Antón Noriega Varela (Mondoñedo, 1869-Viveiro, 1947)


 

Coincidindo co nacemento de Antón Noriega Varela en Mondoñedo, o 19 de outubro de 1869, consideramos oportuno recuperar o presente texto escrito con motivo da celebración no ano 2019 en Viveiro do 150 aniversario do seu nacemento.

O referido artigo foi publicado no Heraldo de Vivero e na revista mindoniense Amencer.

 

ESTANCIA E MORTE DE ANTÓN NORIEGA VARELA EN VIVEIRO (1931-1947)                                                                                                                                                                             

ADRAL

Cando Antón Noriega Varela chegou a Viveiro, en outubro de 1931, para facerse cargo da Escola de nenos de Santa Mª de Chavín, xa era un poeta consagrado tanto en Galicia como na emigración americana, grazas á ampla expansión da súa obra publicada en distintas edicións nos libros “Montañesas”, “A Virxe y-a paisanaxe”, “D´ O Ermo” e “Como falan os brañegos”; asi mesmo, en diversas colaboracións realizadas na prensa escrita e nas revistas literarias da época.

NORIEGA VARELA DURANTE A REPÚBLICA (1931-1936)

A piques de cumprir 62 anos, Noriega que obtivera no mes de agosto de 1931 o destino provisional da escola de Santa María de Chavín, comezou a preparar o traslado da súa familia dende as terras de Abadín a Viveiro. Coa toma da posesión definitiva deste centro, o día 27 de outubro do mesmo ano, ficaban atrás os destinos anteriores en Fondós (Foz), Calvos de Randín (Ourense), Amoeiro-Trasalba (Ourense) e A Graña de Villarente (Abadín), escolas unitarias todas, excepto a de padroado de Fondós, situadas en lugares moi montañosos, illados, e de climas moi fríos que foran minando en certa medida a vitalidade e fortaleza natural do noso protagonista.

En Viveiro o poeta reencontrouse co mar Cantábrico, ao igual que xa acontecera nos seus tempos mozos de Foz cando compartira amizade e falcatruadas diarias na tertulia da botica de Antón Villar Ponte onde se reunían, entre outros, Camilo Cela, Rafael Herrero e Constantino Vázquez, redactores do xornal satírico ¡Guau…Guau!. A beleza da visión nocturna do Val de Viveiro e o estuario do río Landrove deixouno certamente impresionado, como el mesmo cantou no seu poema intitulado “Viveiro, Vila Alegre”, incluido no denominado Album de “Lander”, editado polo pintor e fotógrafo Fermín González Prieto, en 1934:

“Si a casiña onde eu vivía / Está nunha lomba fría,/ i alta, breñosa, deserta, / Frente a frente da túa ría/ Quedeime coa boca aberta”…

Compre clarexar que pese a ser considerado Noriega o “poeta da Montaña” debido ao seu amor declarado pola mesma nunca tivo aversión ao mar, aínda que o propio autor chegou a versificar aquel pretendido reparto (“particións feitas”) con Leiras como poeta da Mariña. Certamente, nunca houbo tal reparto, pois a tenzón era entre Aurelio Ribalta e Leiras, que pertencían a unha xeración anterior a Noriega.

Ao iniciar o novo curso escolar 1931-1932, Noriega recibiu a agarimosa benvida do vello amigo e correlixionario Jesús Noya González, cronista á sazón da cidade viveiresa, quen o saudou efusivamente dende as columnas do periódico tradicionalista El Siglo Futuro, outro tanto fixeron os redactores do Heraldo de Viveiro anunciando a súa chegada e ofrecéndolle as súas páxinas:

“Para la Escuela Nacional de niños de Chavín fue nombrado maestro el ilustre poeta mindoniense D. Antonio Noriega Varela.

