Fotografía tomada na Praza Maior o día 17 de abril de 1912, con motivo dun eclipse solar, na que aparecen distintos membros das familias Cortiñas Riego, Pla e Varela, entre outros, ademais de Luís Tobío Campos. Arquivo C. Nuevo Cal.



AQUEL ECLIPSE SOLAR QUE DESPEDIU AO INVERNO DO ANO 1912 EN VIVEIRO

ADRAL

Durante a antigüidade, a idade media e gran parte da idade moderna determinados fenómenos naturais, por exemplo, os eclipses de sol ou de lúa, representábanse como signos terribles, que anunciaban grandes catástrofes ou, incluso, a fin do mundo. O fenómeno de poder ver as estrelas durante o día coma se fose de noite infundía aterradores medos nunha poboación maioritariamente analfabeta, constantemente amedrentada polos poderosos e as predicacións apocalípticas dos clérigos. Incluso, os homes máis cultos asustábanse ante os eclipses, interpretándoos como unha clara sinal de futuras desgrazas, por mor dos recorrentes pecados da humanidade. Malia a estaren acostumados ás guerras, ás fames, ás enfermidades, á peste, á morte e outro tipo de calamidades propias destas épocas, as crónicas daqueles tempos reflíctenos a uns homes e mulleres do máis temerosos fronte aos fenómenos celestes de carácter excepcional , coma os eclipses, os cometas , as estrelas fugaces, as auroras boreais, as nubes incandescentes ou, as areas vermellas procedentes dos desertos do norte de África, que o imaxinario popular identificaba coa sangue.   

Na actualidade, os astrofísicos, as redes sociais e os mass media ofrécennos tal cantidade de información sobre os eclipses que mesmo semella perderen o valor científico que tiveron antano, cando non había nin satélites artificiais nin grandes telescopios capaces de xerar a inxente información da que agora calquera persoa interesada no tema pode dispoñer ao instante.

O eclipse do primeiro decenio do século XX (1912)

En Galicia, onde levamos sen observan un eclipse total dende hai máis dun século, hoxe, 12 de agosto, a partir das 20, 27 horas do serán, unha gran parte da nosa comunidade volverá  quedar baixo a escuridade da Lúa, como aconteceu co último gran eclipse solar do 17 de abril de 1912.

Por todo isto, debido ao seu interese, queremos recuperar parte dun artigo da nosa autoría, publicado na Voz de Galicia, correspondente ao 22 de marzo de 2015, e no que falábamos daquel eclipse, tamén denominado anular-total, é dicir, dos que se producen cando a Lúa está a máxima distancia da Terra. Ao respecto, desexamos facer algúns apuntamentos de cómo se viviu en Viveiro o eclipse de hai cento catorce anos.

Certamente, na actualidade, semella sorprendente comprobar como naqueles anos de principios do pasado século XX se realizou un detallado e científico seguimento do fenómeno astronómico nunha pequena poboación como o Viveiro de 1912, que tiña 12.977 habitantes e dispuña á altura dun só semanario local, Heraldo de Vivero, fundado apenas uns meses antes, en concreto o 17 de febreiro.

Sen dúbida, o mérito da información realizada correspóndelle en exclusiva ao mestre da escola pública da localidade Luís Tobío Campos, pai do diplomático e galeguista Lois Tobío Fernández. O mestre Tobío cualificado polo seu fillo coma “un home de universal curiosidade, un enciclopedista, como os de antano”, viña colaborando asiduamente no “Heraldo”, onde ademais de publicar diversas poesías, enviaba semanalmente cimogramas do estado atmosférico local, labor que realizaba coa recollida diaria de temperaturas e precipitacións na pequena Estación Meteorolóxica que tiña montada nos claustro de San Francisco. A montaxe inicial do observatorio fora posible grazas aos donativos económicos realizados polas sociedades de Instrución de orixe viveirés Centro Hijos del Partido de Vivero (Buenos Aires, 1909) e Vivero y su Comarca (La Habana, 1910). Posteriormente, o Observatorio Central Meteorolóxico de Madrid tamén enviaría distintos aparatos meteorolóxicos para a recollida de datos.

Ademais de manter relacións epistolares co Observatorio Central enviando regularmente información climática,Tobío Campos, tamén era socio da Sociedade Astronómica de España (Barcelona, 1911), sociedade científica da que recibía as revistas mensuais ilustradas. Grazas ás revistas podía informarse dos últimos adiantos científicos e colaborar con variados artigos, pois era un namorado das matemáticas. Con ocasión do eclipse total do 17 de abril de 1912, foron bastantes as colaboracións que enviou ao “Heraldo”, durante os meses de marzo e abril, explicando polo miúdo o fenómeno astronómico. Vexamos tan só un pequeno extracto da crónica do Heraldo de Vivero do día 6 de abril: “Comenzará por ser parcial y luego se hará anular para todos los puntos situados en una muy estrecha zona que tendrá su principio en Venezuela, se extiende hacia el NE., pasa al NW. De las islas Canarias, haciéndose total un poco antes, cruza el ángulo NW. De nuestra Península pasando al N. y muy cerca de Ovar, por Metres y Peñafiel de Portugal, por Castrelo y el Barco de la provincia de Orense, Palacios y Villablino de León, Oviedo y Somió de Asturias, cruza el mar Cantábrico, atraviesa a Francia, a Alemania (cerca de Lubeck vuelve a hacerse anular) y a Rusia por el NW, para ir a terminar en el centro de la Siberia cerca de Tomsk”.

O feito de que a liña do eclipse central pasase, entre outras poboacións, polo Barco de Valdeorras motivou que o propio director do Observatorio Fabra de Barcelona e director da revista Sadeya, Josep Comás Solá, elixira a devandita localidade ourensá para realizar a observación an directo. Comás contou tamén coa inestimable colaboración de Juan Solá, operador da casa Pathé, quen gravou cunha cámara cinematográfica o denominado “espectro relámpago”, é dicir, a emisión da cronosfera solar, que se observa tan só durante uns poucos segundos xusto antes e xusto despois dun eclipse total. Aínda que o propio Josep Comás Solá recoñecería que para o público en xeral a observación do eclipse fora un tanto decepciónante debido a súa curta duración, destacou en cambio, o grande interese astronómico e científico que acadara.

Finalmente, o Heraldo de Vivero. Na súa edición do día 20 de abril de 1912, recollía deste xeito tan sintético e curioso o acontecido na cidade viveiresa o día do eclipse: “Tal y como la Ciencia lo anunció, se ha efectuado el abrazo del Sol y la Luna. Con tal motivo, se vieron invadidas nuestras calles y afueras de la población, por un enjambre de profetas que ejercieron la alegría por todas partes”.                                                     Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro

Comentarios

Publicacións populares deste blog