Cargadoiro das minas da Silvarrosa na Insua.
A CELEBRACIÓN DO 1º DE MAIO EN VIVEIRO, CUMPRE
CEN ANOS
O PROTOSOCIALISMO (1899-1908)
En 1899, coa posta
en marcha e explotación das minas de ferro da Silvarosa pola empresa de capital
alemán The Vivero Ore Cia. Ltda., producíronse
en Viveiro as primeiras folgas obreiras na demanda de mellores condicións salariais
e laborais. Igualmente, en outubro de 1902, constituíse a sociedade de
carpinteiros La Prosperidad, e seguindo
o exemplo desta nacería o sindicato das Minas
del Valle de Vivero (1903). Así mesmo, fundaríanse as entidades
corporativas de carácter gremial Honradez y Laboriosidad ( xastres) e Aspiración
de zapateiros, ambas as dúas de curta duración. Agora ben, a primeira Agrupación Socialista de Viveiro
fundouse o 13 de setembro de 1903, en Guistilán (Galdo), debido a súa
proximidade aos traballos iniciais das minas.
Ao fronte da
Agrupación figuraba como presidente o obreiro Antonio Fernández Castedo, e
aínda que descoñecemos o nome dos demais cargos directivos si sabemos, á
altura, os nomes de tres dos fundadores:
Antonio Louro, Luis Rey e Antonio Rodríguez Iglesias. A nacente
sociedade socialista que contaba en 1904 con 14 membros, xogou un rol
importante na organización de distintas folgas, mitins e actos sociais
acontecidos na localidade nestes primeiros anos do século, motivo polo que se
convertería no albo dos ataques da patronal, do director do semanario El Eco de
Vivero, o tradicionalista Jesús Noya e dalgúns membros da igrexa mais reaccionaria,
como o párroco de Magazos Daniel Iglesias Gradaille “Carracuco”.
Os socialistas
viveireses, xunto con algúns membros do antigo Grupo Germinalista da localidade
como Antón Vilar Ponte, editaron, o 15 de setembro de 1906, o quincenal
anticlerical Germinal, que tiña por lema: “Ni
Dios ni amo”. Coa desaparición de Germinal, que coincide no tempo coa partida
á Arxentina e Cuba da maioría dos seus redactores, desapareceron a Agrupación
socialista e as sociedades de resistencia obreira da localidade, de tal
xeito que en 1908 só ficaba a mutualista Sociedad
de Obreros, fundada en 1888.
Malia ao amplo
labor organizativo, propagandístico e de loita en defensa dos traballadores realizado
durante estes anos polas organizacións obreiristas viveiresas, chama a atención
a falla de celebracións públicas no día 1 de maio. O establecemento do 1º de
Maio como xornada de loita reivindicativa do movemento obreiro mundial levarase
a cabo por vez primeira en 1890, despois do acordo tomado o ano anterior na
celebración en París do Congreso Obreiro Socialista da II Internacional. A
instauración desta efeméride serviría tamén como homenaxe aos mártires de
Chicago, masacrados en defensa da loita pola redución da xornada laboral e na
mellora das condicións de traballo de homes, mulleres e nenos.
Como reacción á
nova celebración da clase obreira aprobáronse distintas medidas lexislativas
como as que estableceu o dirixente conservador Cánovas en 1891 para prohibir as
manifestacións nas rúas, ao tempo que restrinxía os mitins, actos e reunións aos
locais pechados para extremar a vixilancia e o control político.
Dende 1909 a 1919 o
movemento obreiro viveirés ficou totalmente desartellado e instrumentalizado
ou, mesmo, anulado por parte dos grandes partidos da Restauración, liberais e
conservadores, que utilizaron aos obreiros en función dos seus intereses
electorais.
Poboado mineiro das minas da Silvarrosa coas vivendas, capela e hospitalillo.