Al enviarle nuestra cariñosa felicitación le brindamos las columnas de este periódico para dar a conocer alguna de sus brillantísimas poesías”. [1]    

O poeta responderíalle ao “Heraldo” no mes de novembro remitíndolle a súa composición “Que Alegre!”... publicada uns meses antes en Vallibria de Mondoñedo, pero agora xa asinada en Chavín. En adiante, Noriega continuará colaborando co Heraldo de Vivero enviando distintas poesías como: Brancura, Primavera, Ternura, A Brétema, As froliñas d´os toxos, Bendito sea Dios…

A escola mixta de Chavín, atendida pola mestra Eulalia Martínez Moros e o noso protagonista, fora unha antiga fundación construída, en 1891 con bens do crego Manuel Seara, que exercera de párroco na igrexa de Nosa Sra. da Candeloria na illa de Cuba. Ubicada á beira da estrada Viveiro-Ferreira, dispuña de vivendas para os docentes e estaba moi próxima á Fábrica de carrozarías de automóbiles Barro-Chavín, rexida polo mindoniense José Barro. Este sempre foi amigo persoal e protector do poeta, ao que convidaba en diversas ocasións. Froito daquela amizade, Noriega tamén intimaría co cuñado de Barro, o comandante retirado pola lei Azaña, Ramón Bermúdez de Castro.

Dada a proximidade existente entre Chavín e Viveiro, unha vez rematadas as clases da tarde, Noriega Varela dirixíase a pé até Viveiro, recorrendo os 6 quilómetros de distancia, coa súa “boina, zamarra y paraguas, y carretera adelante”[2], para pasar unhas horas de lecer nos Cafés da localidade ou no centro social da Juventud Católica, en cuxos círculos e actos ten participado activamente.

Precisamente, debido ao seu grande catolicismo e por mor da aplicación no ensino de distintas leis sobre o laicismo republicano que, entre outras medidas, levou á supresión dos crucifixos nas escolas públicas, Noriega Varela negaríase a retirar a imaxe da súa aula, decisión que lle causaría serios desgustos con determinados pais de alumnos, cos compañeiros de profesión e coa inspección educativa. Malia a isto foi tal o labor de oposición realizado polo poeta que incluso en marzo de 1932, antes de celebrar a Asociación de Mestres do distrito un debate pedagóxico no Teatro Pastor Díaz sobre a nova escola laica, solicitou publicamente a súa baixa na referida asociación.

A penas un mes despois, o 4 de abril, produciuse unha importante e tumultuosa manifestación de mulleres viveiresas para repoñer os crucifixos nas escolas de Viveiro, principalmente na de nenas. Mentres, Noriega continuaría colaborando en Vallibria, o Heraldo de Vivero e con diversas publicacións galegas e americanas, ao tempo que comeza a serie anual de poemas exaltando a Romaría do Naseiro, a petición de José Barro e os veciños de San Pedro de Viveiro. Igualmente, participa, en Lugo o día 6 de outubro de 1933 nos actos da “Fiesta de la Poesía”, organizados pola Asociación de Prensa da capital e que tiveran como mantedor ao seu íntimo amigo Otero Pedraio. No evento lírico anunciábase o recitado de “Viveiro, vila alegre”, entre outras. Deste mesmo ano é tamén a composición “Aquel Caldeiro”… escrita para compracer ao industrial José Barro con motivo da draga ou “caldeiro”, utilizada para realizar os recheos das marismas que darían lugar aos actuais xardíns Noriega Varela de Viveiro.

            Acto da Real Academia Galega no cimiterio da Altamira (Viveiro), en 1969, con motivo da dedicatoria a Noriega Varela do Día das Letra Galegas.


No berce de Pastor Díaz tamén ampliou o seu círculo de amizades, especialmente entre os membros da Xuventude Católica local, participando o 8 de decembro de 1933 nunha velada da Inmaculada Concepción onde obtivo rotundo éxito:

(…)”dió un magnífico recital poético de inspiradísimas composiciones suyas entre las que figuró su inédito Canto a Viveiro. La forma admirable de recitar de esta gloria gallega, de este gran Noriega Varela, hizo que varias veces, al querer retirarse de la tribuna, fuese requerido por los insistentes y continuados aplausos del auditorio para que prosiguiera, y, al terminar definitivamente, una ovación clamorosa resonó en el Salón de Actos de la entidad mencionada”.[3]       

Logo deste recital, Noriega faríase íntimo amigo do novel poeta Francisco Leal Insua, quen tamén participara no acto, xunto con Jesús Noya e Salvador Pillado Labarta.

