Foto Vicente Míguez


                   A COVA DO SANTO VELLO, UNHA HISTORIA EN SOMBRAS 

INTROITO

Iniciadas as escavacións arqueolóxicas na Cova de San Xoán Vello, logo do acordo acadado entre o Concello de Viveiro e o grupo de investigación da USC, Sincrisis, considero oportuna a publicación do presente artigo para que sirva de complemento documental aos posibles achados que poidan aparecer durante a campaña de datación e caracterización dos mesmos.

O ROSARIO DE COVAS MARIÑAS DA RÍA DE VIVEIRO

Abundantes son os accidentes xeográficos conformados por covas, furnas, pedras de pesca, praias,  enseadas e calas mariñas existentes na Ría de Viveiro. Entre as distintas furadas e covas que aparecen na marxe esquerda da ría, dende a Punta de Socastro, ou Fuciño do Porco, até a praia de Seiramar en Covas (de norte a sur), podemos destacar as seguintes: A Cova da Doncela, Cova do Forno dos Mouros, Cova do Pino ou Mouchón, Cova de Magina,  Cova de San Xoán Vello, Cova de Canoura e Cova do Cereiro; da banda dereita da ría dende a desaparecida praia dos Golpes ao Monte Faro (de sur a norte) teríamos: A Cova Caída, que reunía grandes condicións de habitabilidade e  desaparecida na actualidade, O Forno, Cova Longa, Cova Fría, A Furada das Fontiñas, Cova da Pena Ruba, Cova do Penzo, Cova das mazás, das Eiras e do Campón.

Ademais destas, no interior da Terra de Viveiro existen outros acubillos naturais que ben puideron servir de refuxio durante a prehistoria ou nos inicios da cristianización, pois non debemos esquecer que os primeiros cristiáns e anacoretas vivían en covas, nos montes ou en illas mariñas (Coelleira?), buscando o illamento voluntario e o xeito de acadar un maior contacto coa divindade. Posteriormente, moitos destes eremitas  foron xuntándose dando lugar as lauras ou conxuntos de covas eremíticas. Co paso do tempo e a medida que se espallaba o cristianismo edificáronse os primeiros cenobios e igrexas. 

UBICACIÓN E DESCRICIÓN DA COVA DE SAN XOÁN OU DO SANTO VELLO

As referencias documentais máis antigas que coñecemos sobre a cova están ligadas á toponimia e a denominada Terra de Uiuario (Viveiro), datada xa do ano 969. Esta unidade territorial estaba integrada en 1.124 por dezaseis freguesías, entre as que se atopaba a de Santus Iohannes da Cova. A partir de aquí as testemuñas documentais son escasas, se exceptuamos a “Hidrología Médica de Galicia”, publicada en 1877 por Nicolás Taboada Leal e os libros de Fábrica da Igrexa de S. Xoán de Covas que se conservan no Arquivo Diocesano de Mondoñedo.

A cova ou furada atópase situada na parroquia de San Xoán, en Covas (Viveiro), no lugar da Insua, nun antigo souto hoxe convertido en eucaliptal sobre o bordo do acantilado que está derriba da praia do Santo Vello e que domina toda a enseada da Concha, cerca do Cargadeiro das Minas.

O médico viveirés e cronista oficial de Vigo, Taboada Leal, fai na súa “Hidroloxía Médica” a seguinte descrición da Cova do Santo Vello:

“(…) Aproximándonos á la cueva, se ve que la superficie exterior ó terreno que cubre el gran peñasco de la misma, forma un extenso y delicioso soto, sobre el que se elevan muchos y corpulentos castaños. Además vegetan y crecen entre estos los helechos, el gordolobo, el trifolio, la digital purpúrea, y algunos sáuces y juncos, que son los indicativos de la existencia del agua.

“(…) esta cueva está formada por un enorme peñasco de naturaleza ferruginosa, y su forma se asemeja a una gran concha. Inspeccionando sus paredes interiores é incrustaciones, se observan cubiertas de capas salinas ó cristalizaciones de variados colores y formas unas de color blanquecino pastosas, muchas formando prismas brillantes y romboidales, así como otras varias figuras, y algunas también de color verde claro y jaspeadas de diferentes matices; en una palabra, se ve todo el interior revestido de estalactitas, que solas y agrupadas, más o ménos brillantes, imitan á la filigrana.

