Camarín de San Roque (Foto Eduardo Martínez)

                                           


VIRXES E SANTOS NAS ANTIGAS PORTAS DAS MURALLAS VIVEIRESAS

Durante o Medioevo e grande parte da Idade Moderna, a vila de Viveiro estivo rodeada de altas e anchas murallas que cercaban o núcleo urbano na súa totalidade. Ademais de tres torreóns defensivos intercalados ao longo das murallas no Valado e, na ribeira, un castelo artillado situado fronte á actual Praza de Abastos, había tamén seis portas de acceso como aberturas importantes enmarcadas por corpos de gardada ou de protección. Ás portas, engadíanselle catro postigos que permitían a saída directa á beiramar. Estes postigos, que permanecían abertos en épocas de sosego,  pechábanse a cal e canto en caso de guerras ou de posibles invasións. Como aconteceu o 20 de xullo do ano 1596, cando os Rexedores mandaron  tapiar todos os postigos que daban á ría:

“Ordenose atento el peligro de enemigos que se tapeen las puertas de la rribera desta villa, de manera que solamente queden abiertas la puerta de la puente y la puerta del Cadahalso y la puerta de San francisco de abaxo y se rreparen las partes de las murallas y çerca desta villa”.

Cunha estrutura viaria a xeito de cardus e decumanus formada por tres longas rúas arredor das que se ordenaba o tecido urbano, a principal, a Rúa Grande, cruza transversalmente a cidade e xungue o Castelo da Ponte ou porta de Carlos V coa porta do Valado; as outras dúas, discorren lonxitudinalmente dende a porta de San Antonio ou de San Luís até a de Santa Ana, e dende a porta da  Vila ou do Cristo até a das Angustias, na Ponte Labrada.   

A maioría das portas ou entradas, excepto a do Valado, tiñan nomes relacionados con Cristo, a Virxe ou distintos santos, algo moi frecuente naqueles tempos de teocentrismo relixioso medieval, reforzado logo polos mandatos teolóxicos da Contrarreforma tridentina. Así, as portas da localidade estaban dedicadas ao Santo Cristo do Amparo, á Virxe dos Desamparados, Virxe da Angustias, Santa Ana, San Antonio, San Luís e San Roque.

Os responsables da colocación de distintas imaxes ou retablos nas portas foron os rexedores municipais, que xunto coa Igrexa promoveron as distintas advocacións e culto ás imaxes, como protectoras ante os diversos perigos, invasións, guerras, pestes… que puidesen afectar aos poboadores da vila, sobre todo naqueles séculos de grandes inestabilidades.

Sen dúbida, o carácter protector dos santos e mártires como intermediarios coa divindade estivo sempre presente nas clases populares, transformando as rúas, prazas e demais espazos públicos en lugares “píos” ou de culto, onde era e continúa sendo costume ver rezar a calquera hora do día, a distintas persoas diante das imaxes dos retablos, para pedir auxilio e alivio aos seus males. Coa presenza das tallas santas nas portas da Vila, as diferentes xeracións de viveires@s experimentaron  ou, mesmo, reforzaron os seus sentimentos de proximidade e comunicación co denominado “paraíso celestial”. Así, non debemos esquecer que as imaxes coa súa corporalidade tiñan un marcado carácter didáctico e moral, porque a través delas os crentes máis iletrados eran capaces, segundo dicían os propios Pais da Igrexa, de reforzar a devoción e maila fe, ademais de fomentar á imitación das virtudes dos santos e mártires. Estes, tamén actuaban como intercesores e protectores permanentes dos habitantes das vilas e cidades ante calquera mal ou calamidade tanto individual como colectiva.

Xeralmente, as distintas portas da Vila pechábanse totalmente en casos de guerra ou de pandemias coma a peste negra, mais en épocas de paz e tranquilidade tamén era habitual que ficasen pechadas polas noites, motivos que teñen dado lugar a determinadas queixas dalgúns Rexedores, como a realizada polo afamado arquitecto e Rexedor Diego Ibañez Pacheco, que o día 6 de outubro de 1660, fixo a seguinte proposta:

(…) “En como en esta uilla sse cierran las puertas de Ella de noche de que se ocasiona mucho Daño a los naturales que bienen de fuera para entrar en el lugar ansi a prima ora Como de parte de manana Y particularmente a los mareantes que ban y vienen de noche a la Mar siendo ansi que no ai Exenplar En el Reyno de otro Lugar en que se cierren las puertas avnque estan mas aviertas que este lugar. Y que ansimismo ordinariamente sse ocupan muchas personas de esta jurisdicion en las belas y cintinelas ansi en el fuerte desta uilla como en otras muchas partes donde si dhas cintinelas las quales sse doblaron Con todo lo qual se ocasiona mucho dano a los Vecinos desta jurisdicion en tiempo que se puede euitar Respecto de que por la misericordia de dios de presente no ay guerras que ocasionen dhas guardas Y el cerrar dhas Puertas por tanto pide que se acuda a la defensa de lo suso dho y sse acordo que se aga deligencia para ello en la parte que convenga”.         

Na primeira metade do século XIX, os antigos recintos amurallados foron perdendo a súa funcionalidade defensiva, debido ás innovacións da artillería e das modernas técnicas de guerra. Co ascenso ao poder da burguesía liberal, os procesos desamortizadores e, as progresivas necesidades de novos espazos comerciais, aceleraron o derrube das murallas e o desmonte dalgunhas das antigas arcadas fortificadas privándonos, seguramente, da conservación duns monumentos singulares. 

De seguido, vexamos dun xeito moi breve as distintas portas viveiresas e as advocacións baixo as que se mantiveron ao longo dos séculos até chegar á actualidade. 

                                                 

                                                                                     San Roque, detalle (Foto de J.Manuel Paleo)
                    

PORTA DE CARLOS V, MAIOR, DO MAR, OU CASTELO DA PONTE

A súa construción comezou en 1548, substituíndo a outra más antiga, é obra do mestre canteiro Pedro Poderoso. De carácter conmemorativo erixiuse como homenaxe ao emperador Carlos V, por eximir de tributos a Viveiro, mentres non fose reconstruído, por mor do incendio de 1540. A Portada de estilo plateresco presenta tres corpos diferenciados, no primeiro ábrese un espectacular arco de medio punto cos escudos de Galicia e Viveiro. No segundo corpo destaca o gran escudo imperial coroado co busto do emperador “Caesar Imperatur”, flanqueado por catro medallóns que representan aos antigos liñaxes fundadores da vila (Alfeirán, Galos, Páez de Cora e Saçidos).

O conxunto remata cunha artística cornixa, parapeto, troneiras e saeteiras decoradas. Declarada BIC e Monumento Histórico Artístico en 1942.

 

Sabemos que nesta porta houbera dende moi antigo un retablo dedicado á Virxe dos Desamparados, mais esta imaxe sería trasladada en 1876 á Igrexa de San Francisco (parroquia de Santiago), ao ser substituída por outra talla de San Roque, protector da peste, que estivera situada nunha fornela da derruída fachada da Casa dos Co rexedores, na Praza Maior.  

Na actualidade, no interior da porta consérvase un camarín moderno en madeira, obra do tallista compostelá afincado en Viveiro,  José Otero Gorrita, presentando os escudos de Viveiro e Galicia, cunha imaxe recente de San Roque, con can e anxo, obra de Juan Luís Otero.

Como curiosidade, é preciso apuntar que a presenza do anxo aos pés da imaxe de San Roque,  vén ser unha representación simbólica dos denominados “anxos custodios” ou anxos protectores que con motivo da peste negra tanto abondaron en moitas portas de entrada ás cidades.

PORTA DE ABAIXO, DE SANTO DOMINGOS, SANTA ANA OU DO VIÑO

A Porta de Santa Ana tamén coñecida popularmente como “A Porta do Viño”, pois a través da mesma producíase a entrada na Vila das partidas dos caldos da terra cultivados no Val de Landrove. estaba situada no extremo sur da actual rúa de Pastor Díaz, fronte ao antigo Alxibe do cenobio de San Domingos, na actual Praza do Ferrol. Dedicada a Santa Ana, nai da Virxe, a portada mantiña estreita relación coa desaparecida Igrexa e Convento de San Domingos. Foi derrubada no ano 1842.

                                                         

                                                                            Retablo do Cristo da Porta da Vila (Foto Eduardo Martínez)
   

PORTA DO CRISTO DO AMPARO, DA VILA, DE ARRIBA OU DO CADAFALSO.

Trátase da porta máis antiga de Viveiro (datada en 1217), composta por un sinxelo arco de medio punto con bóveda de canón, que servía de entrada polo chamado Camiño Real que levaba a Mondoñedo, Lugo e Santiago de Compostela. Conserva a inscrición epigráfica máis antiga de Viveiro, que di:

                                                              “ERA: M: CC: LV: IN TEMPO AF:”…

Interiormente, sobre a porta chama a atención un moderno camarín de madeira, obra de J. Otero Gorrita, cos bustos de Santo Tomé (patrón da cidade) e San Roque (co patrón). Na fornela encristalada presenta un Cristo do século XVIII, e a ambos os dous lados, a Virxe e San Xoán, con mantos dourados, do século XVI.

Próxima a esta porta atópase a artística Fonte do Cadafalso (s. XVII), que estaba enfronte do cenobio de Santo Domingos, demolido en 1851. 

                                                           

                                                                                       Retablo das Angustias (Foto de J.Manuel Paleo)
                    

ARCADA DA PONTE LABRADA OU DA ANGUSTIA

O arco das “Angustias” estivo situado entre a Ponte Labrada e o arranque da antiga Rúa do Sol ou de Porlier. Recibía este nome polo artístico grupo escultórico do século XVI, tallado en madeira policromada que presentaba no tímpano. As imaxes, estaban conformadas por unha Virxe que sostén en brazos ao corpo sen vida de Cristo, acompañada por San Xoán, á cabeceira, e a Magdalena, aos pés. As figuras, as dimensións e a composición artística estaban completamente adaptadas para ser expostas no tímpano da arcada.   

Sabemos que a porta queimouse no século XVII, segundo manifestaban os Rexedores do Concello, o día 3 de setembro de 1611:

(…)”otrosi se decretò que la puerta de la uilla de la puente de la rrua de labrada que se quemo enel yncendio pasado se aga de nuevo y para ello se conpre todo lo necesario por quenta y rracon que se pagara y darà librança”. 

No ano 1844 derrubouse o baluarte ou torre contigua á Ponte Labrada, e en 1861 desmontouse o arco das Angustias. Actualmente consérvase o artístico grupo escultórico no tímpano interior da porta norte de Santa María do Campo de Viveiro.

PORTA DE SAN ANTONIO OU DE SAN LUÍS

Situada fronte á Ribeira e a antiga ponte de San Francisco, a carón dos Alfolís, unía a Rúa de San Antonio coa da Bafuilla (actual P. Díaz). A arcada tamén se ten denominado como de San Luís, en recordo de San Luís bispo de Tolosa, recoñecido como patrón do gremio dos mareantes da Vila e que tiñan a súa confraría na Igrexa conventual de San Francisco.

Consideramos que tanto o nome de San Antonio como o de San Luís Bispo de Tolosa deberíanse á influencia que exerceron os franciscanos, pois ademais da proximidade do convento á devandita porta, tanto San Antonio como San Luís Bispo foron santos de fonda devoción para os franciscanos, especialmente o último que chegou tomar o hábito da Orden Terceira de San Francisco, no convento alemán de Eisenach.

Finalmente, a Porta de San Luís foi derrubada por acordo municipal do día 30 de agosto de 1841, debido aos problemas que ocasionaba, segundo manifestaban:

(…) “y el perjuicio que por su estrechez causa a los transeúntes que apenas pueden pasar con un carro cargado regularmente; se acordó proceder a su demolicion según los Señores Síndicos opinan en bien del mejor ornamento, sacando a públicas posturas el derribo para el Domingo próximo a las diez de la mañana”.     

Na actualidade tamén permanece en pé a Porta do Valado, situada na Calexa das Monxas, separando a horta conventual das concepcionistas, do lenzo de muralla que se conserva no antigo pazo urbano dos Sotelo Valledor. Mais esta arcada nunca tivo ningunha imaxe ou retábulo, seguramente por ser máis baixa na súa cara interior ou, mesmo, por ficar coma unha portada máis marxinal que daba acceso aos eidos circundantes. Determinados investigadores apuntaron a posible orixe romana desta porta, debido á semellanza coa lucense Porta Miñá.  

                                                                                   Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)    


Comentarios

Publicacións populares deste blog