Grazas a sona que tiña en toda Galicia o poeta mindoniense, no Entroido de 1934 foi á cabeza da Comparsa de “La Juventud Musical de Celeiro”, visitando Vilalba e Lugo. Ademais, Noriega compuxo a Jota “Improvisación” para o elenco musical da comparsa viveiresa “Los Arlequines”, coa que tamén colaborou Leal Insua. Un mes máis tarde, en abril, realizou por encargo a letra do poema “Alma d´a Raza”, composto para apertura dos festivais da Polifónica de Lugo. Nas mesmas datas tamén lle dedicou o poema  “Tus ojos!”. á viveiresa Esperanza Fanego Abadín.

Co trunfo das dereitas durante o denominado “bienio negro” da República, Noriega foi nomeado en 1934 vocal do Padroado Local de Formación Profesional de Viveiro, representando a todos os centros docentes da cidade, baixo o mandato do alcalde J. Santiago Seijo. Neste mesmo ano Noriega Varela compuxo o poema “A Sanjurjo no Estoril”, en gabanza do militar golpista. 

 En adiante, a amizade con Leal tamén levaría a Noriega a intimar igualmente co poeta adolescente Antonio Aparicio Ferreiro. Con ambos os dous poetas, Antón Noriega compartiu numerosas experiencias, actuando como un verdadeiro mestre para eles, ao igual que fixera con el mesmo o tamén viveirés A. García Dóriga na redacción do xornal mindoniense “El Baluarte de Galicia”, a finais do século XIX. Deste xeito, os tres poetas amigos constituíron as denominadas “Irmandades da Risa”, como reacción ás Irmandades da Fala e aos “irmanciños da tala”. Esta expresión, inventouna Noriega nos anos vinte para burlarse dos galeguistas que, segundo el, “tallaran” os seus libros D´ o Ermo” e “Como falan os brañegos” ao corrixilos e publicalos sen respectar o galego dialectal da zona mindoniense.

Por mor desta relación amigable e intelectual, Noriega compuxo en 1934 a poesía para o Adro que figuraría no libro inédito de poemas en prosa “Santuario Lírico”, da autoría de Leal e Aparicio. O poema comezaba así: “Pois de certo avanta xente/ que exalta a Cruz… ¡paso franco y-ay de quen se poña en frente!”…

 Noriega tamén lle dedicou a Leal o poema en español “Guajiras con cascabeles”, publicado en Vallibria (19-8-1934) por Aparicio Ferreiro no artigo “Nuestros poetas”. Nel conta como o “Cantor da Montaña” impresionounos anunciándolles unha tarde “a Leal y a mi la sorpresa de unas cuartillas, y con su arte inimitable lee esta composición genial, al efecto de conseguir que Leal trocase el dolor que vibraba en sus versos por la sonrisa del que ve irónica y humorísticamente la vida”. No mesmo artigo recollía tamén Aparicio o poema “Abrojos” dedicado por un convalecente Leal Insua a Noriega para reafirmarse no seu pesimismo vital.

Ao longo do ano 1935 o poeta mestre continuaría colaborando coa comparsa entroideira de Celeiro “Los Broadway”, acompañándoa a Lugo e Mondoñedo para dar un concerto no Círculo das Artes e percorrer despois a súa cidade natal. Igualmente, seguiu mantendo fluídas relacións cos seus paisanos mindonienses, asistindo no Teatro Nemesio de Viveiro a unha velada artística de La Juventud Femenina de Acción Católica (de Mondoñedo), celebrada no mes de maio. Ao remate da mesma recitáronse os poemas “Máscara Trágica” de Leal Insua e “Santiña” de Noriega Varela, este, segundo contaba a prensa da época ao escoitar recitala, botouse a chorar…