(…) En nuestra juventud hemos estado diferentes veces dentro de esta admirable gruta, y recordamos que en aquella época aún se conservaban restos de las tres paredes, testera y laterales del antiguo templo. Entonces todavía existían los huecos o criptas en que habían estado colocados los altares, y tampoco se habían borrado enteramente las señales de algunas pinturas, que aún se notaban en varios puntos de la caverna; también hacemos memoria de haber visto en ella una pila de agua bendita y otros vestigios muy suficientes por si solos á probar que en aquel subterráneo hubo un templo.”    

Ademais, Taboada Leal fai unha ampla descrición da zona, da parroquia de Covas, dos ríos, cultivos, flora, fauna, minerais férricos e da análise das augas ferruxinosas de carácter salutífero.

                                                                                                                                                                                             Foto C.Nuevo

 Sabemos, grazas ao tamén primeiro cronista oficial de Viveiro Noya González, que ademais da cova propiamente dita, na súa zona de influencia houbo un antigo cemiterio e unha casa reitoral, onde residía o crego da igrexa rupestre. Vexamos polo seu interese a testemuña que nos deixou o cronista no seu artigo intitulado “La Cueva de San Juán Vello”, publicado no semanario El Eco de Vivero (25-8-1892):

“El nombre de la extraña gruta recuerda, sin duda, lo que la tradición nos dice, que allí estuvo situada la antigua iglesia de S. Juán. No lejos de la cueva enseñan los habitantes de aquellos contornos el lugar en que los feligreses de la antigua iglesia dormían el sueño de la muerte y á poca distancia también enseñan el emplazamiento de la casa rectoral”.

Igualmente, algúns dos terreos da parte superior da cova, cultivados até hai moi poucos anos, coñecíanse co nome do Campanario. Recibían esta denominación debido á existencia dos restos dun antigo campanario que estaba exento ou separado da singular igrexa. Como curiosidade, e por describir tamén a Cova do Santo que é como a denominaban, imos reproducir o seguinte texto que figura no Boletín nº 21 da “Comisión del Mapa Geológico de España”, publicado en 1894:

“Se encuentra esta caverna en la vertiente septentrional del monte denominado “Cordal de Riobarba”, en sus últimos contrafuertes, sobre la costa, á la derecha de la ría de Vivero y á unos dos quilómetros de la villa, en término perteneciente á la feligresía de San Juan da Coba. La boca se abre en dirección al NE.; la bajada que conduce á su interior es bastante pendiente, angosta y muy temible, á causa del gran precipicio que hay á la izquierda de ella. Consiste la parte conocida de la cueva en un gran anchurón de forma oval, cuyas paredes y techo se hallan cubiertas de una capa estalactítica;  constantemente, de la parte superior de la caverna mana abundante agua en gotas, que forma un charco en el suelo: esta agua es mineral, y según el señor Taboada Leal, corresponde á las acidulo-ferruginosas sulfatadas. Los paisanos de los alrededores usan estas aguas para toda clase de enfermedades, pues las atribuyen un origen divino”.

Toda a zona de influencia do santuario estivo marcada sempre pola presenza e abundancia de mineral de ferro (Testa de Ferro), extraído dende moi antigo e máis modernamente para os usos do alto forno das Fábricas de Sargadelos (s. XVIII) e das Minas da Silvarrosa (s.XIX). Ademais, entre a Punta do Cabalo e a illa Queimada están As Louseiras, que abastecían a Viveiro de rumbeiros e pedra de pizarra  para todo tipo de materiais da construción. A abundancia destas rochas metamórficas nos restos arqueolóxicos das Villaes romanas de Area-Faro e Viveiro centro, demostran o continuo traslado destes materiais dende as Louseiras de Covas á banda dereita da ría que é de dominio maioritariamente granítico. A explotación destas Louseiras aparece documentada dende finais da Idade Media até tempos moi recentes.

                                                                                                                                              Foto C.Nuevo

UNHA COVA DE ORIXE RITUAL?