O RENACER DA CLASE OBREIRA: A CELEBRACIÓN DO 1º DE MAIO
(1919-1924)
Porén, a partir da
revolución do outubro ruso de 1917 e, sobre todo, do armisticio que supuxo o final da gran Guerra europea,
comezou unha época de gran efervescencia social. agudizada polo empeoramento progresivo
das condicións de vida dos traballadores como resultado dos desastres da guerra,
da crise das subsistencias e da falla de recursos que orixinaron un estalido de
protestas por toda Europa. En España produciuse a fracasada Folga xeral de
1917. Neste contexto revolucionario, constitúese na nosa vila o 26 de decembro
de 1918 a Sociedad de Obreros del Ramo de
Construcción. O novo sindicato foi fundado pola seguinte comisión
organizadora: Eduardo Arenas, Jesús García, Juan Vieiro, José Seara, Francisco
Núñez, Salustiano Chao Ladra, Eugenio López e Vicente Freire Lopez. En adiante,
publicarían El Defensor Obrero, como órgano de prensa para expandir as súas
reivindicacións e ideoloxía, ao tempo que esixían responsabilidades pola sangría
que supuña a guerra colonial de Marrocos. Malia o alto grao de organización
acadado en 1919, aínda teríamos que agardar até 1920 para a celebración do 1º
de Maio en Viveiro. Neste ano produciuse en abril unha folga na construción e, dende
finais de marzo a setembro, unha longa protesta na Fábrica de automóbiles de
Chavín pola negativa de Jose Barro a reducir a xornada laboral de 10 horas e
media a oito. Ademais, a carestía das subsistencias e falla de cereais, fariña
e ovos deu lugar a distintas protestas e motíns, encabezados maioritariamente
por mulleres.
Con este ambiente
totalmente exaltado celebrouse a primeira Festa do Traballo en Viveiro da que
daba conta a crónica do “Heraldo”(2-5-1920), do seguinte xeito:
“Por primera vez se
ha conmemorado en Vivero, por los trabajadores, el primero de mayo.
A las once de la
mañana se organizó una manifestación que recorrió las principales calles del
pueblo, en medio de la mayor sensatez.
La Sociedad de
Obreros del gremio de Construcción estrenó, con tal motivo una hermosa bandera
primorosamente bordada por la Srta. Consuelo Lorenzo, labor que ha sido
elogiadísima por cuantas personas la han visto expuesta en el escaparate del Sr.
Grandío.
Se da por seguro que
en breve se celebrará un mitin de propaganda societaria con la asistencia de un
delegado de la Unión General de Trabajadores”.
En xaneiro de 1921
produciuse a constitución dun novo sindicato: a Sociedad de Obreros Mineros del Valle de Vivero, nun momento de
grande sensibilidade mineira debido a reiteración dos accidentes laborais.
Coincidindo co 1º de Maio dese ano, os dous sindicatos obreiros botaron á rúa
un panfleto titulado: “El proletario
vivariense rompe las cadenas”; nel anunciábase a próxima chegada a Viveiro
do secretario xeral da UGT Largo Caballero, ao tempo que se reafirmaban na
unión da clase obreira e a ruptura cos partidos burgueses.
O día 6 de xuño de
1921 Largo Caballero pronunciou un mitin na Praza Maior, no que participaron
ademais Manuel Cordero e os socialistas locais E. Fernández Temprano e Alfonso
Quintana. Francisco Largo falou sobre o problema social explicando a diferenza
entre odio e a loita de clases, recomendando a moralidade e maila instrución
obreira.
A medida que foi
callando na clase obreira o carácter festivo da celebración do Día do Traballo
e da Paz, que así se denominou durante os anos de 1922 e 1923, tiña lugar a
manifestación matutina que saída da Casa do Pobo para percorrer as rúas coas
súas bandeiras e carteis, acompañados da Banda de Exploradores e do canto dos
himnos A Internacional e Primeiro de Maio. Logo celebrábase un mitin no Teatro
Nemesio onde teñen dirixido a palabra ao público destacados líderes obreiros
viveireses, ferrolás e ourensás. Ao remate facíase entrega no Concello das
conclusións acordadas para remitilas ao
presidente do goberno. Entre outras, solicitábanse o fin da guerra de Marrocos,
a implantación do control sindical e o respecto da xornada de 8 horas.
Pola tarde era
costume realizar unha xira campestre ao Rego de Sidro, con musica de baile e
merendas nas que participaban familias completas, incluíndo ás mulleres e os
nenos para darlle a conmemoración un forte senso comunitario e de unidade. Na
manifestación de 1922 desenvolveron un rol especial as mulleres, logo da folga
que realizaran con éxito na fábrica de cerámicas La Gallega, en Celeiro.
A finais de
novembro de 1922 comezou a publicarse o quincenal El Proletario e constitúese a Agrupación
Socialista de Viveiro no mes de decembro. As últimas celebracións do primeiro de Maio serían as de
1923 e 1924, pois co Directorio militar do xeneral Primo de Rivera prohibíronse
as manifestacións e reduciuse totalmente
a actividade partidaria, motivos polos que a celebración obreira non volvería a
reorganizarse até a proclamación da II República, en 1931.
Carlos Nuevo Cal (Cronista
Oficial de Viveiro)
Comentarios
Publicar un comentario