De cando en vez, seguía compoñendo versos como o poema que lle dedicou ao Bispo de Mondoñedo, Doctor don Benjamín de Arriba y Castro, con motivo da súa entrada na cidade episcopal, en maio de 1935. Sabemos que tamén neste mesmo ano, co gallo da publicación do libro “Horas” de Francisco Leal Insua, Noriega dedicoulle o poema “Tus Horas”, que Leal incluíu no mesmo, xunto coa poesía “Legenda” do autor portugués Antonio Botto. Ademais, Leal Insua fíxolle a Noriega dúas entrevistas que publicaría na Revista Galicia en Madrid e no semanario Heraldo de Vivero.

No mes de novembro de 1935, Antón Noriega acudiu convidado a Vilalba, onde sempre era agasallado por García Hermida, para dar un recital poético organizado polo Ateneo Cultural desta vila.

O ano 1936, comezou para o noso poeta co casamento na igrexa de Chavín da súa filla Nieves F. Noriega Almansa e do mozo Luis Ruíz Fernández; o novo matrimonio fixaría a súa residencia en León, cidade na que residiría o poeta mindoniense anos despois de xubilado, como veremos.

Uns meses antes das eleccións de Febreiro de 1936 comezara a publicarse en Viveiro o periódico Mar Bonanza, co que colaborou Noriega e no que se reproduciu o poema “Xuício do ano 1936”, inserido inicialmente no Gaiteiro de Lugo.

Co trunfo da Fronte Popular as sociedades obreiras viveiresas lanzáronse á conquista da xornada laboral de 8 horas e de melloras salariais nos distintos sectores produtivos ( construción, fábricas de conservas, minas da Silvarosa, collas portuarias, serrarías e Fábrica de automóbiles de Chavín), chegando a acadar momentos de máxima conflitividade laboral coa declaración de distintas folgas xerais. Especialmente dura foi a folga desenvolvida na Fábrica de Barro no mes de xuño e nestas condicións de enfrontamento entre patróns e obreiros chegaría o golpe militar do 18 de xullo.

DA GUERRA CIVIL (1936-1939) AO PASAMENTO DO POETA (1947)

Inmediatamente despois do golpe militar o novo gobernador civil da provincia Ramón Bermúdez de Castro gabou ao noso poeta pola súa fe relixiosa, nunha das súas primeiras circulares publicada o 11 de agosto de 1936:

“se reinstaurará el Crucifijo en todas las escuelas de esta provincia menos en la de niños de Santa María de Chavín, porque en ella no faltó ni un solo instante su Augusta Presencia, merced a la firmeza, a la gallardía y a la serena fe del Maestro Nacional que la regentaba D. Antonio Noriega Varela”.

Noriega Varela, en coherencia coa súa ideoloxía, afiliouse ao grupo de requetés de Viveiro no momento da súa constitución no mes de novembro de 1936, permanecendo nel até a unificación orgánica con Falanxe. Ademais, colaborou activamente en distintos actos de propaganda realizados tanto en Viveiro, Landrove e Foz, acompañando a Leal Insua que era á altura o responsable de Prensa e Propaganda da Falanxe viveiresa. Sabemos, grazas á crónica de Vallibria (22/8/1937), que ambos os dous poetas amigos acudiron a Foz, con motivo da festividade de San Lourenzo:

“(…) En el local de Sección Feminina se reunieron en modesto ágape de cordial camaradería más de setenta comensales, presididos por el Alcalde y el Sr. Fernández Cuartero, se hizo una importante colecta a favor del Auxilio Social, y los poetas camaradas de Falange, Noriega y Leal Insua, venidos ex profeso de Vivero para asociarse a los actos de Foz recitaron algunas exquisitas composiciones suyas de motivos patrióticos que fueron reiteradamente aplaudidas”.