Realmente, mentres non contemos con datos rigorosos das investigacións arqueolóxicas, a orixe deste santuario natural continuará sendo moi confusa, pois non sabemos con certeza en que momento histórico foi sacralizado. O lóxico sería pensar na posibilidade da utilización do habitáculo como un lugar de orixe ritual previo ao cristianismo. A propia elección da cova como santuario bastante illado e separado dos principais núcleos de poboación (na toponimia da zona rexistramos os Castros en Covas, Castrobó e Castro de Suegos) facilitaría a posible delimitación como un lugar de rituais de saída e cultos funerarios pois, non debemos esquecer a relación das covas co mundo subterráneo, a morte, a escuridade e o Máis Alá, como morada dos nosos devanceiros. A mesma paisaxe agreste do lugar, daquela cuberta de abondoso arborado e augas minerais, ben puidese indicar a existencia dun culto anterior. Recordemos as diatribas de San Martiño Dumiense, en De correctione rusticorum, para combater as moitas supersticións que existían na súa época arredor do culto ás pedras, ás árbores e ás fontes. Curiosamente, a devoción a San Martiño contaba con distintas advocacións na Terra de Viveiro, tal era o caso da desaparecida capela de S. Martiño de Rúa Cuberta, situada nos terreos do actual convento das Concepcionistas ou das capelas dedicadas ao mesmo santo no Monte Castelo e en San Martiño de Galdo.        

Sen dúbida, a Igrexa católica, coa cristianización da cova santuario buscou erradicar calquera simboloxía ou resto de paganismo, instalando dentro a propia igrexa parroquial e poñéndolle o nome dun santo tan significativo e relacionado coas augas coma San Xoán “O Bautista”. En adiante, os actos relixiosos, as romarías, os enterramentos  e lumeiradas de San Xoán celebraríanse neste lugar tan representativo e simbólico. O propio cronista e subdiácono  J. Noya ficou marabillado da contemplación da cova e da súa paisaxe exterior aínda moitos anos despois de ter sido desacralizada. Incluso, fálanos da posible presenza dun “xenio” ou espírito lendario que podería habitar nela como manifesta neste outro pasaxe do artigo publicado en El Eco de Vivero, o 25 de setembro de 1892:

“Imponente, con agreste majestad, infunde en quien por vez primera penetra en su interior, cierto respeto y admiración, y al elevar la vista y registrar la extensa bóveda en la que se adivina la mano del hombre, las paredes en las que se advierten vestigios del arte, cierta indefinible sensación se apodera de su sér, é interroga á los restos de construcción que subsisten todavía, al mar, á los peñascos, la historia de la tétrica mansión, si por ventura es habitada por genio fantástico ó si recuerda la civilización de otros tiempos. El historiador, el arqueólogo, el naturalista, encuentran objeto de meditación, y el poeta ¡ah! El poeta siente oscilar sobre su frente el divino soplo, al contemplar la majestad imponente del lugar misterioso y entiende el místico lenguaje del mar que brama á sus píés queriendo socavar los cimientos de la encantada cueva, y es música harmoniosa á su oído el viento que agita las ramas vecinas y que produce sonidos y voces pavorosas en lo interior de la furada de San Juán.”

A Cova do Santo Vello podemos caracterizala como unha cavidade húmida, debido a presenza de augas que pingaban dende o teito e da fronte da bóveda; polo xeral, nesta tipoloxía de covas, que foron escavadas e estudadas polos arqueólogos, están constatadas as celebracións de distintos rituais de paso, onde a auga desempeñaba un rol fundamental. Sabemos  tamén da existencia doutras dúas fontes de augas ferruxinosas, hoxe desaparecidas, na parte alta da cova e debaixo da cova na praia do Santo Vello. 

De grande interese son tamén as diferentes lendas da Cova de San Xoán e da Doncela cos seus seres mitolóxicos (O Santo Vello, a vella, as mouras,os  mouros, a sereas e dona encantada), pero esta temática e a relación coas augas require dun outro traballo máis específico.

