tempo de recolección das mazás, tanto para gardar de xeito particular durante gran parte do inverno, estendéndoas para a súa mellor conservación nos pisos de madeira dos sobrados e dos faiados ou, mesmo, metendo algunhas pezas nos vellos armarios de madeira de castiñeiro para darlle recendo á roupa e tendo tamén presente que o Val de Viveiro é un dos maiores produtores de Galicia de mazá destinada a elaboración de sidra en Asturias. Consideramos oportuno recordar o nome dalgunhas das variedades máis características do noso Val e pedirvos, coma si dun xogo se tratase, que completedes o seguinte listado coa moita diversidade que de seguro faltan na relación. Resultará moi didáctico que os nenos e nenas participen do xogo, aprendendo os nomes de tan importante tesouro.


Sangue de touro. Foto Berta L. Gato
                                                         

Velaquí as variedades que recordo:  agosteiras, camoesas, coruñesas, de pedra, de ollo mouro ou verde, mareponsa encarnada, minganas, reinetas, repinaldos, sangue de touro, tabardillas, velardas (vermellas e brancas), vermellas…      

                                                          Carlos Nuevo Cal, Cronista Oficial de Viveiro

Comentarios

Publicacións populares deste blog