Durante a guerra civil Noriega Varela intensificou as súas colaboracións en Vallibria, onde publicou distintos poemas patrióticos en español como: “Paso a España”, “Aurora de un fausto día” “A Pilar Franco de Jaraiz (De advento gratulatio)”, “Vanse os quintos”, “A Sanjurjo no Estoril” ou “Romance de Ramoncito”. Certamente, todo estes poemas están na liña ideolóxica dun Noriega tradicionalista e católico que non se desviou un ápice durante toda a súa vida dos seus principios morais e do seu sentido catolicismo.

Logo de rematada a guerra, continuou colaborando con Vallibria, remitindo distintos poemas os “Informes Litterae”, deixando aparte o tema político ideolóxico e recuperando o ton humorístico e burlón da súa mocidade.

Coa xubilación como mestre que chegou en xaneiro de 1940, o poeta pasou días de sufrimento e fondo pesimismo por mor da escasa pensión económica que percibía, insuficiente para manter a unha familia tan numerosa. Nestes anos asistiu a un curso de carácter pedagóxico en Santander, convidado por Otero Pedrayo, esta breve visita á cidade cántabra foi a única saída que fixera o poeta fora de Galicia e Portugal. Ao regreso residiu durante varios meses en León, acompañando a súa filla Nieves e ao seu marido, mais a experiencia non lle resultou, en absoluto, gratificante polo que regresou a Viveiro para residir no casco histórico. Coa finalidade de complementar un pouco o reducido soldo impartiu clases de latín na Academia Hispania, onde tamén daban clases J. Noya e Ramón Villar Ponte.

Dende principios da década de 1940, despois da desaparición de Vallibria, Noriega colaborará co xornal lugués El Progreso, onde publicou distintas poesías como: “Cantar Montañés (A Señora dos Remedios)”, “Ben pola alma”, “In  conspectu maris” “Pasa un vermiño”, “Regina pacis”, “Bule Bule” ou “Remediño Caseiro”, entre outras. Igualmente, participou nos Programas das Festas Patronais de Viveiro, onde publicou, en 1944, a parranda camponesa “Rego de Sidro”.

En 1943, distintos amigos e admiradores lugueses do poeta como Trapero Pardo, José Díaz Andión, ou Narciso Peinado iniciaron unha campaña xornalística para tratar de axudar economicamente ao poeta e a súa familia. A iniciativa foi recollida pola Deputación Provincial de Lugo que lle concedeu unha pensión vitalicia de carácter anual por importe de 2000 ptas. No mes de novembro foille concedida tamén a Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio, entregada nunha homenaxe popular en Mondoñedo.

Ademais, no verán de 1945 constitúese unha Comisión para o Homenaxe de Galicia a Noriega Varela, presidida por Leal Insua. Esta comisión conseguiu a achega de diferentes cantidades de diñeiro dos Concellos da Coruña, Ourense, Lugo, Foz e Viveiro, xunto coas aportacións das Deputacións de Ourense e Lugo. A mesma Comisión encargaríase da cuarta edición de Do Ermo e da velada de homenaxe que se celebraría no Gran Teatro de Lugo o 26 de abril de 1946 coa ausencia do poeta por motivos de saúde.

                                                             Inauguración do monolito a Noriega Varela nos xardíns de Viveiro (1974)

Finalmente, Antón Noriega Varela finaría o 27 de marzo de 1947, sendo soterrado no cemiterio viveirés da Altamira, baixo as faldras do monte San Roque e mirando ao mar Cantábrico.

Viveiro voltaría a recordar a Noriega Varela con motivo da súa elección pola Real Academia Galega como personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas en 1969. Igualmente, en 1974, o Concello deulleu o seu nome aos xardíns da Travesía e na década dos oitenta do pasado século tamén lle otorgou o mesmo nomeamento ao antigo Colexio Público nº 2, coñecido popularmente como a Concentración escolar, actual CEP. “Lois Tobío”.

                                                                    Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)   



[1] Heraldo de Vivero, 7 novembro de 1931; nº 1028.

[2] Cfr. Nistal López, Jose, “Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi”. Seminario de Estudos Terra de Viveiro, 2000

[3] Vallibria, Mondoñedo, 17 decembro de 1933.



Comentarios

Publicacións populares deste blog