                                                          Imaxe de San Xoán que foi trasladada dende a Cova a actual igrexa parroquial
    
 

TRASLADO DA IGREXA NO SÉCULO XVIII

Debido ao estado ruinoso que presentaba a Igrexa da Cova e despois da visita que realizou á mesma Luís Canoura, en nome do bispo mindoniense Fr. Antonio Alejandro Sarmiento de Soto Mayor, o día 16 de outubro do ano 1731, mandóuselle ao crego de Covas Ignacio Castañón que publicara esta Visita e os seus mandatos, recollidos así no Libro de Fábrica nº 2 (anos 1722-1818):


“Item por quanto la Ygla parroquial deesta felegresia sealla arruinada, y en sitio incapaz para su permanencia por estar sobre un peñasco elevado inmediato a la mar, cuias aguas le tienen carcomido y a peligro de desmoronar se con la continuacion por ser Costa mui braba, y allarse asi mismo mui umeda a Causa de una fuente que nace dentro sin que pueda conservarse en ella el sacramento, ornatos y mas alaxas, y expuesta â algun asalto de enemigos de la fee catholica y aquela ultragen y estar prohibido por constitucion sionodal deeste obispado qe. nosetenga el santissimo en Yglas.semexantes, y no poder hacer las funciones de procesiones, y otras con la decencia que se debe, ni la prompta administracion de sacramentos por la incomodidad de el sitio: portanto manda su Iltmâ qe. para obviar tan graves inconvenientes se traslade dha Yglesia parroquial aparte mas commoda, y resguardada, para lo qe. los Vecinos de dha. felegresia dentro de quinze dias señalen sitio Conveniente y áproposito adonde pueda hacerse, y al termino de seis meses junten los materiales para ella, y al de un año la agan hacer con toda perfeccion y segurid.  yasi lo Cumplan en virtud de Santa obediencia so pena de ex comunion maior, y con apº (apercibimiento) de qe pasados dhos trmos. (términos) no haciendolo seles compelerá aello asu Costa, y procedera alo mas que aia lugar”.


 Polo que acabamos de ler a Cova Santuario fórase deteriorando pouco a pouco, principalmente polas filtracións das augas que goteaban pola bóveda e discorrían polo interior do templo saíndo cara ao acantilado. Segundo Taboada Leal, nos lugares onde se precipitaba a auga “y por los surcos por donde corre, se observa un depósito ocráceo muy abundante; la mayor porción es un verdadero herrumbre, otro es de color rojo oscuro con listas jaspeadas, lustrosas á trechos y también hay algún amarillo”. Malia todo isto, o médico viveirés afirmaba que as augas eran “incoloras, muy cristalinas y diáfanas, también son estas aguas completamente inodoras y tienen un sabor bastante pronunciado á caparrosa ó tinta, que se hace más perceptible después de bebidas; pero no son ingratas repugnantes ó nauseabundas al paladar, y tampoco ocasionan peso ó incomodidad en el estómago”.

Finalmente, o bispado de Mondoñedo decidiu clausurar a igrexa, como vimos, debido aos derrubes, á incomodidade de celebrar calquera acto dentro, ao medo ás invasións por mar e ao cumprimento das prohibicións Sinodais que recomendaban o uso de lugares dignos para a exposición do Santísimo.

Os continuados derrubes dun chan tan inestable, con tanta humidade e proximidade aos acantilados, remataron por arruinar totalmente o santuario como tan ben cantou o noso vate por excelencia Nicomedes Pastor Díaz no seu gran poema “La Sirena del Norte”:

(…)”Allí sonó do escombran la ribera/ Religiosas ruinas; /Allí rústico templo un día fuera; / Allí oró el pueblo fiel de las marinas.

Minó la mar sus frágiles cimientos/ Al altar de la aldea; / Las ondas derribáronle y los vientos,/ Y cubrirále en breve la marea.//

Agardemos que as escavacións arqueolóxicas comezadas sirvan  para clarexar a verdadeira orixe desta cova santuario natural que foi durante séculos tan popular como enigmática.

                                                               Carlos Nuevo Cal (Cronista Oficial de Viveiro)

   



Comentarios

  1. Maravilloso hallazgo y descubrimiento, posterior resguardo de la estatuilla de San Juan a la Iglesia Parroquial....cuando el tiempo borre los recuerdos solo quedan las cronicas, y si algun caminante trasnochado o futuro arqueologo topa de narices con la cueva y su olfato descubre algo de hIstoria, busca y encuentra LAS CRONICAS.....!!!MIraremos desde el Cielo y Dios nos felicitara!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog